Marcos Pérez Pena

Unha ducia de publicacións históricas da emigración galega

As colectividades galegas no exterior publicaron dende finais do século XIX un gran número de cabeceiras, dende a pioneira La Gaita Gallega editada na Habana en 1872 ata outros xornais e revistas nacidas en Bos Aires, Montevideo, Caracas, Nova York ou en distintos lugares de Europa. O Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega ofrece de balde na rede unha ampla biblioteca con moitas destas cabeceiras, que dan conta da importancia histórica da diáspora galega.

  1. 01

    Galicia. Revista del Centro Gallego de Buenos Aires

    Esta revista, de carácter mensual, foi editada polo Centro Gallego de Buenos Aires a partir do ano 1926 para substituír ao seu Boletín e continuou durante todo o século XX. Nos primeiros números editou 16.000 exemplares, que chegaron a ser 35.000 nos anos 80 do pasado século. Ao longo da súa historia colaboraron na publicación Eduardo Blanco Amor, Salvador Lorenzana (Francisco Fernández de Riego) e moitos outros autores procedentes da intelectualidade do país, emigrada ou residente en Galicia.

  2. 02

    Céltiga

    Dirixida por Eduardo Blanco-Amor, Eliseo Pulpeiro e Ramón Suárez Picallo, Céltiga foi o punto de encontro da intelectualidade galega residente en Arxentina entre 1924 e 1932. De carácter quincenal e subtitulada 'Revista Gallega de arte, crítica, literatura y actualidades',polas súas páxinas, cun coidado deseño, pasaron Castelao, Maside, Suárez Couto, Francisco Asorey ou Luis Ksado.

  3. 03

    El Despertar Gallego

    O xornal, dirixido por Antón Alonso Ríos, naceu en 1922 como "Órgano mensual de la Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales de la República Argentina" e editouse ata 1930. A publicación, igual que a propia federación, evoluciona dende unha perspectiva socialista a ter unha orientación nacionalista, o que provoca numerosas controversias na mesma, que rematarán coa ruptura da Federación, continuando El Despertar Gallego como voceiro do sector nacionalista. 

  4. 04

    El Eco de Galicia

    El Eco de Galicia (Revista Semanal de Ciencias, Arte y Literatura)  foi fundado en 1898 na Habana por Waldo Álvarez Ínsua e editouse ata 1902. O obxectivo da publicación era ser "el defensor de nuestros intereses, de nuestro buen nombre y una prueba de nuestra cultura e ilustración". Nas súas páxinas aparece unha das primeiras descricións documentadas da bandeira galega. 

  5. 05

    Nova Galicia

    O xornal Nova Galicia, fundado en Bos Aires en 1901 por Fortunato Cruces, era unha publicación de información xeral dirixida aos galegos de América, que trata de pór de relevo a cultura galega a través de artigos sobre a súa lingua, literatura, costumes, historia ou música. Edítase cando menos ata os anos 50. "O nome d-esta revista nece d'esa ebullición, qu'enriquece ê rexenera a galleguiña rexión" era un dos seus lemas. 

  6. 06

    Acción Gallega

    Acción Gallega, dirixida por Rodolfo Prada, foi entre 1920 e 1925 a publicación oficial de Casa de Galicia de Bos Aires.

  7. 07

    Correo de Galicia

    Correo de Galicia editouse entre 1908 e 1945 en Bos Aires, dirixido por José Ramón Lence. A orientación ideolóxica da revista asume posturas galeguistas e mesmo republicanas durante a ditadura de Primo de Rivera, pero posteriormente toma postura en 1936 a favor do bando franquista. A partir de 1945 pasa a chamarse Nuevo Correo e, despois, Faro de España.

  8. 08

    Galicia emigrante

    Galicia Emigrante publicouse en Bos Aires entre 1954 e 1959, dirixida por Luís Seoane. Esta revista cultural, cunha coidada edición, aspiraba a  "ser espejo en esta capital de la vida y actividad de los emigrantes gallegos". Contaba con numerosas seccións, que trataban dende a cociña galega ás achegas da colectividade á vida económica, social e cultural arxentina.

  9. 09

    Lar

    A partir de 1934, Lar  foi a revista mensual da Asociación Gallega de Beneficencia y Mutualidad de Bos Aires, ou o que é o mesmo, do Hospital Gallego desta capital. Con motivo dos Día de Galicia editaban números extraordinarios nos que colaboraban numerosos intelectuais galegos con artigos sobre a cultura e a historia do país. 

  10. 10

    Adiante. Orgâo das Mocedades Galeguistas

    Adiante, subtitulada 'Orgâo das Mocedades Galeguistas', publicouse a partir de 1954 en Bos Aires, de forma irregular e cunha distribución de balde, editada pola Irmandade Galega de Bos Aires 

  11. 11

    A Nosa Terra

    A Irmandade Galega de Bos Aires publicou A Nosa Terra entre 1942 e 1972, recollendo a histórica cabeceira do Partido Galeguista, que despois continuaría a partir de 1977 xa en territorio galego. Tratábase dunha publicación política, marcadamente nacionalista, na que colaboraron dende o propio Castelao ata Manuel María, pasando por Ramón de Valenzuela ou Ramón Suárez Picallo.

  12. 13

    Galicia. Revista del Centro Gallego de Caracas

    O Centro Gallego de Caracas publicou a revista Galicia entre 1952 e 1954 e incluía colaboracións literarias de destacados autores residentes dentro e fóra de Galicia.

  13. 14

    Alma Gallega

    Alma Gallega, editada entre 1934 e 1967, foi o órgano oficial da Casa de Galicia de Montevideo, chegando a publicar 30.000 exemplares no ano 1946

  14. 15

    Casa Galicia

    A Casa Galicia de Unidad Gallega, de Nova York, editou esta publicación a partir de 1940 e mantívoa durante décadas. Ademais de informar das actividades da sociedade, incluía artigos sobre Galicia e a súa cultura, economía e historia, redactados por intelectuais galegos de recoñecido prestixio.