Alingua puxo o foco dende o comezo na mocidade, especialmente a mocidade que aínda non fala galego ou que está en risco de deixar de facelo
"Os que somos neofalantes sabemos que non é unha cuestión dun día: é un tema moi emocional no que tes que traballar moito antes de dar ese paso", dicía nesta entrevista María López Álvarez 'Maló', concelleira de Teo que ocupaba neses momentos a presidencia de Alingua. A Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, que naceu co obxectivo de promover e dinamizar o uso do galego dende as administracións locais, cooperar entre elas e contribuír así á normalización da lingua, puxo o foco dende o comezo na mocidade, especialmente a mocidade que aínda non fala galego ou que está en risco de deixar de facelo.
Con ese obxectivo naceron iniciativas como Apego, Youtubeir@s, Enreguéifate ou o Club de Debate e por ese camiño seguen chegando outras. Este martes a entidade presentou en Teo as accións programáticas de É túa. Pásaa!, a campaña de difusión posta en marcha neste 2023 co obxectivo de promover e dinamizar en diferentes ámbitos o uso do galego.
Alingua lanza este curso o seu Catálogo de referentes acompañado dunha guía didáctica de descarga libre pensada para o alumnado do ensino secundario co obxectivo de fomentar o uso do galego na rapazada de entre 12 a 16 anos
No marco desta iniciativa, Alingua lanza este curso o seu Catálogo de referentes acompañado dunha guía didáctica de descarga libre pensada para o alumnado do ensino secundario co obxectivo de fomentar o uso do galego na rapazada de entre 12 a 16 anos.
O catálogo créase co fin de visbilizar os usos reais da lingua en ámbitos diversos e de prestixio e de achegar referentes que conecten coa mocidade. A iniciativa recolle figuras destacadas de diferentes ámbitos sociais e culturais que desenvolven en galego tanto o seu día a día coma a súa traxectoria profesional, un total de 40 persoas clasificadas por 12 grandes áreas: comunicación, deporte, artes escénicas e cinema, cómic e ilustración, artes plásticas, moda e artesanía, ciencia, música, literatura, gastronomía, activismo e novas tecnoloxías.
O catálogo créase co fin de visbilizar os usos reais da lingua en ámbitos diversos e de prestixio e de achegar referentes que conecten coa mocidade. A iniciativa recolle figuras destacadas de diferentes ámbitos sociais e culturais que desenvolven en galego tanto o seu día a día coma a súa traxectoria profesional, un total de 40 persoas clasificadas por 12 grandes áreas
Entre eles e elas aparecen intérpretes como María Vázquez, Xosé A. Touriñán, as integrantes da compañía teatral A Panadaría, ilustradores como Luís Davila, as voces de Tanxugueiras, Mondra, Grande Amore ou Fillas de Cassandra e as sinaturas literarias de Ledicia Costas, Antía Yáñez ou Ismael Ramos. Tamén a pintora Aroa Outón, a fotógrafa e deseñadora Zeltia Iglesias Rodríguez ou a muralista Nana.
Máis aló do sector cultural, o Catálogo de referentes tamén glosa personalidades da ciencia (Iria Veiga, Sonia Villapol ou Xacobe de Toro), do deporte (Sechu López e Rocío García Eiras), da gastronomía (Lucía Freitas e Javi Olleros), da comunicación (Rodri Míguez, Mario Brión, María Rúa ou Esther Estévez), nomes das novas tecnoloxías (Iago Gordillo, Javi Boquete ou Verónica Bolón) e do activismo (Meiga-I, a sindicalista Isabel Vilalba, María Reimóndez e Nee Barros).
Todas estas persoas explican a súa relación coa lingua (cando comezaron a falalo, como foi o seu proceso como neofalantes, no caso de que non falasen galego inicialmente, e como é a súa relación actual: se atopan dificultades, que é o que a lingua lles achega...). Nalgúns casos, estas reflexións aparecen recollidas en vídeos que se poden ver na web.
Cartografía sensorial
Cartografía sensorial e un espazo virtual que recolle paisaxes sonoras e visuais dos concellos que conforman a entidade e que ten como obxectivo amosar a riqueza das falas galegas e visibilizar e enxalzar a diversidade lingüística dos concellos que integran a asociación
Outra das iniciativas deste outono é a chamada Cartografía sensorial. Trátase dun espazo virtual que recolle paisaxes sonoras e visuais dos concellos que conforman a entidade e que ten como obxectivo amosar a riqueza das falas galegas e visibilizar e enxalzar a diversidade lingüística dos concellos que integran a asociación. Este reservorio dixital ofrece a posibilidade de personalizar postais para enviar en liña e tamén compartir fotografías que relacionan cada lugar cunha cor identificativa. Proponse con esta ferramenta un modo diferente de explorar diferentes contextos sociais e lingüísticos do noso territorio a través dos sons, das cores e da lingua.
Na presentación participaron Lucía Calvo de la Uz, alcaldesa do Concello de Teo, María Vazquez Rey, concelleira de Lingua do Concello de Teo, Blas García Piñeiro, alcalde de Ames e Goreti Sanmartín Rei, alcaldesa de Santiago de Compostela. Así mesmo, asistiron ao acto Mónica González, concelleira da Baña, Ramón Varela, concelleiro de Carballo, Olalla Figueira, concelleira de Rianxo e Manuel Cobas, concelleiro de Rois.