"Un mundo de ficción que pouco ten que ver coa realidade que se está vivindo na sanidade galega". É o que, a xuízo de José Ramón Gómez Besteiro, debuxou o presidente da Xunta o pasado mércores no Parlamento cando o cuestionou pola situación xeral do Servizo Galego de Saúde e, en particular, polos plans do Goberno galego para garantir a asistencia en Atención Primaria durante o verán.
Esta é a razón que, xustifica o secretario xeral do PSdeG, o leva a iniciar un percorrido por diferentes centros de saúde. Ese periplo principiouno este mesmo sábado en Castro de Rei, dende cuxo centro médico advertiu de que a súa intención é amosar "como Rueda desmantela" estes servizos.
O centro de Castro de Rei, sinala o líder socialista, é un dos dous do municipio e vai estar "pechado todo o verán porque a Xunta así o decidiu". "Non é unha situación moi diferente ao que acontece en moitas partes de Galicia". Así vén de suceder tamén, exemplifica, en Doiras (Ribeira de Piquín), "onde levan moito tempo sen cubrir a praza de médico" ou en Ponteareas, "onde se anulou a atención polas tardes".
O secretario xeral do PSdeG inicia en Castro de Rei, cun centro de saúde "pechado todo o verán", un periplo no que prevé acreditar a "realidade" de "cantos médicos faltan, se están cubrindo as baixas ou as vacacións"
Ribeira, "onde o centro de saúde funciona practicamente coa metade do cadro de persoal que debería", ou Carballo, "onde os veciños denuncian esperan de quince días para que os vexa o médico", subliña Besteiro, son só outras mostras dun problema de "insuficiencia de recursos" que considera especialmente grave no eido da pediatría. A falta de profesionais "provoca que moitas familias teñan que facer longos percorridos para recibir atención" tal e como acontece, exemplifica, "en Cerdedo ou na Lama".
Coida Besteiro que "á Xunta e a Rueda non os preocupa", pero o PSdeG pretende "combater esa política de ficción". "É imolo facer cun percorrido por toda Galicia, acudindo aos centros de saúde para ver cantos médicos faltan, se se están cubrindo as baixas ou se prevén cubrir as xubilacións". "Imos falar da realidade mentres outros falan de ficción", resumiu ás portas do centro de Castro.
Afirma o PSdeG que esta acción chega despois de que, nas últimas semanas, a formación "contactase con centros de saúde de numerosos concellos galegos" e fosen "poucos os casos" nos que "todas as prazas están cubertas e en condicións axeitadas". "Outro patrón que se repite -afirman- é que, cada vez que se xubila un profesional, a súa remuda se eterniza" e "non é raro que tarde máis dun ano".
Sanidade esgrime o seu plan para cubrir a Atención Primaria no verán e reitera que, en última instancia, a responsabilidade da falta de persoal é do Goberno de España
Diante das críticas das formacións da oposición e de diversos colectivos locais de defensa da sanidade pública pola falta de persoal en atención primaria, a Consellería de Sanidade vén reiterando que a responsabilidade última é "competencia" do Ministerio. Así o repiten tamén outros gobernos autonómicos do PP.
O departamento que agora dirixe Antonio Gómez Caamaño, non obstante, tamén subliña a importancia do seu plan para cubrir a Atención Primaria ante o verán, cuxa dotación cifra en 12,5 millóns de euros. O conselleiro asegura que a súa "planificación" contrasta co que descualifica como "inacción do Goberno central por arranxar o problema de falta de médicos de familia que afecta a toda España".