O pasado 7 de xuño tomou posesión o novo alcalde de Xenebra, en Suíza. É unha cidade de algo máis de 200.000 habitantes, unha das máis ricas do mundo e acolle sedes de importantísimas organizacións internacionais.
O que pasa en Suíza leva moitas décadas tendo ecos en Galicia, e neste caso aínda máis, porque o novo alcalde é galego. Alfonso Gómez, do partido dos Verdes, naceu en Corme en 1960 e ata os 14 anos andou entre a Costa da Morte, A Coruña e a propia Suíza. E de alí, como tantos outros, regresa cada verán a Galicia.
No Fálase escoitamos algo do que nos contou Alfonso Gómez, novo alcalde da cidade suíza de Xenebra, nado en Corme
A súa chegada á alcaldía espertou unha enorme expectación noso país. Esa expectación sorprendeuno tanto como o emocionou. Unha emoción que non foi menos cando escoitou o son das gaitas da Irmandade Galega de Súiza nos actos solemnes e festivos da súa toma de posesión.
Neste novo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, paramos un momento no medio do enorme balbordo político no que vivimos para escoitar algo do que nos contou Alfonso Gómez poucos días despois da súa toma de posesión como alcalde de Xenebra. Miguel Pardo, xornalista de Praza.gal sempre coa ollada posta no que sucede na emigración galega, tivo a oportunidade de falar con el nunha entrevista que xa se pode ler completa nestoutro espazo de Praza.gal.
Gómez cre que a súa chegada á alcaldía de Xenebra é unha dobre reivindicación: das súas raíces galegas e da importancia da integración da inmigración nos países de destino
Alfonso Gómez fálanos de política, por suposto, por tamén de emocións. Di que leva días sentíndose como se estivese "nunha lavadora", atendendo multitude de medios que o consultan sobre a repercusión en Galicia da súa chegada á alcaldía.
Alén desas emocións, el considera que a súa chegada a un cargo tan relevante ten un punto de dobre reivindicación. Como inmigrante en Suíza e fillo da emigración galega, Alfonso Gómez insiste na importancia de manter os pés na terra, de lembrar e reivindicar as raíces, non só polo afectivo, senón polo positivo que é para a integración, para a creación dunha rede social no país de acollida. Pero ao tempo insiste tamén na necesidade de políticas de integración que eviten a creación de guetos, de grupos pechados, de marxinación.
Do seu punto de vista, en Xenebra en particular e en Suíza en xeral lograron en boa medida esa integración e coida que boa proba disto é que persoas inmigrantes coma el accedan a cargos relevantes. Na alcaldía pero tamén en postos de responsabilidade no sector financeiro, na política ou en grandes empresas. Gómez transmite optimismo e unha visión positiva da cidade na que agora goberna e da integración nela da emigración, que alí é inmigración galega. Pero tamén admite que "non todo foi bonito", que houbo comezos difíciles e que un gran cambio foi a legalización deses inmigrantes galegos.
E falando de integración da inmigración, de experiencias positivas nese sentido, é inevitable falar tamén de todo o contrario, do auxe da extrema dereita e de partidos como Vox, abertamente xenófobos. Gómez é prudente no sentido de non falar de partidos concretos, pero é claro e contundente na súa posición. Tanto como para advertir de que o que habería que facer é, basicamente, o contrario do que propugnan eses partidos.
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.