A investigación é unha das grandes materias pendentes en Galicia e no conxunto do Estado Español. Os datos de investimento en I+D+i están moi lonxe da media europea e mesmo de países da nosa contorna inmediata, como Portugal e esta fenda, lonxe de reducirse, nos últimos anos mesmo se incrementou sen que ata agora se puxesen en marcha políticas públicas decididas a mudar este rumbo, apostando de verdade pola investigación e polo persoal investigador.
Investigal convidou os partidos a manter xuntanzas individuais, facendo fincapé en que a investigación debe ser o eixo estratéxico da Galicia do futuro
Ás portas dunhas novas eleccións ao Parlamento galego os colectivos de investigadores poñen sobre a mesa as súas demandas antes as principais forzas políticas e subliñan a carencia de iniciativas nos últimos anos por parte do Goberno galego. Hai uns días Investigal convidou ás principais candidaturas ás eleccións do 12 de xullo a manter xuntanzas individuais, facendo fincapé en que a investigación debe ser o eixo estratéxico da Galicia do futuro e lembrando que na actualidade o investimento en I+D en Galicia non chega ao 1% do PIB (0,94% no ano 2018), lonxe da media española (1,24%, con territorios como Euskadi próximos ao 2%) e máis aínda da media europea (2,11%).
O colectivo fai fincapé, igualmente, nas dificultades que nestes momentos atopa o persoal investigador galego para ter estabilidade nos seus postos de traballos e nos proxectos nos que está a traballar, unha falta de inestabilidade que moitas veces directamente os "expulsa", obrigándoos a marchar a outros territorios para poder traballar e levar a cabo as súas investigacións. A entidade explicou á perfección esta "carreira de obstáculos" neste vídeo.
Neste senso, Investigal denuncia "a falta de financiamento concreto para a contratación de persoal técnico e xestor da investigación, sen o cal o sistema tampouco pode funcionar". Lembran, por exemplo, que no plan de Investigación, Desarrollo e Innovación Tecnolóxica de Galicia (2006- 2010), existían as convocatorias Lucas Labrada e Isabel Barreto para a formación, especialización e incorporación de tecnólogos e axentes de innovación e xestión de proxectos de I+D+i, figuras desaparecidas na actualidade.
O colectivo fai un chamamento aos distintos partidos políticos a traballar na procura dun Pacto Galego pola Investigación
Investigal destaca, igualmente, "as deficiencias que presenta o noso sistema en materia de igualdade", principalmente debidas á falta de apoio institucional e de lexislación en materia de xénero, unha situación que entre outras cousas "sitúa as investigadoras que son ou queren ser nais nunha situación de especial vulnerabilidade". Finalmente, o colectivo fai un chamamento aos distintos partidos políticos a traballar na procura dun Pacto Galego pola Investigación que asegure unha estabilidade nos programas e recursos cos que conta o sistema de investigación no país.
A Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) denuncia que "se está a maltratar e destruír o tecido investigador existente”, denunciando que "as políticas da Xunta na última década están a condenar a Galicia ao atraso económico"
De igual xeito, este domingo a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) denunciou que "en Galicia se está a maltratar e destruír o tecido investigador existente”, denunciando que "as políticas da Xunta na última década están a condenar a Galicia ao atraso económico". Así, o colectivo fala dunha "década perdida en investigación".
"A crise de 2007 podería ter sido unha oportunidade para mudar o modelo produtivo de Galicia, para investir en investigación, mais tornou nun maior atraso científico e investigador que repercutirá na calidade de vida da sociedade galega”, din, lembrando que dende entón o investimento en I+D en Galicia mesmo se reduciu, pasando do 1,04% de 2008 ao 0,86% en 2013. Nos últimos anos un tímido avance (ata o 0,94%) non conseguiu recuperar o nivel precedente, afastando a Galicia da media europea.
"Marchar fóra non é necesariamente malo a nivel individual, pero é persoal investigador que perde o país. O país estivo durante anos investindo na formación dunha persoa que finalmente acaba producindo riqueza fóra"
“O investimento en investigación xera riqueza e melloras sociais, en tanto que supón unha fonte inesgotable de avances tecnolóxicos, médicos ou enerxéticos, pero tamén un piar indispensable para convivirmos de maneira máis xusta, igualitaria, crítica e sostible. O desdén da Xunta na última década produciu todo o contrario a un modelo produtivo e de convivencia modernos”, apuntan desde o colectivo de investigadoras de Compostela, que pide “mudar o sistema cara un modelo baseado no coñecemento, e non só na construción, turismo ou hostalaría, e apostar tamén pola creación de empregos de calidade, capaces de xerar retorno de cartos de maneira máis duradeira e sostible”.
“A destrución do tecido investigador supuxo a emigración forzosa de mozas e mozos do noso país. Isto non só implica que estas persoas se vexan obrigadas a deixar os seus fogares, senón tamén a perda do investimento que como sociedade facemos pola formación da xente nova", engaden. "Marchar fóra non é necesariamente malo a nivel individual, pero é persoal investigador que perde o país. O país estivo durante anos investindo na formación dunha persoa que finalmente acaba producindo riqueza fóra", di María Ferreiro (AIC).
A AIC tamén denuncia que “desde o goberno galego non se avanzou nada por corrixir a fenda de xénero na investigación en Galicia"
A AIC tamén denuncia que “desde o goberno galego non se avanzou nada por corrixir a fenda de xénero na investigación en Galicia”. A porcentaxe de mulleres no colectivo investigador en Galicia diminuíu progresivamente na última década, sendo mulleres menos de 4 de cada 10 persoas investigadoras. As medidas e políticas eficaces en materia de igualdade, xénero e conciliación son inexistentes, ao contrario do que ditan as disposicións estatais e europeas”, critican.
Un exemplo desta realidade, tal e como denunciou Investigal, é a discriminación que sofren as investigadoras galegas nas convocatorias de I+D+i que dependen da Xunta, onde non se contemplan presupostos de interrupción por embarazo, FIV ou adopción, nin se adecúan as avaliacións científicas subseguintes a este tipo de situacións. “Este sistema de opresións dá lugar tamén a que conforme avanzamos na carreira investigadora a porcentaxe de mulleres sexa menor", denuncia María Ferreiro.