Unha ducia de cancións que se cruzaron coa política galega
O polémico contrato da Xunta coa produtora de Enrique Iglesias sumou esta semana unha canción máis á lista de temas musicais que, por razóns diversas, tiveron algunha ligazón coa política galega nos últimos anos. Imos repasar algunhas.
-
01
Xuntos, de Juan Pardo
Cando Manuel Fraga traballaba arreo para facer de Galicia a súa Baviera, naqueles tempos en que os dirixentes do PP tiñan que asistir aos actos do seu partido dende o 'poleiro' dos auditorios, o PPdeG fixo de Juan Pardo o seu músico de cabeceira e deste tema, o seu himno oficioso. "Xuntos nos trunfos e xuntos nos fallos tamén", a cousa estaba clara.
-
02
'Wonderful land', de The Shadows
A canción que interpretan The Shadows nesta gravación da televisión holandesa datada en 1962 foi versionada nos 80 por Mike Olfield e pouco despois converteuse na banda sonora que acompañou o BNG ata finais da pasada década
-
03
Un canto a Galicia
Julio Iglesias paseou esta canción polos escenarios durante décadas e reactivouna con intensidade na contorna do Xacobeo 93, cando a Xunta o investiu como embaixador do evento previo pagamento de 300 millóns de pesetas. Dez anos despois, en 2003, aínda lle deu unha voltiña para, entre outras cousas, participar na campaña electoral na que o PP de Lugo tentou converter en alcaldesa a Manuela López Besteiro.
-
04
A muiñeira de Pimpinela
Nunca foi himno de partido ningún, pero a canción na que o inefables Pimpinela deixan de rifar para concordar en que Galicia está "cada día máis linda, máis linda; cada día mellor e mellor" ben pode representar, cando menos, boa parte da nosa historia recente.
-
05
Alberto Núñez Feijóo
Os da Ría, reis da música lixeira (a.k.a "música livián") do país colleron o clásico Con te partiro e, cando o soltaron, convertérase nun himno ("fimno", en galegueiro) ao presidente da Xunta. Nesta ligazón tedes o punto de inicio exacto da canción e no vídeo, o concerto enteiro.
-
06
Los Limones: "Chegou o momento"
En 2009 o candidato Feijóo recuperou a Los Limones e converteunos nos seus músicos de cabeceira. Daquel encontro xurdiu Chegou o momento, que tivo ata versión karaoke na campaña do PP.
-
07
Galicia será nación
Pouco antes do retorno de Los Limones irrompera no panorama político-musical do país o indescriptible Edilberto Alonso, galego emigrado en Irlanda que dende alí compuxo himnos diversos. O máis exitoso foi este Galicia será nación. Se cadra, soaba de fondo nas malogradas negocacións para a reforma do Estatuto.
-
08
O reaggeton de Anxo Quintana
Mentres Feijóo pedía o voto ao son de Los limones Anxo Quintana facía o propio con este reaggeton que, posiblemente, foi un dos primeiros virais da política galega mentres xeraba aborrecementos e paixóns.
-
09
'Quen puidera namorala', por Xoel López
O poema de Cunqueiro que Luís Emilio Batallán musicara nos anos 70 foi versionado por Xoel López no mesmo 2009, ano abondoso en cancións electorais, para poñerlle música á campaña de Emilio Pérez Touriño.
-
10
All right, de Supergrass
Seguimos na campaña de 2009. O PSdeG decidiu que o seu candidato á reelección accedese aos escenarios de cada mitin ao ritmo dos Supergrass. "We are young", dicían.
-
11
Los limones atacan de novo
Por se aquel Chegou o momento non abondara, o PPdeG volveu botar man de Los limones para a súa campaña electoral de 2012. Desta volta a banda ferrolá sacou á luz aquel a xa mítico Veña, Galicia, con insistentes rimas en -icia e senlleiras frases como "manda carallo, botafumeiro", todo superposto a imaxes aéreas tiradas da TVG.
-
12
Enrique Iglesias de noite e de día
O fillo do ex embaixador Xacobeo foi, grazas á súa produtora e á Xunta, un dos protagonistas da semana política galega. O seu canto á roupa "sudaíta" e aos movementos de cintura "con indecencia" terá paisaxes galegas grazas a 302.500 euros das arcas públicas.