O pasado 24 abril Alejandro Martínez Vicente defendeu na Universidade de Zadar (Croacia) a súa tese de doutoramento, Colocacións co verbo soporte dar en galego e español mailos seus equivalentes en lingua croata, que acadou a cualificación de summa cum laude, a máis alta que da o sistema e reservada a investigacións por achegar "unha mellora significativa na metodoloxía, cun descubrimento/teoría relevante a nivel nacional e internacional".
Trátase da primeira tese de doutoramento escrita en galego presentada nunha universidade croata
Ademais desta alta valoración, unha das particularidades deste traballo de investigación foi que se trata da primeira tese de doutoramento escrita en galego presentada nunha universidade croata e, de feito, é o primeiro traballo deste tipo no conxunto dos Balcáns. O tribunal estivo formado polos profesores Nikola Vuletić, Xosé Afonso Álvarez Pérez e Nina Lanovic, que destacaron que se trata dunha tese "de especial relevancia e novidosa no ámbito hispánico e sureslavo, ademais é pioneira no caso concreto do galego".
A tese acadou a cualificación de summa cum laude, a máis alta que da o sistema e reservada a investigacións "cunha mellora significativa na metodoloxía, cun descubrimento/teoría relevante a nivel nacional e internacional"
A tese tiña como obxectivo recompilar e analizar o aparato colocacional co verbo soporte dar en galego e castelán, así como establecer os equivalentes que teñen no idioma croata. A análise destas Colocacións co Verbo Soporte (CVS) iberorrománicas vai permitir dar achegas sobre a descrición lingüística deste tipo de semifrasemas. Posibilita, así, detallar dun xeito sólido a súa natureza interna e as súas características fronte a outro tipo de fraseoloxismos ou combinacións, para, desta maneira, fixar uns límites precisos para as CVS.
Alejandro Martínez destaca "a achega que fai da descrición e límites das colocacións, un terreo un tanto problemático e con debates infinitos e inconclusos (especialmente en filoloxías iberorrománicas) que confíamos pechar con este traballo".
Martínez, natural de Sabarís (Baiona), é na actualidade profesor asistente no Departamento de Hispanística e Estudos Ibéricos da Universidade de Zadar. Leva en Croacia dende 2016, onde imparte clases de Lingüística, principalmente de Semántica e Morfoloxía, e tamén tradución, de didáctica, lingua castelá e lingua, literatura e cultura galegas, entre outras. Ademais, é o responsable do Centro de Estudos Galegos de Zadar.
As clases de galego están a espertar un grande interese, pois -como destaca Alejandro Martínez, "chegamos a ter a 63 estudantes de galego no mesmo ano académico"
A Universidade de Zadar permite que o alumnado poida estudar galego durante os 5 cursos que dura o grao e o master. As clases de galego están a espertar un grande interese, pois -como destaca Alejandro Martínez, "chegamos a ter a 63 estudantes de galego no mesmo ano académico".
O novo doutor continuará de momento traballando en Croacia, impartido clases e investigando, "xa que me vexo, dada a situación actual, con máis futuro traballando co galego e coa Lingüística en Dalmacia que na propia Galicia", comenta.