Enreguéifate bate récords cun cento de vídeos de improvisacións bravas e ben faladas

Edición 2024 da Regueifesta © Enreguéifate

O proxecto impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago e Teo anunciou os seus 16 gañadores nas súas distintas categorías

O certame Enreguéifate deu a coñecer os gañadores e gañadoras da súa sétima edición. Como en edicións anteriores, o certame contou con dúas categorías: unha xeral, para calquera persoa, e outra escolar, para o alumnado dos centros educativos galegos non universitarios. Nesta ocasión había oito premios en cada unha das categorías: á regueifa máis brava, á máis aguda, á máis diversa, á máis reivindicativa, á mellor cantada, á mellor falada, á máis inclusiva e á máis entroideira.

O proxecto bateu este ano o seu récord de participantes, ao recibir preto dun cento de vídeos (96) procedentes de máis dunha vintena de concellos galegos. "Unha cifra de récord que confirma a boa saúde da regueifa e da improvisación oral", destacaron os seus organizadores.

A alta participación "confirma a boa saúde da regueifa e da improvisación oral", destacan os seus organizadores

Enreguéifate é un proxecto impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír por medio dela á promoción do uso da lingua galega. Os vídeos gañadores poden verse na web do certame ou na canle de Youtube.

O xurado estivo composto por Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro; Bea Vilaverde, técnica do Departamento de Lingua do Concello de Santiago de Compostela; e Lucía Ferro, técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames. 

Gala Enreguéifate - Regueibertso

Os premios entregaranse o 19 de maio en Santiago na Gala Enreguéifate - Regueibertso

O 19 de maio ás 11:30 horas terá lugar a entrega de premios nunha gala no Auditorio de Galicia, en Santiago. O evento será ademais unha celebración conxunta co Regueibertso, un programa apoiado pola Deputación da Coruña que procura a sensibilización lingüística e a difusión da regueifa e o bertsolarismo entre a xente nova.

Xurdido en 2016 dentro do Proxecto Regueifesta, colectivo educativo da Asociación ORAL, o Regueibertso consiste nun intercambio entre alumnado improvisador de Galicia e do País Vasco. Este ano, a convivencia entre escolares regueifeiras e bertsolaris terá lugar en Santiago durante a fin de semana das Letras Galegas e concluirá coa participación da rapazada na gala do Enreguéifate - Regueibertso. 

Categoría xeral

Actividade de Enreguéifate nun centro de ensino © Enreguéifate

Categoría escolar 

  • Regueifa mellor falada: A cuarta revolta, "Continuemos co legado" (CPI As Revoltas, Cabana de Bergantiños).
  • Regueifa mellor cantada: Regueifeiras de Dodro, "Emoción ou razón?" (CPI Eusebio Lorenzo Baleirón Tarrío, Dodro)
  • Regueifa máis inclusiva: Radio Regueifa Inclusiva, "Somos diferentes, somos referentes" (IES do Milladoiro / CEE Manuel Navalón, Ames e Santiago de Compostela).
  • Regueifa máis entroideira: As Entroideiras, "O Entroido galego" (CEIP San Martiño, Pontevedra).
Actividade de Enreguéifate nun centro de ensino © Enreguéifate

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.