O Himno do Antigo Reino de Galicia e o Cé qu’é lainô, canción tradicional e himno de Xenebra, soaron a semana pasada nas rúas da cidade suíza a ritmo de gaita. Foi no acto público de investidura do novo alcalde, o galego Alfonso Gómez (Corme, 1960). Nada máis simbólico e ilustrativo para este político dos Verdes, fillo de emigrantes, criado entre a Costa da Morte, Suíza e A Coruña ata que con 14 anos marchou definitivamente á urbe helvética. Un home que se define como suízo e galego e que volverá este agosto, como cada verán, a bañarse na praia do Osmo.
Neto dun mestre republicano represaliado, fillo da emigración dos 60 e membro dos Verdes, ocupará a alcaldía de Xenebra ata maio de 2024
Antes, encetará o labor na alcaldía, onde estará ata maio de 2024, logo de dirixir xa o Departamento de Finanzas, Medioambiente e Vivenda durante este mandato. Estará á fronte dunha das cidades máis ricas e importantes do mundo, sede da ONU, da Organización Internacional do Traballo, da Organización Mundial do Comercio ou do Comité Internacional da Cruz Vermella, organismo para o que Alfonso Gómez traballou durante anos por todo o mundo.
"Non me estrañaría que no futuro o himno de Xenebra se tocase só con gaitas galegas porque quedou perfecto", conta entre risas este neto dun mestre republicano represaliado durante o franquismo e un dos tantos fillos da vaga migratoria que levou milleiros de galegos a Suíza, onde aínda viven máis de 40.000 persoas nadas en Galicia ou con orixes nela. Un alcalde que reivindica as súas raíces, que completa o seu relato recitando versos de Rosalía ou Celso Emilio e que se emociona ao botar a vista atrás e lembrar a familia e a emigración.
Como leva estes días de tanta trafega?
Desde que asumín o mandato, síntome como se estivese dentro dunha lavadora porque non paro... Sobre todo atendendo entrevistas con medios de Galicia e de España (ri), pero agora tamén de medios suízos que están dando conta da repercusión que a miña chegada á alcaldía está tendo nos medios de comunicación galegos.
Gaitas, cancións tradicionais, emigrantes galegos no acto de investidura... Púidolle a emoción?
Foron momentos moi emotivos. As actuacións musicais tiñan tamén o seu simbolismo, como a da Red de Tamboreras, coa súa significación na loita feminista, ou a interpretación con gaitas do Cé qu’é lainô, o himno xenebrino. Houbo foliadas, soou o himno do Antigo Reino de Galicia, así como outras pezas que me tocan moito... Ademais, había moito público, moitas persoas galegas que se achegaron de maneira anónima e familiares que viñeron de Galicia, e iso emocionoume.
A súa chegada á alcaldía é unha forma tamén de reivindicar a importancia da emigración galega?
É unha dobre reivindicación. A primeira, da importancia de lembrar e reivindicar o lugar de onde somos, de onde vimos, porque iso é moi importante para manter os pés na terra pero tamén o foi aquí para axudar á integración dos galegos que emigraban. E a segunda reivindicación é, precisamente, a desas políticas de integración que foron e son tan importantes. Aquí en Xenebra temos políticos, periodistas, sindicalistas, empresarios e deputados galegos, xente totalmente integrada e moi importante na sociedade. Reivindicar estas políticas é clave, aínda máis nunha cidade onde o 50% da poboación non ten pasaporte suízo. Non se pode poñer en guetos as persoas que chegan, é moi necesaria integralas.
"A miña chegada á alcaldía é unha dobre reivindicación: da emigración e das políticas de integración"
Calquera que tivese familiares en Suíza sabe que, para moitos, os seus inicios aló non foron fáciles, mesmo pasando anos sen papeis e en situación clandestina...
Non todo foi bonito, claro, pero as políticas públicas neste país foron, en xeral, positivas. Con todo, hai que ter coidado porque sempre hai momentos nos que se pode pasar mal se hai exclusión. É certo que houbo xente que chegou aquí nos 60 e 70 que tivo que estar tempo sen papeis, vivindo de forma anónima, e iso era o que acababa favorecendo que se creasen guetos. Foi precisamente a partir do momento no que conseguiron papeis, no que os fillos foron á escola, cando se integraron de vez e aumentou a cohesión social. A mensaxe é clara: se se quere cohesión e paz social, sobre todo en países afeitos á inmigración, son imprescindibles as políticas de integración.
