Unha pouco habitual rectificación tras unha protesta pública practicamente inédita. A pasada semana saía á luz que referentes das principais institucións científicas de Galicia, dende responsables de decanatos universitarios ata persoeiros recoñecidos internacionalmente como o xenetista Ángel Carracedo ou as farmacólogas María José Alonso e Mabel Loza optaran por bater na mesa da Xunta. O decreto co que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo prevía regular a contratación de persoal investigador público supuña "frear a capacidade de Galicia para avanzar, innovar e reverter" á sociedade os "beneficios" da propia investigación científica e por iso debía ser "paralizado". Así llo fixeron saber por carta ao presidente, que este xoves admitiu que o seu gabinete vén de optar por recuar.
Preguntado ao respecto tras a xuntanza semanal do Consello da Xunta Feijóo mantivo, como xa fixeran outros departamentos do Goberno, que o que "pretendíamos" con esta noram era "dar maior estabilidade, sen dúbida". "Pero é certo -constata- que hai un rexeitamento por parte dalgúns investigadores en relación a este asunto", polo que "mentres non haxa unha aproximación, non imos aprobar ese decreto", anunciou.
Feijóo: "Se o que buscamos é dar estabilidade e este decreto parece que vai producir o contrario, o lóxico é paralizalo"
"Se o que buscamos é darlle estabilidade" ao persoal investigador público e "parece" que o decreto "vai producir o contrario", o "lóxico por parte dun Goberno que escoita é paralizar a tramitación dese decreto e esperar o momento axeitado" e "unha proposta axeitada". A intención, asegura, será "que a comunidade de investigadores se dea conta de que este decreto está ao seu favor, non na súa contra". Así as cousas, conclúe, "o decreto neste momento ímolo paralizar" e "imos valorar as propostas e os plantexamentos". "Iso si -subliña-, dentro da lei", xa que a "estabilidade" do persoal dedicado á investigación científica "ten un límite, que é as capacidades legais dun Estado de dereito".
Referentes da ciencia en Galicia dirixíranse por carta ao presidente para advertir de que ía "excluír" a "posibilidade de que haxa investigadores estables en Galicia"
Fica así en suspenso un decreto cuxo rexeitamento unira as sinaturas dos devanditos referentes da investigación científica, así como de profesorado das tres universidades e de entidades académicas como o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago ou o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. Tras uns anos nos que o persoal investigador público se reduciu no país ata un 20% a nova normativa ía "excluír", a efectos prácticos, a "posibilidade de que haxa investigadores estables en Galicia", o que implicaba unha "discriminación negativa contra esta profesión", ademais de "dificultar a capacidade de atracción e retención de talento" e "obstaculizar a captación de recursos e persoal".
As voces directamente implicadas no mundo da ciencia uníanse así a unha reclamación que ata ese momento só xurdira no ámbito sindical e, nalgúns casos, tamén na oposición parlamentaria. Así, como informou este diario, a CIG advertira o pasado marzo de que o decreto ía dificultar a "continuidade de proxectos de investigación sanitaria que están en marcha", instaurando unha caste de "temporalidade indefinida" para boa parte do persoal mentres se "abusa da figura da figura do investigador distinguido" e se "impide que o persoal adquira estabilidade laboral e dereito á continuidade nos seus postos".