'Taxi Compostelle': 60 historias para contar 60 anos de emigración galega en Suíza

Exposición 'Taxi Compostelle' en Delémont (Suíza) © Pierre Montavon

"Alá somos de aquí e aquí somos de alá". É unhas das reflexións que fai unha emigrante galega en Suíza, protagonista da exposición que desde o pasado mes de setembro se pode ver no principal museo da cidade helvética de Delémont, no cantón de Jura. 

Nela, a través de fotografías, historias e anécdotas recompiladas tamén en decenas de gravacións e filmacións, abórdase un relato da emigración desde Galicia a esa pequena cidade e, en xeral, a toda Suíza, onde aínda residen perto de 35.000 galegos e galegas, segundo os datos do Censo de Residentes Ausentes (CERA). Unha ollada histórica, cultural e sentimental a 60 anos de emigración a aquel país, que posiblemente poda verse tamén en Galicia, segundo apuntan desde a Deputación da Coruña.

Co foco sobre todo nos emigrantes chegados da Costa da Morte —unha das comarcas con maior achega histórica e actual á diáspora en Suíza—, a recoñecida mostra "relata décadas de idas e voltas entre Galicia e aquel país, unha historia de emigración e intercambios de todo tipo, desde culturais e económicos a gastronómicos". 

Unha das fotografías da exposición 'Taxi Compostelle' en Delémont (Suíza) © Pierre Montavon

"A idea é explicarlles aos suízos de onde viña a xente que limpaba as súas oficinas, a que construía as súas casas", explica Antonio Rodríguez, organizador da mostra

Así o explica Antonio Rodríguez, xornalista afincado en París, natural de Delémont e fillo de emigrantes de Laxe e Valdeorras, organizador da mostra Taxi Compostelle. Allers retours entre Galice et Jura (Taxi Compostela. Ida e volta entre Galicia e Jura), xunto ao fotógrafo Pierre Montavon e o documentalista francés Aubin Hellot. 

"A idea inicial era a de explicarlles aos suízos de onde viña a xente que limpaba as súas oficinas, a que construía as súas casas ou as estradas e ensinarlles non só as paisaxes, senón a nosa cultura, a nosa forma de ser, a nosa comida...", explica a Praza.gal Rodríguez sobre unha mostra que inclúe case 60 fotos (a maioría delas retratos de moitos deses emigrantes actuais ou xa regresados a Galicia), varios vídeos ou obxectos persoais que serán tamén a base do novo libro que este periodista e escritor prevé publicar o vindeiro ano sobre un fenómeno, o da emigración, que marcou a súa vida e a de tantos coma el. 

"Tamén é unha forma de rachar cos tópicos, cos que moitos suízos teñen sobre a orixe española dos emigrantes galegos, que identifican con sol, praia e tradicións que non son tal", explica sobre un traballo para a mostra que supuxo nun lote de viaxes, entrevistas, fotografías e anécdotas que nunca rematan. "Canta máis xente e máis galegos visitan a exposición, máis anécdotas e historias apañamos. Como esa que atravesa case todas as reflexións: 'En Suíza somos os galegos e en Galicia somos os suízos"

"Son moitos os testemuños nesa liña, especialmente os das persoas que xa xubiladas e asentadas de novo en Galicia seguen sendo considerados 'os suízos' malia que pasasen a metade da vida onde naceron e estean alí de volta", conta Rodríguez. "E non adoita gustarlles nada que lles digan iso", advirte. 

O alcalde de Xenebra, Alfonso Gómez; Ana Miranda; ou o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, na mostra en Delémont CC-BY-SA Cedida

O taxi, unha emigración particular galega

Por que Taxi?. "O do taxi porque é un medio de transporte para a emigración moi peculiar e particular dos galegos e galegas; son varios os testemuños que din que xa a finais dos 60 había un taxista que empezou a facer un traxecto de 2.000 quilómetros que, daquela e nos 70 e 80, supoñía dous días mínimo de viaxe", di sobre unha viaxe en coche que tantos emigrados e familiares lembran aínda. "Era duro. Cando chegabas a Ponferrada aínda quedaba un mundo", resume Rodríguez sobre a súa propia experiencia de cativo. 

Unha viaxe, en taxi, que aínda realizan algúns deses novos emigrados que coa crise de 2008 e aínda hoxe escollen Suíza para encetar unha nova vida. Un fluxo que empezou antes, nos 60, e se mantivo constante ata mediados dos 80, convertendo aquel país no da maior diáspora galega en Europa, por diante de Francia, sendo aínda o quinto Estado do mundo con maior presenza de galegos e galegos, que supoñen máis da metade do conxunto da emigración española.  

"Ter 60 testemuños e historias converte a exposición nunha experiencia colectiva da emigración galega"

E por que Compostelle? "Porque fixeron o Camiño de Santiago do revés; ese traxecto que tantos europeos coñecen e que os galegos facíamos á inversa", conta Antonio Rodríguez, que puido comprobar na súa nai, xa falecida, "ata que punto a emigración tivera un papel tan relevante na súa vida". "Ela tamén tiña morriña de Suíza", explica quen a "busca da identidade" é unha das constantes entre a emigración, entre a xente que botou tantos anos fóra da Terra que acaba por dividir o seu amor entre a orixe e a diáspora. 

"O feito de ter 60 testemuños, 60 historias, converte a exposición nunha experiencia colectiva da emigración galega, un resumo, coas súas cousas boas e as súas dificultades, de 60 anos de emigración en Suíza", engade quen comproba a "emoción" que a mostra provoca "nos galegos, pero non só neles, tamén en moita outra xente e fillos doutras migracións". Por moitas historias e por casos, tan comúns pero "conmovedores". 

Unha das fotografías da exposición 'Taxi Compostelle' en Delémont (Suíza) © Pierre Montavon

"Un dos debates e das experiencias compartidas que adoitan xurdir é o dos fillos, do que fixo cada un dos emigrantes con eles cando decidiron marchar: desde os que os levaban xa de inicio a Suíza ou os que os deixaban uns anos cos avós ata levalos e escolarizalos logo no país de acollida", lembra Rodríguez, fillo de galegos nado en Delémont, unha pequena cidade que serve como paradigma da emigración suíza pola importante proporción de galegos. 

Naquela localidade do noroeste suízo, cuns 12.000 habitantes, conta, calcúlase que chegou a haber 800 galegos e galegas residindo e traballando a un tempo: un de cada quince habitantes tiña a súa orixe no noroeste peninsular, en Galicia. 

Unha pegada galega, sobre todo de xente da Costa da Morte pero tamén doutras comarcas como a Terra Chá ou do Ortegal, que foi igualmente forte en Basilea, en Zúric ou en Xenebra, cidade, esta última, cuxo alcalde é natural de Corme. Si, da Costa da Morte. 

Alfonso Gómez, investido rexedor o pasado mes de xuño ao ritmo das gaitas do Himno do Antigo Reino de Galicia, foi un dos galego-suízos que acudiu tamén a ver a exposición que seguirá aberta ata mediados de abril e que foi protagonista, no pasado 29 de decembro, dunha portada do diario Le Temps, xornal de referencia para a zona francófona e que conta con 150.000 lectores. 

Na foto principal, unha veciña de Traba de Laxe, Mari Luz Andrade, posa a poucos metros da súa casa, nun dos retratos que forma parte da exposición. "La nostalgie des Galiciens emigrés", reza o titular. 

Portada do diario suízo 'Le Temps' do 29 de decembro de 2023 © Le Temps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.