Marcos Pérez Pena

Unha ducia de institucións creadas pola colectividade galega na emigración

Pode que esteamos a asistir aos derradeiros días da Casa de Galicia de Montevideo, creada en 1917 por emigrantes galegos en Uruguai e chegou a converterse nun dos máis importantes hospitais do país, ademais de acoller un importante patrimonio cultural. A súa desaparición uniríase ás crises que nos últimos anos viviron outras significativas institucións impulsadas pola diáspora galega, que durante o século XX, especialmente en América, crearon un amplo conxunto de iniciativas culturais, empresariais e asociativas.

  1. 01

    Casa de Galicia

    O 17 de outubro de 1917 nacía en Montevideo a Sociedad de Instrucción, Recreo, Beneficencia y Asistencia Médica Colectiva Casa de Galicia, unha institución fundada por emigrantes galegos no Uruguai para "fomentar a unión entre os galegos e os seus descendentes". Aínda que a súa actividade principal acabou sendo a sanitaria e asistencial, levou a cabo outro tipo de accións culturais e de ocio. Xunto co Centro Galego e o Padroado de Cultura Galega foi a máis importante institución da emigración galega no país.

    No momento da súa liquidación contaba aínda cun gran centro hospitalario e sete policlínicas, que daban servizo a máis de 40.000 socios e socias e tiña 2.500 traballadores e traballadoras. Na imaxe, o seu antigo sanatorio nos anos 30 do pasado século.

  2. 02

    Consello de Galiza

    Precisamente a Casa de Galicia de Montevideo acolleu a finais de 1944 a sinatura, a cargo de Antonio Alonso Ríos, Ramón Suárez Picallo, Elpidio Villaverde e do propio Castelao- da acta fundacional do Consello de Galiza, que se presentaría uns meses despois.

    O obxectivo do Consello de Galiza (na imaxe a súa bandeira, que cubriu o cadaleito de Castelao) era aglutinar os deputados galegos para actuar na práctica como un goberno galego no exilio, lexitimado polo Estatuto de autonomía aprobado en 1936

  3. 03

    Centro Galego de Bos Aires

    Unha das insitucións máis importantes creadas pola colectividade galega en América foi o Centro Galego de Bos Aires, fundado en 1907. No ano 2019 a entidade perdeu a súa sede histórica, nun proceso no que cando menos se conseguiu salvagardar o seu importante patrimonio cultural, entre o que destacan máis de cen pinturas de Seoane, Colmeiro, Castelao ou Maside, unha biblioteca de 20.000 volumes, un teatro histórico de 400 butacas, un inxente arquivo fotográfico ou unha fonoteca con discursos de Otero Pedrayo, Blanco Amor e Cunqueiro. 

    A mutual do Centro Gallego cedeu a xestión da súa entidade sanitaria pero conserva o dereito de "uso e goce" do primeiro andar do edificio da antiga sede. É alí onde está a histórica sala de xuntas, a sede do Instituto Arxentino da Cultura Galega e o cuarto onde faleceu Castelao.

  4. 04

    A Federación de Sociedades Galegas e o seu Museo da Emigración

    En Bos Aires, ademais do Centro Gallego, destacou sempre a actividade da Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina, que o pasado ano celebrou os cen anos da súa fundación, cun ideario socialista e agrarista. Na actualidade centra boa parte da súa actividade na creación do Museo da Emigración Galega (MEGA), que funciona ademais como biblioteca e centro de investigación.

  5. 05

    Centro Galego da Habana

    O Centro Galego da Habana tivo a súa orixe na Sociedade de Beneficiencia de Naturais de Galicia fundada na illa en 1871, hai 150 anos, aínda que o Centro como tal naceu oito anos máis tarde, comezando a ofrecer asistencia sanitaria (unha constante nas entidades da diáspora) aos emigrantes galegos. En 1906 funda unha caixa de aforros e inicia a construción da súa sede, un fermoso edificio neobarroco que posteriormente se convertería no Gran Teatro da Habana. En 1920 contaba con máis de 60.000 persoas socias e ao seu redor naceron o himno e a bandeira galegas e a propia Academia.

