Marcos Pérez Pena

Unha ducia de loitas e vitorias nos 50 anos de actividade de ADEGA

ADEGA está a celebrar o seu 50 aniversario. Faino cunha serie de actividades, que inclúen a exposición itinerante "50 anos coidando a terra", que o xoves 25 chega a Santiago e en outubro pasará por Pontevedra e A Coruña. Repasamos aquí unha ducia das mobilizacións sociais nas que a entidade participou nas súas cinco décadas de historia. Loitas sociais que en moitas ocasións foron quen de mudar a realidade e protexer o medio natural e á poboación e que foron conformando a educación ambiental da sociedade galega.

  1. 01

    50 anos coidando a Terra

    A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) está a celebrar o seu 50 aniversario. Faino cunha serie de actividades, que incluíron xa a organización no mes de xuño en Lugo do festival ADEGA: 50 anos coidando a Terra e da exposición itinerante "50 anos coidando a terra", que xa pasou por Carballo, Muros, Arzúa ou Valdoviño e que a partir do vindeiro xoves 25 se poderá ver en Compostela. O 9 de outubro estará en Pontevedra e o 23 de outubro chegará á Coruña.

  2. 02

    O nacemento de ADEGA

    ADEGA nace no ano 1974, aínda que non sería legalizada ata 1976. O seu primeiro presidente foi Domingo Quiroga, experto en temas mariños con prestixio internacional; Francisco Bermejo, experto en contaminación, foi o primeiro vicepresidente; e o arquitecto Bar Boo, o segundo presidente. Tamén formaron parte da dirección de ADEGA os avogados Xosé Luis Fontenla Rodríguez, terceiro presidente: Xosé Luis Rodríguez Pardo; o futuro presidente da Xunta Fernando G. Laxe (secretario xeral na segunda directiva) ou Xosé Manuel Beiras.

    Precisamente Xosé Manuel Beiras foi unha das primeiras persoas que alentou a creación dunha "asociación prá defensa ecolóxica de Galicia", como facía nesta carta enviada a Domingo Quiroga en 1973.

  3. 03

    Celulosas

    Unha das primeiras mobilizacións nas que participa ADEGA e o conxunto do ecoloxismo galego son as protestas contra as múltiples celulosas que se estaban proxectar distintos lugares de Galicia: Quiroga, O Barco, Padrón, Ponteceso, Negreira, Muxía, Fazouro... 

    E, por suposto, a mobilización contra ENCE e Elnosa en Pontevedra, factorías que acabaron coa riqueza marisqueira da ría. A loita deu froitos en moitos lugares, tamén en Lourizán, onde Elnosa tivo que pechar e ENCE modificar a súa forma de producir

  4. 04

    A central nuclear de Xove

    Xunto coas celulosas, outro grande reto de ADEGA e de todo o ecoloxismo galego neses primeiros anos foi a oposición ao proxecto da central nuclear de Xove, na Mariña. Foi unha gran vitoria para os movementos sociais galegos e as forzas de esquerda e nacionalistas, que se mobilizaron durante meses, con simbólicas andainas ata o lugar onde se pretendía instalar a perigaosa central. Imaxe: Xico de Carinho ©

  5. 05

    Vertidos na foxa atlántica

    No comezao dos anos 80 Galicia deu a alarma mundial sobre os vertidos radioactivos na Foxa Atlántica. Movementos ecoloxistas -entre eles ADEGA- e organizacións políticas e concellos iniciaron unha loita titánica para impedir que se seguisen tirando ao mar eses bidóns cheos de refugallos nucleares. Unha loita que conseguiu a moratoria dos vertidos en 1982.

    Entre outras accións, ADEGA organizou unha viaxe de protestas por distintos países europeos, encabezada por un icónico autobús de dous andares. Imaxe: Carlos Silvar ©

    40 anos da odisea do 'Xurelo': "Debería figurar no calendario de vitorias de Galicia e da humanidade"

    Os case 2.000 bidóns radioactivos xa localizados devolven á política os históricos vertidos

  6. 06

    Pacifismo

    ADEGA, organización ecoloxista é e sempre foi unha organización pacifista. Nos anos oitenta participou activamente na mobilización contra a OTAN. E posteriormente seguiu a mobilizarse pola insubmisión ao servizo militar obrigatorio, rexeitando o gasto militar ou o recurso ás armas para a solución de conflitos. Así, opúxose á Guerra do Golfo, aos bombardeos en Libia, Afganistán ou Iugoeslavia ou mobilizouse a prol dos pobos saharauí e palestino.