Como ve o auxe de partidos xenófobos e de extrema dereita en España e en toda Europa?
Como alcalde de Xenebra prefiro non referirme a ningún partido en concreto, pero o que si digo é que non se pode excluír unha parte da sociedade porque iso abre a porta a conflitos e problemas que adoitan resolverse con políticas represivas, algo que se ve moito en Francia. Alí o ascensor social non funciona de maneira correcta e provoca máis violencia en barrios que son máis ben guetos, que están abandonados polo poder público. E cando non hai servizos públicos, son as mafias as que ocupan este baleiro. Estas políticas son un fracaso e o que se necesita é o contrario. O que se fai en Suíza non é perfecto, pero as políticas de cohesión social e integración que se levan a cabo nas cidades son o camiño e, polo momento, non temos os problemas que teñen noutros sitios. Cando vexo eses partidos políticos, que chegan con esas ideas racistas e esas expresións, o único que podo dicir, modestamente, é que o que hai que facer para avanzar é o contrario do que propugnan.
"O que hai que facer para avanzar en integración e cohesión social é o contrario do que propugnan os partidos de extrema dereita"
É militante ecoloxistas, dos Verdes, que se pode facer desde unha cidade para combater o cambio climático?
Primeiro, temos que colaborar na redución da emisión de gases de efecto invernadoiro, temos que colaborar na adaptación e renovación dos nosos edificios para que sexan ecoloxicamente máis neutrais, aumentar o número de árbores e os espazos verdes nas cidades, diminuír a circulación motorizada e favorecer os transportes públicos e a chamada cidade dos 15 minutos, as zonas peonís e as bicicletas. Ademais, sabemos que a temperatura vai aumentar, fagamos o que fagamos. En Suíza xa temos dous graos máis de media do que deberíamos ter e iso pode non parecer nada, pero en Xenebra xa chegamos habitualmente aos 40 ou 41 graos, temperaturas que afectan sobre todo as persoas máis febles. Temos que preparar as nosas cidades, pero hai unha cousa tamén moi importante: a explicación e a concienciación da sociedade.
"Desde unha cidade hai tres cousas claves que podemos facer para loitar contra o cambio climático: diminuír a contaminación, adaptarnos e concienciar a sociedade"
Como se conciencia a sociedade?
Unha das cousas que impulsamos en Xenebra foi organizar en diferentes barrios os denominados banquetes urbanos, onde hai discursos, festas, comidas e onde debatemos sobre o cambio de paradigma que afrontamos, sobre a maneira de adaptarnos e combater o cambio climático. Neste ámbito tamén traballamos moito con asociacións e con pequenos empresarios, axudándoos e colaborando para impulsar todos novos modelos de consumo, de produción e fomentando a reutilización. En definitiva, cremos que hai tres aspectos claves nesta loita: diminuír a produción de gases contaminantes, adaptarse e difundir a mensaxe para que o conxunto da sociedade asuma un cambio imprescindible.
Cre que a xente nova está máis concienciada que o resto da sociedade da crise climática?
É difícil de dicir. É certo que a xente nova foi quen liderou as grandes manifestacións contra o cambio climático de hai anos e que aquí os Verdes sacamos un gran resultado nas últimos eleccións no país grazas a un electorado mozo e feminino. Creo que a xente máis nova está máis concienciada pero non toda, e eu tamén entendo que os costumes consumistas son difíciles de mudar. O que si teñen as novas xeracións é máis consciencia do problema que a nosa sociedade ten a curto prazo, xa non a medio ou a longo. Dicía Rosalía de Castro: "Que pasen as correntes apestadas; que pasen, que outras virán"... Non estamos niso, pero tamén hai xente que aínda está nesa posición.
Cre que a sociedade galega, en xeral, coñece ben Suíza e Xenebra ou segue a quedar nos tópicos dunha cidade rica, sede de grandes bancos...
