Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, Terbutalina e De Ninghures. Son as catro bandas que conforman o cartel da terceira edición do festival EmigraSon, que se celebra o vindeiro 22 de febreiro en Bruxelas. Un certame que ideou un grupo de mozos galegos e galegas que traballan na capital belga e que se consolida como unha cita ineludible para a música do país e fóra do país.
Os catro grupos únense a unha selecta listaxe que desde 2023 xunta no corazón de Europa as figuras (emerxentes e consolidadas) máis importantes dese agromar sen complexos de música en galego: xente moza, variada en estilos e que virou en fenómeno de masas nos últimos tempos en Galicia.
O EmigraSon celebra a súa terceira edición con case todo vendido malia triplicar o número de billetes con respecto aos anos anteriores
Tanxugueiras, Fillas de Cassandra —que repite tras actuar na primeira edición—, Terbutalina —que elixe Bruxelas para a súa última actuación antes dunha pausa— e De Ninghures únense a Ataque Escampe, Catuxa Salom, Grande Amore, Lontreira, Familia Caamagno, The Rapants, Berto e Filloas, que actuaron no EmigraSon nos últimos anos.
A terceira edición do festival terá lugar o próximo sábado 22 na sala La Madeleine, unha "noite de folk, rock e electrónica" para a que xa case non quedan entradas, malia triplicar a capacidade do recinto con respecto aos últimos anos. Serán 1.200 persoas nunha cita que pretende "levar a música, cultura, tradición e vangarda á capital europea".
O día antes, o venres 21, unha foliada coa actuación de Lume de Biqueira e Duendeneta Dilleis na sala Salle 1180 servirá de previa para un sábado no que tamén hai convocada unha manifestación pola lingua. Seguindo a iniciativa de Queremos Galego o domingo seguinte en Galicia, ás 15 horas no Mont des Arts, na parada de autobús e metro Gare Centrale.
Será unha xornada de festa galega, unha cita que asenta no calendario festeiro e de festivais desde que en 2023 iniciase a súa andaina da man de Karan Novo, Gara López, Mateo González, Cristina Amosa e María Dios. De maneira autoxestionada e sen ánimo de lucro, sacaron adiante un proxecto para o que agora se uniron outras catro persoas que colaboran na organización do que pretende ser "un lugar de encontro para a mocidade galega no estranxeiro".
O evento creceu e para esta terceira edición o EmigraSon conta co apoio da Xunta de Galicia, Deleite, a Deputación de Pontevedra, a Fundación Galicia Europa, a Embaixada de España, así como dos eurodeputados galegos Nicolás González Casares (PSdeG), Ana Miranda (BNG) e Francisco Millán Mon (PP).
"O Emigrason estase consolidando, cremos que xa desde a edición do pasado ano, tendo en conta os grupos cos que contamos e a grande acollida que tivemos", di María Dios, unha das impulsoras dun evento para o que, destaca, "apenas quedan xa billetes cando aínda faltan máis de dez días".
EmigraSon pretende "amosar toda a forza da música e da cultura galega fóra de Galicia, na capital de Europa"
"A organización supón un esforzo moi grande pero todo está saíndo moi ben", engade quen destaca que manteñen os apoios e patrocinios dos últimos anos para engadir ademais, nesta edición, o da Deputación de Pontevedra. Para un cartel de grupos galegos e que cantan en galego.
"Para nós é moi importante apostar por grupos que despuntan ou que xa están consolidados na escena musical e poder amosar toda esta forza na capital europea, nun lugar tan multicultural, con tantas nacionalidades presentes", explica María Dios, que aclara que unha das intencións do EmigraSon desde o inicio foi "dar a coñecer a música e a cultura que se fai en Galicia" alén do país.
"Hai moitos festivais en Galicia nos que é máis difícil atopar tantas bandas xuntas que canten en galego"
Así, reflexiona sobre "o curioso" que é que EmigraSon, un festival celebrado en Bélxica, poida ser "o festival máis galego de todos", tendo en conta a cantidade de grupos do país e de éxito que se reúnen nun mesmo día. "Hai moitas outras iniciativas en Galicia nas que é máis difícil atopar tantas bandas xuntas que canten na nosa lingua", insiste.
"O EmigraSon non deixa de ser tamén un motivo máis para que a mocidade galega emigrante, que reside no estranxeira, poida xuntarse en Bruxelas, un lugar ben conectado e céntrico en Europa", remata.