O PSdeG volve a Rianxo con José Ramón Gómez Besteiro á fronte. No seu primeiro Día Nacional de Galicia dende que regresou á secretaría xeral dos socialistas galegos, Besteiro encabezou a tradicional homenaxe do partido a Castelao na súa vila natal nun discurso no que reivindicou o galeguismo que, dixo, non fica no "simbólico" e procura "un país máis próspero".
O secretario xeral do PSdeG rexeita a "triste idea de que somos un territorio atacado e menosprezado"
O galeguismo, defende Besteiro, debe ser a "maior expresión" de "convivir á nosa maneira" e iso implica que non sexa "unicamente simbólico" e tampouco "excluínte". Rexeita o lucense a "triste idea de que somos un territorio atacado e menosprezado" por ser "unha maneira empobrecedora de pensar" nun "lugar privilexiado" que non obstante, lamenta, ten un Goberno que "non cre nela".

O Executivo do PP, coida o líder socialista, limítase a "ver pasar os problemas". Ao gabinete de Rueda Galicia dálle "preguiza" e por iso "vive mellor inventando rivalidades que traballando para transformar". "Canto mellor lle iría a Galicia se fose mellor o goberno", lamentou.
Besteiro contrapón o galeguismo do PSdeG cun Goberno do PP ao que "lle dá preguiza" o país e por iso "vive mellor inventando rivalidades que traballando para transformar"
Neste contexto, o PSdeG empregou o seu acto central no Día Nacional para trazar o galeguismo como "un camiño, non como unha etiqueta". "Ser galeguista é pelexar por unha política forte, que xere un feito diferencial galego" para ter "máis influencia", ser "máis útiles" e non ver "quen ten a bandeira máis grande", senón "pular por facernos mellores".
Nunha Galicia "aberta ao mundo", lonxe de "visións folclóricas da nosa identidade" e sen quedar "encorsetada en visións pechadas", Besteiro convida a ver o país "con optimismo e sen limitacións". "Podemos chegar onde nos propoñamos" dende "a idea máis revolucionaria de todas, a sensatez", di. Sobre estes principios, asegura, pivotan tamén accións do Goberno do PSOE no Estado coma os descontos na AP-9 ou as conexións ferroviarias de alta velocidade.
"Sen deixarnos levar segundo vaia o vento", culminou Besteiro, no PSdeG "estamos e estaremos decididos a facer deste país un lugar máis próspero". Que é tanto como procurar "un país que non se conforme, unha Galicia mellor", sinalou para concluír un acto que principiou cun minuto de silencio en memoria das vítimas do naufraxio do Argos Georgia.