O goberno na sombra é unha figura do parlamentarismo británico polo cal o primeiro partido da oposición conforma un gabinete que reproduce a estrutura do Goberno. Os seus integrantes, designados pola persoa que lidera a oposición, ocúpanse de supervisar as áreas políticas de cada ministerio e de exercer a crítica sobre o seu labor.
Tamén -e sobre todo-, en conxunto, ten a función de presentarse como alternativa de Goberno. Así, na actualidade, este gabinete está presidido polo líder do Partido Laborista, Keir Starmer e, xunto a outros cargos, ten tantos ministros e ministras na sombra como áreas ministeriais ten o Executivo do conservador Rishi Sunak. Este é o modelo no que o BNG se inspira para conformar o seu labor de oposición na nova lexislatura galega.
Tras unhas eleccións do 18F nas que a aposta da formación foi, abertamente, tentar que Ana Pontón chegase á presidencia, o Bloque afronta o labor parlamentario ante a quinta maioría absoluta consecutiva do PP coa maior representación da súa historia -25 escanos- e coa vontade, di a súa portavoz nacional, de realizar unha "marcaxe estrita" a cada consellería. Pero tamén de achegar "a cada crítica, unha solución".
O Bloque inspírase no parlamentarismo británico para constituír un gabinete con membros do seu grupo parlamentario que "achegue propostas estratéxicas e promova pactos de país" ao tempo que controla especificamente o labor de cada consellería
"Achegar propostas estratéxicas e promover pactos de país", di Pontón, é o obxectivo dun "goberno alternativo" que ten á súa fronte a Ana Pontón como "xefa da oposición e líder da alternativa de goberno" -o PP comprometeuse no pasado a institucionalizar esta figura, pero nunca o fixo-. A continuación sitúanse deputadas e deputadas á fronte de tantas áreas como consellerías vén de nomear Alfonso Rueda.
Así, Iago Tabarés asume a portavocía de Presidencia, Xustiza de Deportes, correspondéndolle supervisar o labor do departamento de Diego Calvo. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, terá como contraparte a Luís Bará.
Cristina Fernández, como voceira de Educación, Ciencia, Universidade e FP, ocuparase da área de competencias que no Goberno asume Román Rodríguez e Olalla Rodil, como voceira de Política Social e Igualdade, realizará a "marcaxe" á consellería de Fabiola García. A área de Economía e Industria corresponde a un dos novos deputados, Brais Ruanova, coa tarefa de ser o espello na oposición da conselleira María Jesús Lorenzana.
O "goberno alternativo" presentado por Pontón reunirase "cada quince días" e prevé "percorrer o país" para "escoitar" e "explicar a nosa alternativa de goberno dende o primeiro minuto" da nova lexislatura
Facenda e Función Pública, con Noa Presas á fronte, centrará a oposición a Miguel Corgos e Alexandra Fernández, en Vivenda e Infraestruturas, supervisará as políticas da nova conselleira María Martínez Allegue. A área sanitaria corresponde a Montse Prado, que asume o control da consellería de Antonio Gómez Caamaño.A deputada Mercedes Queixas, outra volta como voceira de Cultura, é a encargada da consellería de nova creación que Rueda encomendou a José López Campos.
O organigrama do goberno na sombra deseñado polo BNG complétase con Ramón Fernández, Secundino Fernández e Rosana Pérez. Nas súas mans deixa Pontón observar e formular alternativas ás consellerías de Emprego, Medio Rural e Mar que agora encabezan José González, María José Gómez e Alfonso Villares.
Os restantes deputados e deputadas do grupo do Bloque asumen "secretarías temáticas" nas diversas áreas dun "goberno alternativo" que se reunirá "cada quince días" e "percorrerá o país mantendo encontros de traballo con axentes económicos, sociais, científicos, académicos, culturais, sindicais, empresariais ou veciñais". Trátase, conclúe Pontón, de "escoitar, dialogar" e tamén "explicar a nosa alternativa de goberno" dende "o primeiro minuto".