  7. 07

    Defensa dos ríos

    Outra das grandes loitas nas que ADEGA tivo un papel protagonista nestas últimas décadas foi a moblización en defensa dos ríos, que aínda na década dos 90 sufrían o impacto de centos de proxectos de encoros e mini hidroeléctricas. 

    En 1999 naceu a Coordinadora Galega en Defensa dos Ríos (COGADER), para impulsar e coordinar as accións das moitas plataformas locais. E en 2004, ADEGA impulsou a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) en defensa dos ríos, que tras o cambio de goberno na Xunta no ano 2005, logrou a paralización e a desestimación da maioría destes proxectos, e a aprobación da primeira ILP ambiental como lei no Parlamento galego, en 2006.

  8. 08

    A loita contra a incineración e a prol da xestión dos residuos

    En 1992, a Xunta aprobou o plan SOGAMA que impulsaba a incinerar do lixo. Fronte a este modelo, ADEGA vén defendendo a reutilización e a reciclaxe, así coma proxectos locais e comarcais de compostaxe. A mobilización social foi quen de deter a incineradora de refugallos tóxicos e perigosos proxectada para Curtis, o proxecto de incineración de pneumáticos na cementeira de Oural ou a Sogama do sur prevista para O Irixo. Imaxe: Pepe Salvadores ©

  9. 09

    O Prestige

    Unha das mobilizacións centrais para o ecoloxismo galego nos últimos 50 anos foi a loita en defensa do mar perante os sucesivos desastres de buques contaminantes que tiveron lugar no noso litoral, dende o Urquiola ao Casón, ata o Mar Exeo e o Prestige.

    Nese ano 2002 ADEGA volveu pór de manifesto, xunto ao resto da sociedade civil, a súa capacidade mobilizadora, coordinando a participación de máis de 38.000 voluntarios e voluntarias de todo o mundo que loitaron contra o chapapote contaminante.

  10. 10

    Eucaliptos

    Tamén é central a loita en defensa do monte e das zonas rurais, ameazadas polo proceso de eucaliptización que potencia o despoboamento e provoca incendios aínda máis virulentos. 

    ADEGA liderou dúas iniciativas lexislativas populares no Parlamento para a defensa do bosque autóctono, apoiou a figura de Montes Veciñais en Man Común como sistema de propiedade comunitaria, defendeu propostas de planificación forestal e o voluntariado ambiental e levou a cabo a denuncia de centos de plantacións ilegais.

  11. 11

    Eólicos

    Nos últimos anos, ADEGA está a participar activamente nas mobilizacións que en distintos lugares de Galicia están a pedir un desenvolvemento eólico máis xusto coas comunidades rurais e respectuouso co medio ambiente e o patrimonio.

    Foi unha das propulsoras da Coordinadora “Eólica Así Non”, con máis de 200 entidades de diversos ámbitos e colectivos sociais. E a campaña “Ti Podes Paralos” de ADEGA conseguiu a paralización nos tribunais de moitos proxectos que non cumprían coa legalidade

  12. 12

    Limpeza de ríos e praias

    ADEGA coordina cada ano a participación de centos de persoas voluntarias e decenas de entidades en limpezas en ríos e praias. A limpeza simultánea de praias, iniciada en 2012, chega este 2015 á súa XIV edición en 2025. 

    De igual xeito, as campañas Móllate polos ríos levan retirado miles de de quilos de lixo destes espazos. Esta fin de semana celebra a súa edición número 18.

  13. 13

    Cerna

    Dende o ano 1990 ADEGA edita a Revista Cerna, que chegou xa ao número 93, todo un referente para o ecoloxismo. Ademais, en 2005 creou Radio Cerna, o primeiro espazo radiofónico en galego sobre ecoloxismo, que segue a difundirse hoxe en ducias de emisoras locais e na rede.

  14. 14

    Educación ambiental

    ADEGA organizou en 1985, xunto coa AS-PG, as primeiras Xornadas de Educación Ambiental do país. Esta foi sempre unha parte fundamental do traballo da entidade, que completa o seu traballo de denuncia e reivindicación con accións e propostas de educación ambiental, coa finalidade de levar as problemáticas da natureza á sociedade e ofrecer modelos de desenvolvemento máis sustentables.

    Neste senso, a Eira da Xoana -na imaxe- é un centro de educación ambiental e do 
    patrimonio que, desde o medio rural, achega a cidadanía galega "a cultura e o bo facer das nosas tradicións".