Besteiro avanza ao comité de Alcoa luz verde estatal a construír tres eólicos para fornecer enerxía á fábrica

Besteiro e outros cargos do PSdeG, co comité de Alcoa San Cibrao, este 22 de xullo CC-BY-NC-SA PSdeG

A principios de mes o Goberno de España autorizou a construción dos parques eólicos Tesouro e Santuario promovidos por Enel. O primeiro, con 7 aeroxeradores, situarase nas Pontes. O segundo, con 23, estará entre o municipio pontés e os de Xermade, Vilalba e Guitiriz. Ambos forman parte do acordo de Alcoa con empresas eléctricas para recibir enerxía con prezo estable na súa factoría da Mariña.

Alén dos trámites, estes parques foron obxecto de diversos tirapuxas políticos. Por, entre outros aspectos, as acusacións da Xunta e do PP galego contra o Goberno de España por non faceren, na súa opinión, todo o que está na súa man para que a alumineira estadounidense non acabe pechando en San Cibrao. De aí o interese do PSdeG por poñer o foco en todos os avances destes eólicos cando se trata de competencias estatais.

Aeroxeradores no Xistral, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Praza Pública

Nesta contexto encádrase a xuntanza mantida este luns polo secretario xeral dos socialistas galegos co comité de empresa de Alcoa en San Cibrao. Alí José Ramón Gómez Besteiro avanzou que "en cuestión de días" o Goberno de España dará luz verde á construción doutros tres parques ligados ao fornecemento eléctrico de Alcoa. 

A autorización da construción dos parques Moeche, Badulaque e Barqueiro chega pouco despois de que o Goberno de España tamén aprobase os denominados Tesouro e Santuario, todos eles promovidos por Enel

Son os chamados Moeche, Badulaque e Barqueiro, os tres tamén promovidos por Enel. O de menor dimensión é o chamado Moeche, con 7 aeroxeradores en territorio deste concello e dos das Somozas e San Sadurniño. O Badulaque terá 16 entre Valdoviño, Cedeira, Cerdido, Moeche, As Somozas e As Pontes; e o Barqueiro un total de 18 entre Ortigueira, Mañón e Cerdido. Terán 50,4 megavatios; 102,4 e 126, respectivamente.

Sinala Besteiro que estas autorizacións de construción son innegables "boas novas" que, asegura, amosan o "compromiso" dos socialistas coa "continuidade e viabilidade" de Alcoa. Neste sentido, o líder do PSdeG mantén que a aposta do Goberno de España e a do seu partido en Galicia é que "se cumpran" os acordos asinados co persoal para que a factoría siga adiante "e se non é con esta empresa, con outra solvente".

Complexo industrial de Alcoa en San Cibrao, nunha imaxe de agosto de 2020 CC-BY-SA Praza Pública

Este mesmo luns a Xunta subliñaba tamén que, en vésperas de expirar o prazo legal do 25 de xullo, o Goberno galego completou as autorizacións para construír " preto de 70 novos parques eólicos" cunha potencia total de "1.824,6 megavatios". Continúan así, tanto o Goberno de España como o galego, os procesos polos que a principio do pasado ano aprobaron as autorizacións ambientais para todos estes parques.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.