O presidente da Xunta insiste en salientar os seus resultados electorais e defender "o estilo deste Goberno, o estilo Galicia, moderación, sensatez e sentidiño" fronte á "soberbia" da oposición
Vén pasando desde hai anos, xa con Alberto Núñez Feijóo, que o presidente da Xunta responda a cuestións directas sobre Galicia que lle formula a oposición no Parlamento retrucando que a situación está peor noutras comunidades, que os outros partidos o fan peor ou que a culpa é do Goberno de España. Pero nestas sesións de control na Cámara celebradas cada dúas semanas Feijóo tentaba cando menos lanzar un anuncio dalgunha medida futura prevista pola Xunta.
Con Rueda os anuncios de medidas no Parlamento son menos e as súas respostas adoitan centrarse máis en fiscalizar á oposición. Iso é o que volveu suceder este mércores, co BNG preguntando pola sanidade galega e o PSdeG pola falta de transparencia da Xunta e co presidente retrucando que en Catalunya a sanidade está peor por culpa do nacionalismo e que Pedro Sánchez é máis opaco. Unhas respostas que levaron a Ana Pontón a pedir a Rueda que se situase, lembrándolle que estaba no Parlamento de Galicia, e a Jose Ramón Gómez Besteiro a considerar que o seu proceder "é ridículo".
A sesión de control iniciouna Besteiro lembrando que a Xunta incumpre peticións de información do Parlamento e que tampouco atende reclamacións no eido da transparencia formuladas pola Valedora do Pobo ou o Consello de Contas. Tamén lembrou que o PPdeG teima en non renovar a dirección da CRTVG malia así establecelo unha lei desde hai dez anos. "Como dicía miña abuela, isto queda así provisional para sempre", ironizou o socialista, que tamén se preguntou se a baixada de audiencia dos medios públicos "ten que ver con que eu non saia na TVG".
Rueda chegou a pedir a Besteiro, na sesión de control á Xunta, que fose o socialista quen contestase as súas reiteradas preguntas sobre a AP-9
A resposta de Rueda foi defender "o estilo deste Goberno, o estilo Galicia, moderación, sensatez, sentidiño", fronte á falta de transparencia que atribúe ao Goberno de Pedro Sánchez por non aprobar uns orzamentos do Estado para este ano ou por gobernar con decretos lei, aínda que estes teñan que ser ratificados despois polo Congreso. Rueda mesmo chegou a esixir a Besteiro que fose el quen contestase as súas reiteradas preguntas sobre a prometida gratuidade da AP-9.
Ante as respostas de Rueda, Besteiro lembrou que hai unha semanas preguntara pola economía galega e o presidente xa lle respondera "con Pedro Sánchez". "Non cre que é un pouco ridículo xa?", dixo o socialista. "Se vostede quere seguir falando de Pedro Sánchez, vostede dirá, eu considero que é ridículo, pero vostede elixe cal é o campo", rematou Besteiro.
Algo similar sucedeu a continuación coa pregunta de Ana Pontón sobre a sanidade galega, na que formulou a proposta do BNG de dedicar á atención primaria o 25% do orzamento do Sergas sen ter en conta o gasto farmacéutico.
A Pontón Rueda afeoulle que non comentase os resultados electorais en Catalunya e a nacionalista pediulle que "deixe de botar balóns fóra"
A resposta de Rueda foi comezar afeando a Pontón que "estivo calada" nos últimos días e "non fixo ningún comentario" sobre os resultados electorais en Catalunya "dos seus socios" de Esquerra Republicana. Segundo Rueda, en Catalunya a sanidade está peor por culpa da mala xestión do nacionalismo, mentres que os problemas da sanidade en Galicia débense a cuestións de índole estatal, non competencia da Xunta.
Na súa resposta a Pontón Rueda volveu lembrar os seus resultados electorais do 18 de febreiro e dixo que "a xente nos elixe pola xestión, a xente pide autocrítica, pide humildade, pide que recoñezamos o que non está ben". Pola contra, para o presidente Pontón e o BNG caracterízanse pola súa "soberbia".
Ante esa resposta, Pontón lamentou que o presidente "quería vir de comentarista dun proceso electoral" pero que "a cidadanía deste país necesita un presidente e un goberno que lle dea solucións". "Ubíquese, estamos no Parlamento de Galicia", dixo a nacionalista, que reclamou a Rueda que "deixe de botar balóns fóra".