"Dignificar a lingua" e "visibilizar a todas esas persoas que están creando en galego" son os principais obxectivos dos premios Youtubeiras, que chegan á sexta edición volvendo admitir a todas aquelas persoas que teñan compartido vídeos no Youtube en galego e crean un premio para quen está presente tamén noutras plataformas
A sexta edición de Youtubeiras volve abrir os premios a todas aquelas persoas que teñan compartido algún contido en galego no Youtube. Despois de apostar polas canles cun mínimo de cinco vídeos, promovendo e visbilizando a aquelas persoas máis consolidadas na rede, volven buscar novas incorporacións e queren animar a xente que está a comezar a que participe nun certame que pretende tecer rede entre as creadoras galegas na internet.
O prazo para inscribirse está aberto ata o vindeiro 15 de novembro (poden presentarse contidos publicados a partir do 21 de outubro de 2021) e este ano, á parte da gala de entrega que se celebrará o 28 de xaneiro de 2023, a coordinadora do proxecto, Carme Pereiro, desvela que haberá unha festa posterior para intercambiar ideas, coñecerse e continuar facendo comunidade: ”Para sentirnos parte da nosa rede, porque Para rede, a nosa!, como di o lema deste ano”.
Youtubeiras é unha iniciativa colectiva organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, A Baña, Carballo, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña. Carballo e Rois son novas incorporacións este ano (aínda que Carballo xa formara parte ao comezo da andaina). Desde a organización dos premios animan a máis concellos a participar, o requisito é que dispoñan dun servizo de normalización lingüística. ”E os concellos que non o teñan, que pensen que o poden incorporar e anotarse”, apunta a coordinadora do proxecto.
"Na unión está a forza. Para que imos realizar un proxecto de maneira individual nun concello cando se pode facer en toda a comunidade?", di Carme Pereiro
Un lote de entidades locais uniuse este ano na asociación Alingua, para seguir impulsando accións colaborativas como Youtubeiras, xa asentada entre a poboación máis nova que comparte contidos na nosa lingua na rede. ”Tamén organizamos o Enreguéifate, o Apego e o Club de debate. Temos claro que na unión está a forza. Para que imos realizar un proxecto de maneira individual nun concello pequeno ou grande cando se pode facer en toda a comunidade? Ademais, así, abarátanse custos, non se dublican traballos e chega a moita máis xente. É todo positivo”, defende Carme Pereiro.
"Na xente nova está o futuro da lingua”, asevera Carme Pereiro, que incide en que con Youtubeiras buscan ”dignificar a lingua” e ”visibilizar a todas esas persoas que están creando en galego”. "Supoño que, na situación lingüística na que estamos, ten mérito. O galego ten moita máis utilidade da que a xente pensa, que as familias hoxe en día non lle dean a oportunidade ás crianzas de aprender a lingua... Non se dan conta de que é unha eiva para eles porque despois a van aprender, pero seríalles moito máis fácil desde a casa. Agora vemos que hai neofalantes que apostan polo galego a pesar de que non tiveron un referente na casa e de que as escolas están moi castelanizadas”, engade.
Tanto é así que unha das persoas que forma parte do xurado é neofalante, ela é Alba Rodríguez, administrativa que deu a coñecer o cambio de lingua a través do Twitter no ano 2018. Como novidade, no xurado tamén estará o gañador do premio ao youtubeira/o do ano na edición anterior, Olaxonmario. Neste equipo que decidirá quen gaña en sete das oito categorías do certame tamén estará Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense [que xa non participa da inciativa] e coordinadora de Youtubeiras nas primeiras catro edicións; Carmen Nieto, dinamizadora e formadora no eido das novas tecnoloxías; e Elvira Nercellas, estudante e integrante do Grupo por unha Medicina galega en galego.
Novos premios: a categoría rede para quen comparte contidos tamén no Instagram ou TikTok e a youtubeira/o revelación para quen teña destacado nos últimos meses
Hai sete premios de mil euros para os premios á canle, youtubeira/o, youtubeira/o revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro e rede. O premio do público está dotado con 500 euros. A persoa que crea contido no Youtube xa non o comparte só neste espazo, tamén está presente no Instagram ou TikTok, por iso, este ano Youtubeiras crea unha nova categoría de premio: rede. ”O xurado vai valorar as persoas que crean contido en diferentes redes sociais e están a formar unha comunidade”, indica Carme Pereiro. A outra novidade no apartado dos premios é a creación da categoría youtubeira/o revelación, que se distingue do premio pioneiro porque o primeiro é para a propia persoa polo feito de ter destacado e o segundo é para quen ten tratado en galego temas que non sexan tan habituais na rede.
Youtubeiras pasou de 202 vídeos participantes no ano 2017 a 536 no ano 2020
A coordinadora do proxecto celebra a consolidación dos premios, que desde a primeira edición ata a cuarta, sen contar os datos da do ano pasado porque os requisitos foron diferentes, leva a que pasasen de 202 vídeos participantes no ano 2017 a 536 no ano 2020, durante a pandemia. ”Das 44 canles que se presentaron o ano pasado seguían as bases 38. Son todas canles consolidadas e entre todas comprenden máis de 2.613 vídeos, máis 40.000 subscricións e máis de 2.743.000 visualizacións. Isto dá un pouco a idea da presenza que ten o galego nas redes, moita máis da que pensamos”, debulla Carme Pereiro.
Nesta sexta edición tamén volve a formación presencial nos colexios e máis oportunidades de compartir inquedanzas en persoa, como a xornada de creación colectiva Megacolab que terá lugar o 22 de outubro no espazo Apego de Santiago de Compostela dinamizada por Gingko, formado por María Lobo e Roi Guitián. As prazas son limitadas, polo que é preciso inscribirse ata o día 19 para participar neste encontro.