Hai pouco máis dun ano botou a andar Alingua, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, co obxectivo de promover e dinamizar o uso do galego dende as administracións locais, cooperar entre elas e contribuír así á normalización da lingua. Non partía de cero, a colaboración entre concellos permitiu nos últimos anos poñer en marcha iniciativas como Apego, Youtubeir@s, Enreguéifate ou o Club de Debate.
Neste momento a asociación está integrada por unha vintena de concellos e pola Deputación de Pontevedra como membro amigo
Neste momento a asociación está integrada por unha vintena de concellos e pola Deputación de Pontevedra como membro amigo. As localidades cuxos servizos de normalización lingüística conforman Alingua son A Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Carballo, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa.
Hai unhas semanas, ademais, Alingua presentou o programa de actividades para os vindeiros meses, centradas na campaña É túa. Pásaa!, un lema definido como "unha chamada á acción: usa e transmite a túa lingua, o galego”. A expresión, que se pode ver en faixas penduradas das casas do concello das localidades participantes, acompáñase dun tema musical realizado por Fátima Pego e Grande Amore.
Hai unhas semanas Alingua presentou o programa de actividades para os vindeiros meses, centradas na campaña É túa. Pásaa!, un lema definido como "unha chamada á acción: usa e transmite a túa lingua, o galego”
Ademais, nas vindeiras semanas veremos a webserie O gran reto, de María Rua, na que tres persoas castelanfalantes amosarán a súa experiencia vivindo en galego durante 21 días. Alingua tamén publicará nas súas redes sociais os próximos meses entrevistas a persoas de diversos ámbitos que achegarán as súas vivencias coa lingua.
Neste momento María López Álvarez 'Maló', concelleira de Teo, ocupa a presidencia rotatoria da entidade. Falamos con ela para saber algo máis sobre o funcionamento de Alingua e os proxectos e iniciativas en marcha.
Con que obxectivo nace Alingua?
"É un modelo que cooperación que na lingua funciona moi ben e que se podería estender a outras áreas, como deportes ou cultura"
Cremos que hai un obxectivo común, que é a normalización lingüística no país e polo tanto non ten xeito ese corsé territorial que ás veces pon a administración. Un técnico de normalización é un cargo local, pero isto non quere dicir que non nos poidamos asociar para que eses técnicos, traballando conxuntamente, sumen sinerxías. Penso que é un modelo que cooperación que na lingua funciona moi ben e que se podería estender a outras áreas, como deportes ou cultura. Con isto conseguiríamos que non houbese proxectos que unha e outra vez nacen no ámbito local para morrer no ámbito local. Os concellos non son illas.
"Existe unha problemática que é común a todo o país e que está por riba das casuísticas particulares de cada concello, compartimos problemas e necesidades"
Cada concello ten situacións e contextos distintos ao redor da lingua, pero as necesidades son comúns? De aí a necesidade de cooperar?
Si, Unha vez que ti tes un servizo de normalización lingüística e polo tanto tes mecanismos para realizar unha avaliación da situación da lingua na contorna, podes traballar ad hoc. Pero Alingua nace para traballar coa idea de que existe unha problemática que é común a todo o país e que está por riba das casuísticas particulares de cada concello, que non deben ser obviadas, pero que compartimos problemas e necesidades. Temos que unirnos porque o problema é xeral.
"Se nos sumamos máis concellos conseguiremos que as campañas e iniciativas que xa están en marcha -Apego, Enreguéifate, Youtubeiras, Club de Debate...- cheguen a moita máis xente"
En que se vai centrar o traballo de Alingua nos vindeiros meses?
Como Alingua aínda acaba de nacer, temos que seguir dándonos a coñecer e expandirnos. Acaba de sumarse Betanzos e somos vinte concellos e unha deputación. Se temos en conta o número de concellos do país, a realidade é que temos que seguir medrando. Se nos sumamos máis concellos conseguiremos que as campañas e iniciativas que xa están en marcha -Apego, Enreguéifate, Youtubeiras, Club de Debate...- cheguen a moita máis xente. Tamén serve para facer presión, de cara a conseguir que todos os concellos teñan servizos de normalización lingüística.
"Unha das funcións de Alingua é dar información e asesoramento para que un concello saiba como formar un servizo de normalización e conte con estas ferramentas, que son fundamentais"
Alingua pode servir para que concellos que na actualidade carecen de servizo de normalización se doten destes recursos?
Si, este é un dos obxectivos de Alingua. Hai moitas casuísticas distintas entre as entidades locais: hai concellos que nunca tiveron servizo de normalización, outros que si o tiveron e deixaron de telo, outros que non tiñan e agora comezan a actividade... Unha das funcións de Alingua é dar información e asesoramento para que un concello saiba como formar un equipo e conte con estas ferramentas, que son fundamentais
"Os que somos neofalantes sabemos que non é unha cuestión dun día: é un tema moi emocional no que tes que traballar moito antes de dar ese paso"
Tedes en marcha a campaña "É túa, pásaa", na que unha das claves é chegar á mocidade...
Queremos estender o neoloxismo de alinguar, para que sexa común, frecuente e habitual que a xente recoñeza o alinguar como verbo que fai referencia a estender e espallar a lingua. Ese é o obxectivo, que a lingua se espalle. A realidade é innegable: hai moitísimas crianzas que non teñen o galego como lingua habitual e polo tanto as nosas campañas van dirixidas a ese obxectivo.
"[contar con referentes] tamén é importante para as mozas e mozos galegofalantes, que neste momento poden sentirse algo illados e illadas cando ven que son unha minoría no seu instituto"
Incidides tamén en vídeos nos que persoas famosas ou persoas novas coas que mozos e mozas se poden identificar relatan a súa relación coa lingua. É imprescindible contar con referentes, sobre todo para as persoas que non son galegofalantes pero queren dar o paso a selo, non si?
Si, estes testemuños son moi importantes para as persoas que non falan galego e que queren dar ese paso. Os que somos neofalantes sabemos que non é unha cuestión dun día: é un tema moi emocional no que tes que traballar moito antes de dar ese paso. Polo menos así o vivín eu. Pero creo que tamén é importante para as mozas e mozos galegofalantes, que neste momento poden sentirse algo illados e illadas cando ven que son unha minoría no seu instituto e son os estraños e estrañas que din Bacharelato en vez que Bachillerato ou estoxo en lugar de estuche. Son os exemplos que me poñen os meus fillos. É importante que vexan que non son os únicos frikis que falan galego. Todos necesitamos eses referentes e espellos.