  6. 06

    Revistas e boletíns

    Nestoutra entrada xa repasamos algunhas das máis importantes publicacións históricas da emigración galega, unha longa lista con exemplos de todo tipo, dende revistas profesionais e especializadas ata boletíns das distintas entidades. Céltiga, Lar, El Despertar Gallego, Galicia Emigrante (dirixida por Luís Seoane), a etapa de A Nosa Terra no exilio ou Vieiros, iniciativa do Padroado da Cultura Galega de México son algúns exemplos. 

  7. 07

    Luís Seoane

    Se hai unha figura clave na cultura e na creación artística da emigración galega en América, esa é a de Luís Seoane. Seoane moi o promotor de moitas empresas culturais, dende revistas (Galicia Libre, Galicia Emigrante...) a editoriais (Citania, Emecé Editores...), pasando pola propia creación artística individual. Colaborou con Isaac Díaz Pardo no proxecto cerámico da Magdalena, en Bos Aires, base do que despois foi Sargadelos e o Laboratorio de Formas, que ambos os dous desenvolveron en Galicia.

  8. 08

    Editoriais

    Foron moitas as editorias galegas creadas en América dende Citania a Ediciones Galicia, pasando pola editorial e distribuidora de libros en galego Follas Novas, fundada por Neira Vilas e a súa dona Anisia Miranda en Bos Aires en 1957, á que pertence esta imaxe.

  9. 09

    Programas de radio: de Maruxa Boga ao Sempre en Galicia

    Tamén foron moi importantes algunhas iniciativas radiofónicas, como o programa galego da BBC, que botou a andar en 1947 ou os que naceron no Río da Prata. Recordando a Galicia, un programa semanal emitido dende Bos Aires que se mantivo ata o ano 1984, protagonizado nas súas orixes por Maruxa Boga (na foto) con Aróstegui, Tacholas e Enrique González. Ou Galicia, Arte y Cultura, conducido pola locutora e actriz teatral galega Maruxa Villanueva en 1939. Ou o histórico Sempre en Galicia, emitido por Radio Carve de Montevideo dende 1950 e que aínda se mantén en emisión.

  10. 10

    Congreso da Emigración Galega

    A vitalidade cultural (e tamén política) da emigración e do exilio galego no Río da Prata nos anos 40 e 50 do pasado século púxose de manifesto no I Congreso da Emigración Galega, celebrado en Bos Aires no ano 1956, impulsado polo Consello de Galiza co gallo do primeiro centenario do Banquete de Conxo.

    Nel participaron intelectuais e dirixentes sociais e políticos galegos chegados dende diversos países, como Ramón Suárez Picallo, Emilio González López, Xosé Velo, Lois Tobío Fernández ou Xesús Canabal. Tamén houbo participación dende o interior de Galicia, con comunicacións enviadas por persoas da contorna do Grupo Galaxia.

  11. 11

    Empresas como CUTCSA

    Os galegos destacaron en moitos eidos profesionais e en todos os países foron saudados como esforzados traballadores e tamén como bos comerciantes e pequenos empresarios. Os galegos destacaron en varios ámbitos, pero no Uruguai cómpre salientar a gran cantidade de condutores de autobús procedentes de Galicia, moitos deles traballando na Cooperativa Uruguaya de Transportes Colectivos (CUTCSA), que se encargaba do transporte urbana na cidade de Montevideo e na súa área metropolitana e que foi fundada en 1938 por José Añón, natural de Laracha.

  12. 12

    Banco Galicia

    Os galegos crearon tamén varias entidades financeiras en América, destinadas nun comezo en boa medida á xestión das remesas enviadas a Galicia polos emigrantes. Algúns destes bancos e caixas de aforro naceron vencellandas directamente aos Centros Galegos e sociedades de emigrantes e outros foron impulsadas por grupos de empresarios con orixe no país. É o caso do Banco Galicia, fundado en Bos Aires en 1905 e que aínda está en funcionamento, coa súa sede na Torre Galicia da capital arxentina, de 160 metros de altura.