Bota a andar na India o primeiro Centro de Estudos Galegos de Asia: "estamos creando unha ponte con Galicia"

Anik Nandi CC-BY-SA Cedida

En Hyderabad, na India, a uns 8.500 quilómetros de Galicia, está a crearse o primeiro Centro de Estudos Galegos en Asia, que estará dirixido polo profesor e sociolingüista Anik Nandi

En Hyderabad, na India, a uns 8.500 quilómetros de Galicia, está a crearse o primeiro Centro de Estudos Galegos en Asia. Estará na Woxsen University, unha universidade privada localizada a 60 quilómetros do centro desta populosa cidade capital do estado de Telangana, no sur do país. O Centro estará dirixido polo profesor e sociolingüista Anik Nandi, que impulsou a súa creación ata conseguir o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que chegou a un acordo coa Universidade Woxsen e que este ano achegará catro mil euros.

O Centro recibiu ademais o impulso do pontevedrés Raúl Villamarín Rodríguez, especialista en psicoloxía cognitiva e intelixencia artificial e que con 29 anos é vicepresidente da Woxsen University. Aínda que o novo Centro de Estudos Galegos xa iniciou de facto a súa actividade, a súa inauguración oficial agardará aínda uns meses para un acto institucional no que se espera a participación do Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e do embaixador de España na India, Juan Antonio March.

O Centro recibiu ademais o impulso do pontevedrés Raúl Villamarín Rodríguez, especialista en psicoloxía cognitiva e intelixencia artificial e que con 29 anos é vicepresidente da Woxsen University

O novo Centro de Estudos Galegos levará a cabo unha actividade variada en distintos ámbitos ligados á lingua e á cultura galega, dende a promoción de intercambios científicos e docentes e da relación entre institucións, á pura difusión das creacións culturais galegas na India, coa organización de congresos, xornadas, exposicións e todo un traballo máis silandeiro de creación de relacións. "Imos crear un enlace sólido con Galicia", destaca Anik Nandi nunha conversa con Praza.gal na que debulla os proxectos e actividades nas que xa está comezando a traballar.

Este verán Nandi coordinará xa algúns simposios relacionados co galego e entre as actividades máis inmediatas figuran a organización dun congreso en setembro, a posibilidade de levar a Hyderabad algunha exposición (cita, por exemplo, a que o Consello da Cultura Galega lle dedicou a Afonso X O Sabio) e o fomento de intercambios entre investigadores e docentes, grazas aos acordos que a Woxsen University xa asinou coa Universidade de Vigo e a Universidade Intercontinental da Empresa.

"Dende este lugar do mundo tentarei crear un espazo no que a cultura e a lingua galega van vivir de maneira digna, grazas á achega recibida da Xunta", di Anik Nandi

"Dende este lugar do mundo tentarei crear un espazo no que a cultura e a lingua galega van vivir de maneira digna, grazas á achega recibida da Xunta", di Anik Nandi, especialista en política lingüística e que dedicou a súa tese de doutoramento a investigar a transmisión interxeracional do idioma en familias con proxenitores a prol do galego residentes en contextos urbanos, como explicaba nesta entrevista. Licenciado en Filoloxía Inglesa pola University of Burdwan (India), obtivo o diploma de estudos avanzados na USC, con especialización en Filoloxía Galega.

Instalacións da Woxsen University © Woxsen University

"Estamos creando algo distinto, unha ponte entre Galicia e Asia", destaca

Despois de moitos anos investigando en Galicia e no resto de Europa, regresou á India, onde se dedica á docencia e á investigación na Woxsen University. "Alí requiríronme que dese clase de lingua española, pero nas miñas aulas sempre incorporo a lingua e a cultura galega", destaca. "O español é unha lingua en crecemento na India, cada vez con máis alumnado, pero é certo que habitualmente é pouco o que se coñece sobre Galicia e o galego", di. 

Anik Nandi láiase de que o proxecto non contou -ata agora- co apoio da Embaixada española na India nin do Instituto Cervantes, un esquecemento que non entende, ao ser o galego unha lingua oficial no Estado español. 

"Se hai algún investigador, xornalista, autor ou artista galego interesado en realizar actividades na India aquí terá unha casa", di

O Centro de Estudos Galegos, como todas as entidades deste tipo que existen no mundo, dende Cuba e Brasil ata Rusia e os Estados Unidos, pasando por unha decena de países da UE, traballará inicialmente desenvolvendo a competencia lingüística e a o coñecemento cultural no estudantado da Woxsen University, pero a súa actividade irá moito máis aló do ámbito académico, buscando a difusión cultural de Galicia na India, un espazo de relación entre o noso país e o Estado máis poboado do planeta que mesmo pode dar lugar ao fomento de relacións económicas e empresariais.

"Estamos creando algo distinto, unha ponte entre Galicia e a India", destaca, engadindo que "se hai algún investigador, xornalista, autor ou artista galego interesado en realizar actividades na India aquí terá unha casa".

Anik Nandi CC-BY-SA Cedida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.