No ano 2017 botou a andar o concurso de vídeos na rede Youtubeiras. Dende o inicio o obxectivo do certame era "promover e darlle visibilidade ao uso do galego" a través da rede social de vídeos máis importante do mundo. E así o fixo ao longo de cinco edicións nas que a iniciativa foi quen de ampliar a comunidade creadora en galego na rede, un obxectivo que repite na súa sexta edición, que foi presentada este mércores.
“Nos últimos cinco anos, o Proxecto Youtubeiras impulsou unha comunidade creadora na Rede en galego que non deixou de medrar ao abeiro dunha iniciativa que é xa unha realidade consolidada", destaca Socorro García Conde
“Nos últimos cinco anos, o Proxecto Youtubeiras impulsou unha comunidade creadora na Rede en galego que non deixou de medrar ao abeiro dunha iniciativa que é xa unha realidade consolidada grazas ao compromiso de todas as institucións participantes, que amosan unha implicación inequívoca co idioma, coas novas linguaxes dixitais e cos novos camiños que se abren para a nosa lingua”, sinalou neste senso Socorro García Conde, representante do proxecto, nunha rolda de prensa celebrada en Compostela na que tamén participaron María López, Concelleira de Lingua e Mocidade do Concello de Teo e de Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela.
A iniciativa está organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, os das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e o da Deputación da Coruña
Un ano máis a iniciativa está organizada por servizos de normalización lingüística de diferentes administracións; en concreto os dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, os das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e o da Deputación da Coruña.
Youtubeiras busca fomentar a creación no Youtube en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos. A este respecto García Conde explicou que “en cada edición o noso propósito é visibilizar e achegarlle ao proxecto as novas caras que están presentes nas redes". "Desta volta, procuramos sumar persoas de todas as idades que poidan facer vídeos con habelencias concretas en ámbitos de todo tipo, que compartan vídeotitoriais para resolver problemas do día a día”, engadiu.
O lema desta sexta edición é "Para rede, a nosa", que simboliza "o orgullo de termos unha rede de creadoras e creadores que xeran contidos en Youtube e noutras plataformas"
O lema desta sexta edición é "Para rede, a nosa", que simboliza "a seguridade e máis o orgullo de termos unha rede de creadoras e creadores que xeran contidos en Youtube e noutras plataformas como Twitter, Facebook, Instagram, TikTok ou Twitch". "Está a medrar a presenza da nosa lingua nos novos formatos, conectando con novas xeracións e chegando a outros espazos imprescindibles para o futuro”, subliñou María López, que incidiu na importancia desta iniciativa para a normalización da lingua e de “divulgación da nosa cultura”.
As novidades da sexta edición
Crearase un catálogo de youtubeiras e youtubeiros. Búscase propiciar unha comunidade máis consolidada e ofrecerlle ao público un lugar de referencia na procura de contigo dixital en galego
Haberá novidades: a primeira é que se permitirán a participación de canles cun único vídeo publicado, a diferenza da edición do ano pasado que limitaba a concorrencia a quen tivese como mínimo cinco vídeos. Os vídeos han estar publicados a partir do 22 de outubro do 2021. Os Premios reestruturan, ademais, as súas categorías. Contarase cun total de oito apartados: youtubeira/o, canle, vídeo, youtubeira/o revelación, premio á calidade lingüística, pioneiro, rede e premio do público. As persoas gañadoras dos sete primeiros recibirán 1.000 euros, mentres que no último caso a dotación económica ascenderá aos 500 euros. Así, os Premios Youtubeiras repartirán un total de 7.500 euros. O prazo de inscrición para competir no concurso abrirá o 27 de setembro e finalizará o 25 de novembro.
Outra das novidades é a creación dun catálogo de youtubeiras e youtubeiros, organizados e organizadas por temáticas e categorías. Será un grande escaparate dixital que terá como obxectivos favorecer a visibilidade do proxecto a través da web e das redes sociais do proxecto, propiciar unha comunidade máis consolidada e ofrecerlle ao público un lugar de referencia na procura de contigo dixital en galego.
Actividades de formación e convivencia
Co obxectivo de afianzar o alargamento do espazo en galego en Internet, Youtubeiras recupera a presencialidade no encontro creativo e nas xornadas realizadas en centros educativos
Este ano, coa fin de afianzar o alargamento do espazo en galego en Internet, Youtubeiras recupera a presencialidade no encontro creativo e nas xornadas realizadas en centros educativos. Haberá actividades de convivencia, intercambio e formación, comezando polo o encontro creativo: a Megacolab, dinamizado por Gingko, unha xornada de creación colectiva entre youtubeiros/as que se celebrará o sábado 18 de xuño en horario de 11 a 14 h e de 16 a 19 h no Espazo Apego de Compostela.
A seguinte das actividades terá lugar o 21 de setembro ao vivo na canle de Youtube do proxecto. Será unha conversa en liña titulada Unicornios e linguas non hexemónicas na Rede, coa participación das canles Canal Malaia (Cataluña), PlayPresta (Asturias), Iruñe @ARKKUSO (País Vasco) e Youtube en galego. Xa en decembro, celebrarase un obradoiro formativo impartido pola asesora fiscal Paloma López Retorta, de Cifras Asesoría. Neste obradoiro, analizaranse claves de facturación, declaracións fiscais, o traballo por conta propia e as fórmulas de declaración dos ingresos acadados en Youtube.