A petición dunha comisión de investigación formulada polo BNG, que recibiu o apoio de PSdeG e DO, é tombada grazas á maioría absoluta dos populares
En xullo do pasado ano o Consello de Contas fixo público un informe sobre as contratacións de emerxencia da Xunta pola pandemia da COVID-19 que revelou todo tipo de eivas, como contratacións verbais que despois non eran formalizadas por escrito, falta de publicidade ou ausencia dunha mínima concorrencia competitiva. O pasado 21 de marzo o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, admitiu que naquelas contratacións houbo cousas "mellorables" e "deficiencias que sería conveniente completar".
Porén, este martes, no Parlamento de Galicia, o PPdeG defendeu que a súa xestión da pandemia "foi exemplar e non existe un só motivo para cuestionar as contratacións de emerxencia". Con ese argumento os populares rexeitaron, grazas á súa maioría absoluta, a proposta do BNG de crear unha comisión de investigación sobre a cuestión.
Tras estourar o denominado caso Koldo de presunta corrupción cos contratos de emerxencia da pandemia o BNG e o PSdeG puxeron o foco nas irregularidades que o Consello de Contas detectara nas contratacións realizadas pola Xunta. Os nacionalistas veñen graduando a súa actuación e primeiro reclamaron á Xunta unha auditoría, petición que non tivo éxito e que derivou na solicitude rexeitada este martes polo PP dunha comisión de investigación parlamentaria.
O BNG ten escanos suficientes para activar por si só unha única comisión de investigación durante a lexislatura, pero antes de chegar a ese extremo e gastar esa bala optou por formular a petición dunha comisión avalada por máis grupos, o que este martes foi tombado pola maioría absoluta do PP malia que PSdeG e Democracia Ourensana si se sumaron á petición nacionalista.
Para defender a súa negativa, o portavoz do PPdeG, Alberto Pazos Couñago, asegurou, fronte ao que di o Consello de Contas, que "a xestión da pandemia da Xunta foi exemplar" e "non existe nin un só motivo para cuestionar as contratacións de emerxencia realizadas durante a pandemia". Pazos Couñago criticou que o BNG "se dedique a espallar infundios en lugar de activar o mecanismo regulamentario do que dispón o seu grupo parlamentario para crear automaticamente unha comisión de investigación".
Malia asegura que a xestión foi exemplar", o portavoz popular acabou admitindo que o informe de Contas si recolle cando menos "unha serie de recomendacións a considerar no caso de que se repetise unha situación de emerxencia semellante no futuro".
O deputado do BNG Iago Tabarés defendeu a investigación porque "a maioría" dos contratos non foron fiscalizados por Contas, que só analizou unha mostra
Pola súa banda, o deputado nacionalista Iago Tabarés defendeu a necesidade dunha análise máis fonda dos contratos durante a pandemia porque "a maioría deles non foron fiscalizados", xa que o Consello de Contas só analizou unha mostra. "E entre os que si o foron, o Consello de Contas detectou reparos de legalidade e actuacións pouco acordes cos principios elementais do que é unha boa xestión dos recursos públicos", engadiu.
Tabarés salientou ademais a "circunstancia" de que a principal beneficiaria dos contratos de emerxencia adxudicados no 2020 resultou ser "unha empresa grazas á que obtivo importantes comisións a parella da presidenta da Comunidade de Madrid".