'21 días co galego' fai doce anos e inclúe este ano regueifas, contacontos e música

Unha actividade de '21 días do galego e +', nunha imaxe de arquivo © 21 días do galego e +

Foi en 2013, hai máis dunha década, botou a andar 21 días co galego, unha iniciativa lanzada no IES da Pobra do Caramiñal polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro e o impulso, sobre todo, da mestra Pilar Ponte. Consistía, fundamentalmente, en que durante tres semanas o alumnado falase en galego en todas as clases, fóra da aula, nas súas casas e tamén pola rúa e en todas as súas actividades do seu día a día. Doce anos despois o proxecto segue en marcha, absolutamente consolidado e ampliado á participación de varios centros de ensino de todo o país coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Este venres botou a andar a súa décimo terceira edición desta iniciativa, a sétima dende que Secretaría Xeral de Lingua da Xunta se fixo cargo da súa organización, de novo coa denominación de 21 días co galego e máis. Este ano participan unha ducia de centros de Infantil e Primaria. 

Presentación da 13ª edición de '21 días co galego' no colexio Francisco Vales Villamarín de Betanzos CC-BY-SA Xunta

Neste curso 2024/25 o programa desenvolverase nos colexios Francisco Vales Villamarín (Betanzos), Emilio González López (Cambre) e o Plurilingüe La Grande Obra de Atocha (A Coruña), na provincia da Coruña; no Albeiros e no Illa Verde en Lugo; no Julio Gurriarán (O Barco de Valdeorras) e o Manuel Respino (A Rúa), na provincia de Ourense, e no Plurilingüe do Carballal (Marín), Plurilingüe de Sequelo (Marín) e no Manuel Cordo Boullosa (Ponte Caldelas), da provincia de Pontevedra.

A 13ª edición de '21 días co galego' chegará a dez centros de Infantil e Primaria e a 4.000 persoas entre alumnado, profesorado e persoal de servizos

O programa de dinamización ofrecerá obradoiros de regueifas, contacontos e actuacións musicais nos centros que participan. Así o avanzaron este venres no acto de apertura desta iniciativa o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús M. Álvarez Bértolo, que destacaron “a importancia de impulsar propostas de lecer que animen á cativada a empregar o galego en diversas actividades dentro e fóra da escola”.

Nesta nova edición participan unha decena de centros que, sumando alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos, inclúen un total de case 4.000 persoas (3.990). O programa de dinamización, no que tamén colabora a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, desenvolverase desde o 31 de xaneiro ata o 21 de febreiro, coincidindo o seu último día coa celebración do Día da Lingua Materna. 

Co lema 'Medrando en galego', o alumnado participante procurará usar o galego na aula pero tamén en todas as súas actividades diarias

No acto de apertura, que acolleu o colexio Francisco Vales Villamarín de Betanzos, tamén participaou Luciano Rodríguez, en representación da Real Academia Galega, así como representantes institucionais e o profesorado e alumnado do centro. Ademais, os restantes nove centros adscritos ás actividades realizaron cadanseu acto de apertura ao longo do día de hoxe. 

Baixo o lema Medrando en galego, elixido por segundo ano consecutivo, o alumnado dos colexios que toman parte no programa intensificarán a súa expresión en galego durante os 21 días que duran as actividades. Para potenciar o uso da lingua e como novidade nesta edición, os centros educativos contarán co obradoiro de regueifa impartido por Lupe Blanco, un contacontos a cargo de Celso Sanmartín e o espectáculo musical A voar de César Freirías Prado e a Cé Orquestra Pantasma. 

Presentación da 13ª edición de '21 días co galego' no colexio Francisco Vales Villamarín de Betanzos CC-BY-SA Xunta

De todas estas propostas quedará constancia nas redes sociais do programa e no blog 21diascogalegoemais, o soporte central da iniciativa, onde se mostrarán as creacións e onde tamén se publicará durante tres fins de semana contido lúdico para que as familias continúen o labor iniciado nos centros.

Ademais, 21 días co galego e + manterá a colaboración co programa Galicia por diante, da Radio Galega, onde terá unha sección diaria de luns a xoves. O ramo porao de novo o III Encontro 21 días co galego e +, que reunirá o 25 de febreiro ao alumnado e profesorado de todos os centros participantes no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela para compartir, nunha sesión lúdica, as súas experiencias. 

A iniciativa que puxo en marcha a profesora Pilar Ponte na Pobra chegou a recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística, en 2016 un recoñecemento da Real Academia Galega e no 2019 o Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua. Desde o ano 2019 foi asumido pola Secretaría Xeral da Lingua e a el adhírense os centros educativos de xeito voluntario. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.