Conexión.gal vai da China a Suíza para constatar as diferenzas que experimentan as galegas migrantes do século XXI

Aida Fernández e Ana G. Liste, no cuarto episodio de Conexión.gal CC-BY-NC-SA Conexión.gal
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-sxpl-92f1fd3.jpeg

Aida Pérez conéctase neste cuarto Conexión.gal desde o corazón de Suíza, concretamente desde a cidade de Lucerna. O que nun principio ían ser tres meses na China, pois antes de aterrar de volta en Europa pasou por Shanghai e Hong Kong, van para sete anos emigrada do seu Lestedo natal. 

Os efectos da crise económica de 2008 notáronse con forza no eido da publicidade e do deseño gráfico, ao que pertence Aida Pérez. Por iso apostou por probar sorte alí onde lle ofrecían as mellores condicións laborais. E, de momento, aínda segue na diáspora. 

A conversa vai desde esas pequenas cousas que marcan o día a día cando chegas a un sitio novo, dos grandes choques culturais no xigante asiático e sobre como é ser unha migrante galega en Suíza, un dos países ao que historicamente máis galegos marcharon para traballar.

Conexión.gal é un programa producido por Praza.gal e VINTE coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, presentado por Ana G. Liste, para dar voz á nova emigración galega e que sexan elas e eles quen conten que supón hoxe ser galega e migrante.

Todos os episodios de Conexión.gal en vídeo están dispoñibles neste espazo de Praza.gal e en YouTube. Tamén poderás atopar cada capítulo do podcast en Ivoox e mais en Podgalego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.