Olaxonmario acadou dous dos cinco premios aos que aspiraba: Youtubeira/o e Vídeo: "É quen de conectar con moita xente dentro e fóra das nosas fronteiras”
Os V Premios Youtubeiras xa teñen gañadoras e gañadores. A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu na noite deste pasado venres a súa gala de entrega que estivo conducida polo grupo Tanxugueiras.
O gran triunfador da noite foi Olaxonmario, quen acadou dous dos cinco galardóns aos que aspiraba: Youtubeira/o e Vídeo. O xurado destacou deste creador, a quen cualificou de “referente nas redes sociais”, a súa capacidade de “conectar con moita xente dentro e fóra das nosas fronteiras”. Do seu vídeo galardoado, Por que é que non entendo o Portugués? Co @Portuguese With Leo, sinalouse que é“dos vídeos en galego non musicais que está a ter maior repercusión dende o seu lanzamento en Youtube”.
O Son das Ideas gañou na categoría de Canle: "Triunfa por todos os recursos que emprega, pola súa facilidade de explicar te a súa creatividade"
Na categoría de Canle, a gañadora foi O Son das Ideas. “O seu contido triunfa por todos os recursos que emprega nos vídeos, pola súa facilidade de explicar temas complexos e a súa creatividade plasmada a través das animacións”, apuntou o xurado. Estas tres categorías contan cunha dotación económica de 1.000 euros.
Pola súa banda, o premio á Calidade Lingüística recoñeceu neste 2021 a Neeumatiko, de quen o xurado destacou o seu “dominio formal tanto na dimensión gramatical coma léxica e fonética”. Pola súa banda, Toxío recolleu o galardón no apartado de Calidade Técnica polo seu coidado uso dos recursos audiovisuais e Pablo Rodríguez Vila levou o Premio Impacto, xa que a súa canle conta cunha media de 2.000 reproducións por vídeo.
O Premio Comunicación recaeu en AstroXabi, por coneguir en moi pouco tempo facerse un oco e xerar unha comunidade arredor dunha temática especializada. A canle Cousas RarismASMR converteuse na gañadora do Premio Creatividade, mentres que a gañadora do galardón musical foi para Cousxs.
Recuncho Gamer acadou o Premio Pioneiro e Xacobo de Toro o Premio Didáctico
“Un referente indiscutible na divulgación didáctica de contidos”. Así definiu o xurado a Xacobo de Toro, quen se alzou co Premio Didáctico, mentres que Recuncho Gamer acadou o Premio Pioneiro. Por último, a canle Orgullo Galego conquistou o Premio do Público con Conversas con Anselmo López Carreira: O reino medieval de Galicia. Estas nove categorías contan cunha dotación económica de 500 euros.
Os galardóns, organizados polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña, procuran dende 2017 a promoción e visibilización das persoas creadoras na nosa lingua na Rede.
Os membros do xurado, conformado por Noemí García Rodríguez, Fernando Ramallo, Adrián Lede, Sonia Méndez, Esther Estévez e Conchi Cochón Rodríguez, en calidade de secretaria, valoraron positivamente “tanto a cantidade como a calidade das canles presentadas” e tamén salientaron “a existencia dunha comunidade asentada de referencia para Youtube en lingua galega”.
Carme Pereiro, coordinadora dos Premios Youtubeiras, destacou na súa intervención en nome da organización que este ano se procurou a consolidación da “figura de youtubeira”. “Non se permitiu que se presentasen vídeos illados coa intención de fomentar a creación e o mantemento de canles en galego, queriamos así valorar aínda máis a figura youtubeira que xurdiu arredor desta iniciativa”, sinalou Pereiro tras agradecer a todas as institucións implicadas o seu esforzo nestes galardóns, que repartiron 7.500 euros entre as persoas gañadoras. Pereiro, ademais, destacou a “calidade dos vídeos” e para concluír, animou “a continuar proxectando o galego como lingua viva e con capacidades magnéticas”, facendo así referencia ao lema que acompañou a esta quinta edición dos Premios Youtubeiras: Magnetismo en liña.