A música galega toma Bruxelas por un día na segunda edición do festival EmigraSon

Edición 2023 do Emigrason © Emigrason

A música galega desembarca en Bruxelas esta fin de semana. O festival EmigraSon leva á capital belga a Ataque Escampe, Catuxa Salom, Grande Amore, Lontreira e The Rapants, que actuarán en La Tricoterie o sábado a partir das 16.30 horas

A música galega desembarca en Bruxelas esta fin de semana. O festival EmigraSon leva á capital belga a Ataque Escampe, Catuxa Salom, Grande Amore, Lontreira e The Rapants, que actuarán en La Tricoterie o sábado a partir das 16.30 horas. Non será o único evento galego destes días tan especiais en Bruxelas. Xa o venres o Instituto Cervantes acollerá ás 16.30 unha actuación de Aldaolado, e dende as 20.30 no Colectivo García Lorca terá lugar unha Foliada con Alumea que chegará ata despois da medianoite.

Ademais, o venres e o sábado desenvolverase na cidade o I Foro da Investigación Galega no Estranxeiro, organizado por Investigal, no que máis de medio cento de investigadores e investigadoras galegas procedentes de distintos países poñerán en común as súas problemáticas e necesidades e buscarán a maneira de "facer rede".

O Emigrason naceu o pasado ano co impulso de Karan Novo, Gara López, Mateo González, Cristina Amosa e María Dios, emigradas e emigrado en Bruxelas, que traballaron durante meses para levar a artistas emerxentes e consolidados do país ata a capital belga, na que hai moita poboación galega emigrada por motivos laborais. A iniciativa contou co apoio dos eurodeputados Ana Miranda e Nicolás González Casares (que este ano repiten o seu apoio) e foi un éxito, coa asistencia de máis de 200 persoas.

"O noso obxectivo principal é que as persoas emigradas poidan gozar dun anaco da súa cultura e pasalo ben, e tamén mostrar o músculo que ten a cultura galega alén das nosas fronteiras", dicían o pasado ano as organizadoras

"O noso obxectivo principal é que as persoas emigradas poidan gozar dun anaco da súa cultura e pasalo ben, e tamén mostrar o músculo que ten a cultura galega alén das nosas fronteiras", dicían o pasado ano as organizadoras nesta entrevista en Vinte, na que apostaban por dar continuidade á iniciativa.

O Emigrason repite co obxectivo de consolidarse, desta volta nunha sala de maior tamaño e de novo cunha primeira xornada que se desenvolverá nas instalacións do Instituto Cervantes e cunha Foliada, de novo a cargo de Alumea, formada por emigradas e emigrados galegos en Bélxica. 

O venres o Instituto Cervantes acollerá ás 16.30 unha actuación de Aldaolado, e dende as 20.30 no Colectivo García Lorca terá lugar unha Foliada con Alumea que chegará ata despois da medianoite

O grupo de cinco organizadores pasou a ser de sete nesta segunda edición, coa incorporación de Ángel e Claudia e de forma autoxestionada e sen ánimo de lucro sacaron adiante por segundo ano o festival, constituíndo a Asociación Cultural EmigraSON. Nesta segunda edición a Xunta de Galicia, Deleite e Rei Zentolo únense coma patrocinadores.

"Galicia sempre foi terra de emigrantes, mais a galeguidade non entende de fronteiras. Como resultado xorde o EmigraSON, o primeiro festival galego feito por e para a mocidade emigrante en Bruxelas", destaca a organización na presentación do evento

Cartel da edición 2024 do Emigrason © Emigrason

Horarios

Venres 8: Instituto Cervantes: Aldaolado (16:40 Apertura de Portas)

Venres 8: Colectivo García Lorca: Foliada con Alumea (20:30 ata as 0:30)

Sábado 9: Tricoterie: Festival Emigrason (16:30 Apertura de Portas)

  • 16:45. Catuxa Salom
  • 17:50. Ataque Escampe
  • 19:10. Lontreira
  • 20:30. The Rapants
  • 22:00. Grande Amore

O festival, ademais, inclúe este ano un merchandising exclusivo deseñado por Rei Zentolo, que realizou as camisetas co logo do Emigrason. As camisetas estarán á venda o venres na foliada e o sábado na sala na que teñen lugar os concertos.

Edición 2023 do Emigrason © Emigrason

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.