Xenebra é a sexta cidade a nivel mundial desde o punto de vista financeiro, máis importante que Fráncfort, por exemplo. O noso orzamento, con 210.000 habitantes, é de 1.400 millóns e a alcaldesa da Coruña dicíame hai uns días que o da súa cidade, con 250.000 persoas, era de 400. Obviamente, todo é moito máis caro, desde a vivenda ata os seguros. Pero claro que temos problemas, os problemas dunha cidade rica, como por exemplo a enorme diferenza social entre unha minoría moi rica e unha parte da poboación que é relativamente pobre. Isto viuse durante a pandemia e chocoulle moito a moita xente porque se viron grandes ringleiras de xente acudindo a por comida que achegaban entidades sociais e o propio Concello. Por iso, tamén, a política social en Xenebra é tan importante. Como é lóxico, temos problemas de seguridade, aínda que menores, e algunhas veces coa integración. Claro que non todo é perfecto.
Como se explica un sistema rotatorio na alcaldía, con cinco rexedores en cinco anos?
É unha tradición liberal que vén do século XIX. Aquí non temos un sistema presidencialista nin centralista como en Francia, en parte porque Suíza foi unha confederación constituída xuntando diferentes minorías e isto sempre provocou a necesidade de pactos, de acordos e de respecto ás minorías políticas, sociais e culturais. Isto explica que mesmo o presidente da Confederación Helvética cambie tamén cada ano, como ocorre tamén nos gobernos cantonais e nos municipios. Temos a posibilidade de mudar a lei para cambiar o sistema, pero aquí decidiuse manter este sistema rotatorio porque facilita acordar prioridades e que non haxa unha personificación do poder.
"Lembro as bágoas do meu avó cando o golpe de Estado en Chile porque lle lembraba a 1936... Sempre me inculcou a universalidade das loitas"
Adoita falar da influencia que o seu avó, mestre republicano e represaliado, tivo na súa conciencia política.
Toda a familia influíu porque sempre debatían sobre política, pero é certo que todo foi promovido polo meu avó. Ademais, veño dunha localidade, Corme, que foi moi republicana, unha das primeiras onde se izou a bandeira tricolor. Meu avó falaba moito da guerra civil, da Segunda Guerra Mundial, dos tempos de esperanza que houbo durante a República... Agora vanse conmemorar os 50 anos do golpe de Estado en Chile contra Salvador Allende e eu sempre lembro ese momento porque estaba con el en Corme, escoitando as noticias, e foi algo que o afectou moito, tamén porque lle recordaba a outras épocas, a 1936. Lembro moito as súas bágoas daquel día e como me inculcaba a universalidade das loitas.
Por que marcharon seus pais a Suíza? Non todo eran motivos económicos, non si?
Meus pais sempre me explicaron que decidiran vir a Suíza non só por necesidade económica, senón tamén para saír desa longa noite de pedra, para poder respirar e ver e coñecer outras cousas. Pasaron por París antes de chegar a Xenebra, quedaron impresionados con Europa e logo co sistema que había en Suíza. Con todo, eles tamén me inculcaron sempre a necesidade de manter esas dúas raíces: "Somos galegos e somos suízos", dicíanme.
"A extrema dereita, polo baixo, atácame recordándome que non son de Suíza; fano porque represento, a moita honra para min, a emigración, porque son un inmigrante"
Como tantos emigrantes din, no seu caso segue a ser o suízo cando vén a Galicia e o galego estando en Suíza?
Depende, pero no meu caso ocorre iso en Suíza porque tamén o reivindico. O que si me estou dando de conta agora é de que, así polo baixo, a extrema dereita tamén me ataca recordándome que non son de aquí. Fano porque represento, con moita honra para min, a emigración. Son fillo de emigrantes, un inmigrante porque non nacín aquí. O certo é que quero a Suíza tanto ou máis ca eles, fixen o servizo militar, traballei para a Cruz Vermella, unha institución tan importante neste país... Pero sempre hai xente que che ataca con estas cousas, o cal é curioso cando en Xenebra debe haber entre un 3% e un 4% da poboación con avós nacidos en Suíza.
Pero atácano publicamente?
Non, publicamente non se atreven, fano polo baixo.