- Unha ducia de cancións que se cruzaron coa política galega
- EN VINTE | Os vídeos do 18F. A campaña vai con ritmo e sobre ‘ruedas’
Mondra e Nadie González ao son das pandeireteiras Bouba poñen voz a 'Somos máis', a composición de Xosé Lois Romero que servirá como nova sintonía ao Bloque
O BNG saíu das eleccións galegas do pasado 18 de febreiro coa maior representación parlamentaria da súa historia en virtude da maior porcentaxe de votos que nunca obtivera: 25 escanos e algo máis do 31% dos votos. Pero sen lograr o principal albo da súa campaña, o cambio político con Ana Pontón na presidencia, e cun reto clave: "manter a ilusión" que, aseveraban na formación soberanista, lograran concitar en torno a si na carreira cara ás urnas en niveis que tampouco lembraban.
Neste último obxectivo encádranse accións como o seu afán de continuaren cunha intensa axenda por múltiples puntos do país aínda que non haxa eleccións á vista ou estruturaren o labor de oposición mediante un "goberno na sombra". E, no plano máis simbólico e da comunicación, outras como a presentación da súa nova sintonía musical, unha composición que ve a luz en vésperas dos actos do Día da Patria baixo o título Somos máis cunha linguaxe que entronca coa empregada nos seus celebrados vídeos de campaña.
Tras desenvolver a campaña electoral cos acordes de Fábrica de luz d'A banda da loba e despois duns anos nos que utilizou diversas composicións, caso de Xente de Berrogüetto, sen a permanencia no tempo do Wonderful land de The Shadows na versión de Mike Oldfield que os acompañou nos anos 90, o Bloque escolle agora unha composición de Xosé Lois Romero. Póñenlle voz artistas protagonistas da escena musical galega actual, Mondra e Nadie González, coas pandeiretas das Bouba e Lara Caeiro á fronte do traballo visual.
Pretende ser a "banda sonora dos galegos e galegas que teñen depositadas as súas esperanzas nun país mellor", di Ana Pontón
Sinala Pontón que Somos máis pretende ser a "banda sonora dos galegos e galegas que teñen depositadas as súas esperanzas nun país mellor". O BNG, di, está "no mellor momento da súa historia", consegue "chegar a segmentos sociais moi amplos" e "este momento merecía unha nova banda sonora" que representa "o país na súa diversidade" e "convida a mirar ao futuro con esperanza e con confianza".
Agrega a portavoz nacional do Bloque que elixiron presentar este "tema que chega ao corazón" ás "portas do Día da Patria" por ser a xornada na que "celebramos que somos galegos e galegas". Como é habitual, o BNG ten en marcha a súa campaña do 25 de xullo, que culminará cunha manifestación en Compostela no propio Día Nacional.
Dende a véspera, a formación soberanista impulsa a través de Galiza Nova, a súa organización xuvenil, e mais da Fundación Galiza Sempre a celebración do Festigal. O cartel músical do festival ten está estea ano protagonizado por un dos autores da nova sintonía, Mondra; xunto a el, Filloas, De Ninghures e Rebeliom do Inframundo pasarán polo escenario do Campus Vida compostelán na noite do día 24. Na tarde do 25 será a quenda para Donicelas, Lucía Aldao cos temas do seu Pava e mais para DJ Misa.