O certame Enreguéifate regresa nunha nova edición co obxectivo de promover a improvisación oral de xéneros galegos como a regueifa, para contribuír á vez á promoción do uso da lingua galega
O certame Enreguéifate regresa nunha nova edición co obxectivo de promover a improvisación oral de xéneros galegos como a regueifa, para contribuír á vez á promoción do uso da lingua galega. "Temos madeira regueifeira!” é o lema escollido este ano para a iniciativa, impulsada polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo.
O obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, inclúe accións formativas para alumnado e profesorado, un certame regueifeiro e un encontro anual de regueifa.
Están a desenvolverse 80 obradoiros de improvisación oral para alumnado de 5º e 6º de Primaria e da ESO dunha trintena de centros de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago e Teo
Dende o pasado mes outubro e ata febreiro, no marco do certame están a desenvolverse máis de 80 obradoiros de improvisación oral destinados ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e da ESO dunha trintena de centros educativos destes cinco concellos: Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago e Teo. Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Nuria das Cruces son este ano as persoas encargadas de impartir as accións formativas, organizadas polos servizos de normalización lingüística dos cinco concellos impulsores da iniciativa.
O obxectivo destes obradoiros é tamén animar as e os escolares a participar na sétima edición do certame de regueifas en vídeo
O obxectivo destes obradoiros é tamén animar as e os escolares a participar na sétima edición do certame de regueifas en vídeo. O prazo de participación estará aberto do 12 de xaneiro ao 1 de marzo de 2024 e poderá facerse dende a páxina web do certame, onde xa están dispoñibles tamén as bases. As persoas interesadas en participar deberán enviar o seu vídeo no que aparezan, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego e cunha duración máxima de 3 minutos.
Enreguéifate naceu no ano 2017 e chega este ano á súa sétima edición
Enreguéifate naceu no ano 2017 e chega este ano á súa sétima edición. Ao igual que en anos anteriores, nesta sétima edición do concurso volverá haber dúas categorías: escolar e xeral, aberta esta última a toda a cidadanía. Nunha e noutra entregaranse un total de seis premios, que valorarán a regueifa máis brava, a máis aguda, a máis diversa, a máis reivindicativa, a mellor cantada e a mellor falada.
A gala de entrega dos galardóns celebrarase o mércores, 3 de abril de 2024 no Teatro Principal de Santiago de Compostela.