Este mércores o IGADI organiza a primeira edición do Maratón de Galeguidades, un evento online no que dende as 8:30 da mañá se sucederán conexión en directo cos diferentes continentes para manter entrevistas e faladoiros con galegos e galegas que viven e traballan neses lugares
Pode que non haxa un galego na Lúa, pero si que hai galegos e galegas en practicamente todos os países do mundo. A galeguidade é, necesariamente, internacional e sempre ollou cara a fóra e segue a facelo. Como curiosidade, nas eleccións ao Parlamento galego do pasado 18 de febreiro tiñan dereito a voto galegos e galegas residentes en 144 países, incluídos Haití, Zambia, Botswana, Vanuatu, Iemen, Laos ou Sri Lanka.
Este mércores 24 de xullo, véspera do Día Nacional de Galicia, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), en colaboración coa Deputación da Coruña, celebrará a identidade galega co 1º Maratón de Galeguidades.
O evento ten como obxectivo conectar a Galicia territorial coa Galicia exterior e busca "resignificar a idea de galeguidade e proxectar internacionalmente a Galicia, poñendo en valor á emigración galega". O Maratón de Galeguidades comezará ás 8:30 horas e terá unha duración de 12 horas. Poderá verse online a través da web oficial do evento, galeguidades.hub.gal e tamén na canle de Youtube do IGADI.
O evento ten como obxectivo conectar a Galicia territorial coa Galicia exterior e busca "resignificar a idea de galeguidade e proxectar internacionalmente a Galicia, poñendo en valor á emigración galega"
O Maratón constará dunha serie de entrevistas e faladoiros encadeados, que se irán sucedendo en función dos diferentes fusos horarios, comezando en Oceania e Asia (8:30-10:40) para saltar a Europa (10:40-15:20), África (15:20-16:40) e rematar en América (16:40-20h). As entrevistas e faladoiros serán conducidos por integrantes e investigadores do IGADI, como Daniel González Palau, María Xosé Porteiro, Facundo Reyna-Muninain, Tino Santiago, Marola Padín, Diego Sande ou Daniel Prieto de Andrés.
O Maratón constará dunha serie de conexións en directo que se irán sucedendo en función dos diferentes fusos horarios, comezando en Oceania e Asia (8:30-10:40) para saltar a Europa (10:40-15:20), África (15:20-16:40) e rematar en América (16:40-20h)
Ademais, participarán colaboradores e colaboradoras convidadas, como Ana González Liste, Julio Nóvoa Fernández, Cristina Díaz Pardo, Borxa González, Marta Otero Mayán, Christoph Schreinmoser, Santiago Garrido, Fernanda Tabarés, Llerena Perozo, Antía Yáñez, Sabela, Juan Vergara, Luís Lores Segade, Luzía Oca, Zinthia Álvarez Palomino, Carolina Aldea Arias, Ramiro Rodrígez Bausero, Montse Montaos, María Prado Rúa ou Andy Chichester. Entre eles e elas hai xornalistas, creadores de contido en galego para internet, así como representantes dos novos medios de internet nacidos na diáspora, escritoras ou profesores universitarios e até representantes do corpo consular en Galicia.
A iniciativa quere achegar "visibilidade e reflexión ao papel da emigración galega na construción da Galicia global de hoxe", así como información arredor das "potencialidades da diáspora", como axente para impulsar a proxección internacional de Galicia
Todos eles e elas falarán con ducias de galegos e galegas que viven e traballan en distintos lugares do planeta, dende Australia, China, Vietnam e a India ata Uruguai, Brasil, Arxentina e os Estados Unidos, pasando por diferentes países de Europa e de África. Entre os e as participante atópanse representantes de Centros Galegos, organizacións da nova diáspora, asociacións de empresarias e empresarios galegas no exterior, traballadoras en Consulados e sedes diplomáticas, investigadoras e investigadores da Asociación Internacional de Estudos Galegos, emprendedores ou profesionais variados na ciencia e a medicina, o xornalismo, a publicidade ou a Universidade.
En setembro o IGADI presentará un Informe de conclusión. Tanto o Maratón como o Informe pretenden "axudar a mudar o fluxo da normalidade na acción exterior de Galicia e as políticas tradicionais de Galicia coa súa emigración"
O Maratón aposta por "resignificar unha idea aberta da galeguidade no século XXI" e fai fincapé no concepto de galeguidades, en plural, "partindo dunha posición máis abranxente que o concepto xurídico da Lei de Galeguidade de Galicia do ano 2013". A iniciativa tamén quere achegar "visibilidade e reflexión ao papel da emigración galega na construción da Galicia global de hoxe", así como información concreta e relevante arredor das "potencialidades da diáspora", como axente para impulsar a proxección internacional de Galicia e a Lei Galega de Acción Exterior do ano 2021.
Posteriormente, o 2 de setembro do 2024 o IGADI presentará un Informe de conclusión. Tanto o Maratón como o Informe pretenden "axudar a mudar o fluxo da normalidade na acción exterior de Galicia e as políticas tradicionais de Galicia coa súa emigración".