Nin coadoiro, nin aceleración de renovables: 1 eólico autorizado e 13 desbotados tras dous anos de redución de trámites estatais

Parques eólicos en montes galegos CC-BY-SA Praza Pública

A decisión do Goberno de España de simplificar algunhas avaliacións ambientais non atraeu tantas iniciativas en Galicia como noutros lugares do Estado, en todo caso cun volume tamén mínimo de autorizacións

Hai dous anos o Goberno de España aprobou, no marco das medidas contra a crise de prezos derivada en parte da guerra en Ucraína, unha simplificación e redución dos prazos de avaliación ambiental para a autorización de proxectos de xeración eléctrica. En emprazamentos menos sensibles e con certas características, os proxectos xa non tiñan que someterse a un proceso de avaliación ambiental con participación pública senón a un máis acelerado e novo procedemento de determinación de afección ambiental.

O Executivo de Sánchez presentou a medida como unha aposta pola aceleración das enerxías renovables, mentres que colectivos ecoloxistas alertaron do que consideraban un "coadoiro" ambiental, crítica coa que coincidiu a Xunta, que adoita ser quen recibe en Galicia ese tipo de censuras a respecto dos parques eólicos da súa responsabilidade -os de menos de 50 MW son competencia autonómica e os de máis, estatal-.

Dous anos despois, os datos oficiais din que nin unha cousa nin a outra, cando menos en Galicia. O Estado só autorizou un parque eólico co procedemento acelerado mentres que outros 13 foron rexeitados ou decaeron por diversos motivos. No global do Estado un estudo feito público por Greenpeace o pasado xaneiro sinala que ata aquel momento pediran esa tramitación acelerada 210 proxectos e só a obtiveran 41, fundamentalmente nas dúas Castelas e nos primeiros meses tras a entrada en vigor da medida.

Parque eólico nun monte galego CC-BY-SA Praza Pública

Inicialmente o Goberno de España habilitou a nova tramitación acelerada para proxectos eólicos de menos de 75 MW ou solares fotovoltaicos de menos de 150 MW se ademais cumprían coas condicións de que as súas liñas de conexión tivesen menos de 15 quilómetros, non afectasen á Rede Natura 2000 e estivesen situados “integramente en zonas de sensibilidade baixa e moderada segundo a Zonificación ambiental para a implantación de enerxías renovables, ferramenta elaborada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica”. No caso de Galicia esa ferramenta deixaba menos espazos dispoñibles en comparación co resto do Estado. Pero uns meses máis tarde, a finais de 2022, a medida foi reformada e ampliada eliminándose límites de potencia e xeográficos, excluíndo só a Rede Natura 2000. 

No único parque autorizado en Galicia polo Estado co procedemento exprés, na serra do Suído, fixou entre outros condicionantes a obriga de desmontar un aeroxerador se rexistraaba 3 choques de aves en perigo en 5 anos

Os proxectos que cumprisen con esas características non estarían suxeitos ao procedemento xeral de avaliación ambiental “na medida en que así o determine” un denominado procedemento e informe “de determinación de afección ambiental”, con prazos máis curtos e que en todo caso ditan condicionantes e medidas preventivas e correctivas.

Nos dous anos que leva en vigor esa medida o Ministerio para a Transición Ecolóxica só autorizou con ela en Galicia un parque eólico, o denominado Carballoso, de 51 MW e 10 aeroxeradores na Lama, Fornelos de Montes e Avión. Como contou Praza.gal no seu momento, a súa autorización supuxo substituír estudos previos de posibles impactos ambientais por condicionantes e correccións a posteriori. Por exemplo, estableceuse que cando se detecte unha colisión dunha ave en perigo de extinción ou vulnerable cun aeroxerador este deberá deterse cautelarmente e estudaranse posibles medidas correctoras, e cando haxa unha terceira colisión en cinco anos co mesmo aeroxerador deberá ser desmantelado.

Aprobación do informe de determinación de afección ambiental que eximiu o parque eólico Carballoso dunha avaliación ambiental ordinaria CC-BY-SA Praza Pública

En cinco peticións de tramitación acelerada non se cumprían os requisitos nin para a súa admisión a trámite, noutros cinco casos os propios promotores desistiron e en dous o ministerio denegou a autorización acelerada e a tramitación seguiu coa avaliación ambiental ordinaria

Fronte a esa única autorización ambiental acelerada emitida ata o momento, outros 13 proxectos para os que se solicitou esa tramitación non a culminaron con éxito por un ou outro motivo. En cinco casos o ministerio estableceu que os proxectos non cumprían os requisitos nin para a súa admisión a trámite (parques eólicos Serra de Liñares de 50 MW, Abalar de 78 MW, Fonte Barreiros de 63 MW, Neipín de 86 MW, e Sete Fontes de 54 MW). 

No caso doutros cinco proxectos (parques eólicos Fonte Barreiros de 96 MW, Portochán de 66 MW, As Castiñeiras de 54 MW, Cima de Vila de 54 MW e Monte Silvariño de 66 MW) os seus promotores desistiron por iniciativa propia de culminar a tramitación acelerada, nalgún caso para pasarse á tramitación ambiental ordinaria. 

Noutro caso, o do parque Crecente de 54 MW, o ministerio pechou a tramitación por defectos na documentación, e os promotores despois solicitaron a tramitación ambiental ordinaria. Por último, o ministerio tramitou pero denegou finalmente a autorización acelerada ao parque eólico Hedreira de 75 MW e a unha planta solar na Gudiña. O primeiro aínda está pendente da autorización ambiental ordinaria e a segunda xa a obtivo o pasado xuño.

A nivel estatal Greenpeace presentou hai tres meses un estudo que cifrou en 41 as autorizacións aceleradas, incluída a única galega, dos 210 proxectos que a solicitaron en todo o Estado

Fronte a estes datos en Galicia, a nivel estatal Greenpeace presentou hai tres meses un estudo que cifrou en 41 as autorizacións aceleradas (incluída a única galega) dos 210 proxectos que a solicitaron en todo o Estado. A análise concluía que había "unha clara concentración xeográfica das solicitudes e aprobacións nas dúas Castelas" e, no temporal, nos primeiros meses tras a aprobación da medida inicial de aceleración, antes de que uns meses despois se levantasen límites, o que tampouco serviu para atraer máis proxectos. 

Resumo que fixo Greenpeace das condicións para que os proxectos se puidesen acoller á tramitación acelerada aprobada hai dous anos e á posterior ampliación de límites da mesma © Greenpeace

Greenpeace concluía que a iniciativa do Goberno de España "non conseguiu o seu obxectivo de axilización masiva da tramitación dos proxectos de renovables pero sentou un precedente perigoso en termos de aceptación política do recorte da participación social e as garantías ambientais". "A participación pública é esencial para unha correcta avaliación ambiental dos proxectos debido ao coñecemento fondo das comunidades locais do seu propio medio", engadía a organización ecoloxista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.