Rueda e catro conselleiros de Feijóo deberán declarar no Congreso na investigación dos contratos da pandemia

Feijóo no Parlamento durante a pandemia cos seus daquela vicepresidentes Alfonso Rueda e Francisco Conde, que terán que comparecer no Congreso na comisión de investigación polos contratos da pandemia CC-BY-SA Xunta de Galicia

O PSOE e os seus socios pactan unha lista de 134 comparecentes de todo o Estado na que hai unha ducia de galegos pero na que non está o ex-presidente

Dous meses despois do estalido do denominado caso Koldo de presunta corrupción na compra de material sanitario e logo de que as sospeitas se veñan estendendo a todo tipo de administracións este martes o PSOE rexistrou no Congreso o listado de persoas que deberán comparecer na comisión de investigación creada nesa cámara. 

Se o PP puxo en marcha no Senado unha investigación que quere centrar nas compras do Goberno de España, a do Congreso estenderase tamén a outras administracións controladas polos populares, para o que os socialistas negociaron cos seus habituais socios parlamentarios, incluído o BNG, un listado de comparecentes no que hai unha ducia de galegos e galegas. 

Feijóo e Sánchez durante a pandemia CC-BY-SA Xunta de Galicia

O foco galego da comisión do Congreso estará posto nas contratacións da Xunta de Feijóo durante os primeiros meses da pandemia. O Consello de Contas detectou neses contratos diversos tipo de irregularidades que ao seu ver non chegarían ao grao de posibles delitos, o que obrigaría a abrir un procedemento específico de investigación. 

Porén, o que agora farán as comisións de investigación parlamentaria serán analizar as responsabilidades políticas e propoñer melloras de xestión. E aínda que o presidente da Xunta naquel momento era Feijóo, cando menos inicialmente non terá que comparecer, malia as ameazas cruzadas das últimas semanas entre PSOE e PP apuntando ao agora líder popular ou á muller de Pedro Sánchez, que tampouco está citada.

Si están citados o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro de Feijóo durante a pandemia, así como o seu vicepresidente segundo, Francisco Conde, agora deputado no Congreso. No listado de comparecentes tamén aparecen o actual conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e os ex-conselleiros de Sanidade Jesús Vázquez Almuiña, no cargo ata setembro de 2020, e Julio García Comesaña, conselleiro desde aquela ata este domingo.

Evolución das contratacións de máscaras cirúrxicas por parte da Xunta no primeiro ano da pandemia © Consello de Contas

Tamén están citados responsables do Consello de Contas e a "persoa que ostente a representación legal do Grupo Eulen en Galicia", no que é directiva no país a irmá de Feijóo, Micaela Núñez Feijóo

Da Xunta de Feijóo tamén están citados Antonio Fernández-Campa e José Flores, que foron xerentes do Sergas, e Manuel Heredia, director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia. Igualmente terán que comparecer o actual conselleiro maior do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro, e seu antecesor ata agosto do pasado ano, José Antonio Redondo. O listado de comparecentes tamén inclúe á "persoa que ostente a representación legal do Grupo Eulen en Galicia", no que é directiva no país a irmá de Feijóo, Micaela Núñez Feijóo.

Na lista de comparecentes tamén aparece Miguel Tellado, ex-número 2 do PPdeG e actual portavoz do PP no Congreso.

Canto ao resto de comparecentes, a relación de nomes inclúe a quen deu nome á investigación policial inicial, Koldo García, ex-asesor do ex-ministro de Transportes José Luis Ábalos, tamén citado. Igualmente comparecerán quen foi ministro de Sanidade durante a pandemia, Salvador Illa; a actual presidenta do Congreso e daquela presidenta das Illes Balears, Francina Armengol; ou a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, así como varios xornalistas.

Á espera do que resulte das comisións de investigación no Congreso e o Senado, en Galicia o BNG reclamou unha auditoría específica das contratacións durante a pandemia e ameazou con impulsar unha comisión de investigación se a Xunta non o fai.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.