A pasada semana o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) publicou a décima edición do seu informe Nós no Mundo, unha reflexión anual arredor da acción exterior galega, que nesta ocasión está dedicado á relación de Galicia co ámbito da lusofonía, atendendo principalmente ás tendencias máis presentes nos últimos meses e ás perspectivas de futuro inmediato.
"A proxección de Galicia na comunidade lusófona convértese nunha oportunidade para garantir a san existencia dunha vizosa industria cultural galega"
O informe, titulado A lusofonía en Galicia: Entre a lei Paz Andrade e a Estratexia Galega de Acción Exterior, ábrese cunha anáise da propia Lei Paz Andrade a cargo de Xosé Carlos Morell e unha reflexión sobre o papel da lusofonía na estratexia galega de acción exterior realizada por Jesús Gamallo (Director Xeral de Relacións Exteriores e coa UE) e Valentín García Gómez (Secretario xeral de Política Lingüística).
Gamallo e García Gómez destacan a avantaxe coa que conta Galicia por "estar dacabalo das linguas portuguesa e castelá, dúas das poucas linguas europeas con expansión universal". E subliñan que "a proxección exterior de Galicia na comunidade lusófona convértese daquela nunha oportunidade mesmo para garantir a san existencia dunha vizosa industria cultural galega, porque só aquela comunidade lingüística pode ofertarlle unha escala axeitada para poder medrar e deixar de contraerse".
"Se queremos unha industria cultural autónoma e ceibe, que non dependa maioritariamente de subsidios e outros apoios circunstanciais, a opción de facer medrar a cooperación cos países da lusofonía resulta ineludible", engaden. Os dous altos cargos da Xunta conclúen que "a lusofonía non só é un vector de internacionalización, senón ademais un puntal da nosa afirmación, da nosa identidade e do noso futuro como cultura e pobo de seu".
"A lusofonía non só é un vector de internacionalización, senón ademais un puntal da nosa identidade", destacan os dous altos cargos da Xunta
O informe complétase con outros nove traballos, de temátiva variada, a cargo de economistas como Joam Lopes Facal, xeógrafos como Rubén C. Lois ou sindicalistas como Xesús Ramón González Boán. Tamén destaca a achega de Antonio Fontenla Ramil, vicepresidente da Confederación de Empresarios de Galicia, a de Carla Sofia Amado Responsable polo Centro Cultural Português do Camões de Vigo, ou a de Xosé Lago García Director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal.