O Consello da Cultura acolleu este mércores a presentación de tres obras sobre o pasado emigrante de Galicia
Antes de ser un país que sobre todo é receptor de inmigración, Galicia foi durante séculos terra de emigrantes. Este tránsito de milleiros de persoas en dirección a América ou ao resto de Europa -con fluxos de ida e volta, moitas veces- deixaron unha fondísima pegada nas persoas que protagonizaron esa odisea persoal e nas xeracións seguintes, pero tamén no conxunto da colectividade.
Unha pegada que deixou moitos aspectos positivos -a contribución das novas ideas chegadas do outro lado do mar para a modernización do país foi innegable- pero tamén negativos, unha ferida sempre presente pola que moitas persoas se ven obrigadas a respirar.
O Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega leva a cabo un labor inxente de documentación e difusión dese pasado, por exemplo a través das Historias de ida e volta que publica de forma periódica, ademais de promover exposicións e a difusión doutras obras
A historia desta epopea e o seu impacto na sociedade galega aínda non foi relatada de xeito completo e son moitos os aspectos dese pasado emigrate nos que se necesita afondar para comprendermos de forma axeitada no presente. Dende hai moito tempo o Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega leva a cabo un labor inxente de documentación e difusión dese pasado, por exemplo a través das Historias de ida e volta que publica de forma periódica, ademais de promover exposicións e a difusión doutras obras.
Este mércores o Consello da Cultura acolleu a presentación de tres novas publicacións sobre a emigración galega, editadas pola institución. Dúas delas corresponden á colección Clásicos da Emigración: Estebo, de Xosé Lesta Meis e Verdades como puños y consideraciones, de Justo Taladrid. Ademais, presentouse o catálogo da exposición As xeracións do Montserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido.
A colección Clásicos da Emigración busca ofrecer "unha escolma das obras que contribúen a coñecer e valorar a historia da emigración galega desde diversas perspectivas"
As tres publicacións están dispoñibles para descarga na web do Consello da Cultura galega. A colección Clásicos da Emigración busca ofrecer "unha escolma das obras que contribúen a coñecer e valorar a historia da emigración galega desde diversas perspectivas", rescatando textos de diferentes formatos durante as décadas de maior impacto migratorio. O obxectivo é dar a "coñecer polo miúdo, fóra de estereotipos e simplificacións, as características e variantes do fenómeno migratorio en Galicia, como parte integral e determinante da nosa identidade colectiva, mais tamén do noso pasado e futuro colectivos".
No acto participaron Rosario Álvarez, presidenta do CCG; Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de
Emigración da Xunta; Miro Villar, autor do estudo introdutorio da obra Estebo; Emilio Xosé Ínsua, autor do traballo de contexto de Verdades como puños y consideraciones; e Pepe Barro, presentou o catálogo da exposición.
Estebo, de Xosé Lesta Meis, publicada na Coruña en 1927, é considerada "unha obra fundamental para achegármonos ao contexto do mundo rural na época da masiva emigración a Cuba"
Estebo, de Xosé Lesta Meis, publicada por vez primeira na Coruña en 1927, é considerada "unha obra fundamental para achegármonos ao contexto do mundo rural na época da masiva emigración a Cuba". Lesta Meis empregou para esta obra de ficción a súa propia experiencia da emigración. Para Miro Villar, Estebo é unha "novela-documento" que segue a ser "fundamental para achegármonos ao contexto do mundo rural".
Verdades como puños y consideraciones. Mis servicios al distrito de Vivero (1935) de Justo Taladrid introdúcenos no debate público ao redor do papel dos emigrantes nos equipamentos educativos
Pola súa banda, Verdades como puños y consideraciones. Mis servicios al distrito de Vivero (1935) de Justo Taladrid introdúcenos no debate público ao redor do papel dos emigrantes nos equipamentos educativos. "Constitúe un libelo polémico no que o autor intentou xustificar a súa propia conduta, que moitos sectores sociais e institucionais xulgaron obstruccionista no proceso de consecución dun novo grupo escolar para Viveiro", explica Emilio Xosé Insua López, que no texto inicial se adentra nas redes sociais, políticas e persoais do Viveiro dos anos 20 e 30, como un exemplo da sociedade galega do seu tempo e os conflitos ideolóxicos e sociais da altura.
Tamén se presentou o catálogo da exposición As xeracións do Montserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido, promovida polo CCG co comisariado de Xesús Fraga e o deseño expositivo de Pepe Barro
Tamén se presentou o catálogo da exposición As xeracións do Montserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido, a mostra promovida polo Consello co comisariado do escritor e xornalista Xesús Fraga e o deseño expositivo de Pepe Barro, quen tamén é o autor do deseño do catálogo impreso. A exposición buscaba afondar na historia dunha das emigracións galegas máis descoñecidas para o gran público, como é o caso da dirixida, na segunda metade do século XX, ao Reino Unido.
Trátase dunha das correntes migratorias menos visibilizadas e tamén unha das menos numerosas en termos cuantitativos, aínda que entre 1960 e 1974 uns 250.000 galegos e galegas se trasladaron ao país británico
Trátase dunha das correntes migratorias menos visibilizadas e tamén unha das menos numerosas en termos cuantitativos, aínda que entre 1960 e 1974 uns 250.000 galegos e galegas se trasladaron ao país británico. O Monserrat, do que a exposición toma o seu nome, e o seu xemelgo Begoña foron dúas das embarcacións que realizaron esas travesías. A través dos testemuños de traballadores galegos da Compañía Trasatlántica Española, á que pertencían ambos os barcos, amósase a época daquelas viaxes, así como o contexto laboral e a vida familiar da colectividade emigrante.
Na mostra e no catálogo aparecen documentos, filmacións, fotografías e materiais pertencentes a un total de dezanove persoas, a maioría delas procedentes das zonas da Coruña, Betanzos, Ferrol e A Mariña Lucense
Na mostra puido verse o boneco que Lourdes e Manolo mercaron en Inglaterra cando naceu o seu fillo Esteban, a primeira libra que gañou Pilar, o xogo de té Royal Vale que Mary adquiriu en Marks & Spencer ou a vaixela Royal Albert que Elena mercou peza a peza semanalmente para o seu enxoval. Canda eles, expóñense moitos outros documentos, filmacións, fotografías e materiais pertencentes a un total de dezanove persoas, a maioría delas procedentes das zonas da Coruña, Betanzos, Ferrol e A Mariña Lucense, que permiten reconstruír a memoria emocional de varias xeracións de emigrantes que partiron de Galicia con destino ao Reino Unido.