Rueda esixe á oposición que xestione melloras para Galicia e Pontón e Besteiro dinlle que é o seu traballo

Rueda dirixíndose á oposición na sesión de control deste mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Ante as eivas na sanidade pública e o insuficiente financiamento da comunidade o presidente vira o debate no Parlamento de Galicia en novas críticas a Pedro Sánchez

Ana Pontón debe pedirlle ao nacionalismo catalán que deixe de reclamar melloras para Catalunya que poidan prexudicar a Galicia e José Ramón Gómez Besteiro debe esixir a Pedro Sánchez que solucione a falta de médicos no país. Esas foron as mensaxes que tentou lanzar este mércores o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control ao Goberno galego no Parlamento, que converteu novamente nunha caste de sesión de control da oposición. Ata o punto de que tanto a líder do BNG como o do PSdeG tiveron que lembrarlle que as xestións que lles estaba a reclamar forman parte do traballo do presidente da Xunta.

Besteiro amosa un gráfico da evolución de prazas MIR autorizadas polo Goberno de España nos últimos anos CC-BY-SA PSdeG

Besteiro pediu solucións globais para a sanidade galega máis alá de "ideas singulares" e Rueda asegurou que é "unha das mellores sanidades públicas de Europa"

O debate deste mércores no Parlamento iniciouno Besteiro pedindo solucións globais para a sanidade pública galega máis alá das "ideas singulares" que vén lanzando a Xunta. Rueda respondeu asegurando que "unha das mellores sanidades públicas de Europa é a sanidade galega" e criticando o Goberno de España, do que afeou que "leva cinco ministros de Sanidade en cinco anos". Ao seu ver, "a gran responsabilidade de coordinación non se está exercendo" por parte de Pedro Sánchez.

"Pregúntolle por un asunto de xestión de Galicia e vostede me contesta con España", lamentou Besteiro, ao que Rueda replicou, para pechar ese debate, que os socialistas estaban a apostar polo "catastrofismo" e que están "moi desconectados da realidade" da sanidade pública galega. 

"Si, señor xefe da oposición, encantada respondo ás súas preguntas", ironizou Pontón ante as reiteradas esixencias de Rueda ao BNG na sesión de control á Xunta

En similar liña desenvolveuse o debate con Ana Pontón, quen preguntou a Rueda polas xestións da Xunta para lograr un financiamento adecuado ás necesidades de Galicia, despois de que o Consello de Contas veña de cuantificar en algo máis de mil millóns de euros ao ano o déficit de financiamento do país. Pontón afeou a Rueda que a Xunta non logre un mellor financiamento para Galicia pero ao tempo rebaixe impostos ás rendas e patrimonios máis altos.

Pontón na sesión de control deste mércores na que reprochou á Xunta que non faga máis xestións para mellorar o financiamento de Galicia CC-BY-SA BNG

A resposta de Rueda foi esixir a Pontón que sexa ela quen llo pida a Sánchez e tamén reclame a "os seus socios" cataláns que deixen de esixir unha negociación bilateral para mellorar o financiamento de Catalunya. Sobre esa esixencia Rueda chegou a inquirir reiteradamente a Pontón: "Pregúntolle para responderlle ben na réplica", dixo o presidente, que era quen supostamente se sometía ás preguntas da oposición. A resposta de Pontón seguiulle o xogo de xeito irónico: "Si, señor xefe da oposición, encantada respondo ás súas preguntas".

Pontón defendeuse despois reclamando a Rueda que "non veña pedir o BNG que faga o seu traballo". "Gáñese o salario que lle pagan os galegos e as galegas", dixo a nacionalista". A resposta final de Rueda, para pechar o debate, foi que a Xunta encargarase de demandar un mellor financiamento para Galicia, "pero con sentidiño". "Por iso estamos gobernando e vostedes na oposición", sentenciou, tirando novamente do aval dos resultados electorais. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.