'O gran reto': a webserie que retrata o día a día da mocidade neofalante

Os protagonistas d'O Gran Reto' CC-BY-SA Alingua

 

Tres protagonistas e tres desafíos diferentes para un mesmo retrato: o da mocidade neofalante na Galicia de 2023. Ese é o resumo apurado para definir O gran reto. 24/7 en galego, webserie que se enmarca dentro da campaña E túa! Pásaa! que impulsa Alingua (Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega). Esta serie, ideada para espallar polas redes e contactar así coas novas xeracións, condensa a experiencia de tres persoas castelanfalantes de entre 18 e 26 anos que se comprometen a desenvolver integramente o seu día a día en galego ao longo de tres semanas, tempo preciso para adquirir un novo hábito. A estrea do primeiro capítulo dun dos protagonistas tivo lugar en Vinte

A serie condensa a experiencia de tres castelanfalantes de entre 18 e 26 anos que se comprometen a desenvolver integramente o seu día a día en galego durante tres semanas

Este trío de protagonistas amosa este achegamento á nosa fala ao longo de tres episodios diferentes, no que se enfrontan a nove desafíos cotiás que superan empregando o galego. Cada un destes capítulos lánzase os mércores nas redes e a través do Youtube de Alingua.  

Todos eles contan coa condución da creadora de contidos María Rúa, quen se encarga de enfiar as entregas de O gran reto. A serie convida a pasar o reto para que máis xente se anime a dar o cambio, compartir a experiencia nas redes sociais, etiquetando a Alingua e usando o cancelo #ogranreto.

O primeiro dos protagonistas é Darío Mares Carrasco e os seus episodios xa se poden ver en Youtube. Darío ten 19 anos, naceu na Coruña e aos tres anos mudouse a Ourense, onde viviu toda a súa infancia en castelán. Actualmente estuda Química en Santiago e só usa o galego para responder a quen lle fala nese idioma. 

A segunda protagonista é Martiña Pérez García, orixinaria de Noia. Vive na actualidade entre A Coruña e Oleiros. Traballa como xestora de proxectos internacionais nunha empresa de control de calidade. Ten 25 anos e, malia que se criou nun ambiente bilingüe, acabou por relegar o idioma propio para falar con xente maior ou en ámbitos formais. 

Por último, a serie porá o foco a partir do vindeiro 12 de xullo en Nelu Vilela. Ten 26 anos, a súa educación foi en castelán e na actualidade reduce o galego ao seu contexto artístico laboral, vencellado ao mundo da interpretación e mais da música. Xa pensou en varias ocasións en transicionar ao galego, mais sentiu que os erros eran xulgados con dureza sen marxe ningunha para a crítica construtiva. O primeiro capítulo do seu reto foi estreado en Vinte

Campaña "É túa. Pásaa"

A webserie O gran reto. 24/7 en galego é unha das liñas de acción da campaña “É túa. Pásaa”, posta en marcha en abril deste ano por parte de Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega. O obxectivo desta iniciativa é, fundamentalmente, promover e dinamizar o uso da lingua propia a través dunha serie de propostas que se están a levar a cabo ao longo deste 2023. 

A esta webserie protagonizada por Nelu Vilela Piñeiro, Darío Mares Carrasco e Martiña Pérez García cómprelle sumar o uso de lonas co lema da campaña colgadas nos edificios municipais dos concellos implicados e o lanzamento dun tema musical creado por Fátima Pego, recoñecida cantante e comunicadora, e Grande Amore, destacado artista do panorama musical actual. A canción, que colle o seu título do nome da campaña, pódese escoitar nesta ligazón

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.