Rueda admite que houbo "cousas mellorables" nos contratos da COVID tras asegurar que "non tiveron problema"

Feijóo e Rueda con máscara nunha imaxe de 2020 CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente di que cumprirá a "obriga legal" se o Congreso o cita na comisión de investigación que vén de crear, coa abstención do PP, sobre a contratación de todas as administracións durante a pandemia 

O 29 de febreiro o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aseguraba tras o Consello da Xunta, ante o estalido do denominado caso Koldo, que a contratación de emerxencia do Goberno galego durante a pandemia da COVID-19 fora xa auditada polo Consello de Contas "sen ningún tipo de problema". Non fora así, xa que o ente fiscalizador si atopara, nun informe feito público no verán de 2023, diversas irregularidades administrativas, como contratacións verbais, sen formalizar ou sen publicidade. 

Esta semana o Consello de Contas fixo público outro informe que actualiza e amplía as súas auditorías previas sobre a contratación da pandemia e permite obter unha listaxe sistematizada das empresas ás que a Xunta adxudicou contratos de emerxencia en 2020 e 2021. Nela figura en segundo lugar, con 10 millóns de euros, Mape Asesores, empresa coa que mediou a parella da presidenta da Comunidad de Madrid. Rueda foi preguntado por este feito e por outras sospeitas que vén lanzando a oposición e a súa resposta xa non é tan categórica como a de hai un mes. 

Rueda na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Rueda fala agora de "deficiencias que sería conveniente completar" pero dise "absolutamente convencido de que nada ten que ver co que estamos vendo de tramas millonarias"

O presidente lembra que o agora feito público por Contas "é o segundo exame" á contratación da Xunta e ao seu ver reflicte que "naquel momento houbo moitos contratos de emerxencia" por "unha situación á que as administracións nos enfrontabamos por primeira vez". Pero fronte á súa aseveración de hai un mes de que non houbera "ningún tipo de problema", agora Rueda di que "houbo cousas simplemente mellorables", que cualifica "de carácter menor". Son, di Rueda, "deficiencias que sería conveniente completar" e que considera "comprensibles". 

"O que temos que facer é tomar nota" do informe de Contas, asegura o presidente, quen se amosa "absolutamente convencido de que nada ten que ver co que estamos vendo de tramas millonarias", en referencia ao caso Koldo.

Rueda non quixo facer valoracións sobre "casos concretos" da auditoría, como a pregunta que se lle formulou sobre Mape Asesores, e remitiuse á "valoración xeral" que fai o Consello de Contas. 

Tras esas respostas, Rueda foi preguntado sobre a posibilidade de que a Xunta sexa investigada na comisión que vén de crear o Congreso, coa abstención do PP, sobre a contratación de todas as administracións durante a pandemia. Rueda amosou a súa "absoluta tranquilidade se temos que ir alí a dar explicacións" e asegurou que no caso de ser citado cumprirá a "obriga legal". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.