Seis conversas con galegas de éxito para derrubar estereotipos sobre as mulleres e a ciencia e tecnoloxía

Participantes na terceira edición do programa 'GIRL STEM: derrubando estereotipos' © AGASOL / AMTEGA

O programa difunde nos centros de ensino galegos seis conversas con outras tantas mulleres referentes, que achegan a súa experiencia ás máis novas, falando da súa traxectoria, clarificando dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos

A existencia de referentes femininos de éxito é decote sinalado como unha das claves para vencer a fenda de xénero que segue a existir no acceso das mozas a carreiras académicas e profesionais ligadas á ciencia á tecnoloxía. Se todos os científicos, premios Nóbel ou presidentes de grandes empresas tecnolóxicas que aparecen nos medio son homes, como pode unha moza dun instituto pensarse a si mesma ocupando un posto nese mundo?

Por ese motivo a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) levan tres anos impulsando o programa 'GIRL STEM: derrubando estereotipos', no que achegan aos institutos galegos distintos contidos e actividades que buscan incrementar as cativas porcentaxes (próximas ao 29%) de mulleres nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).

Este ano o programa transformouse nunha acción totalmente dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias impostas pola covid-19. Pero non por iso perdeu forza ou interese. 'GIRL STEM: derrubando estereotipos' está a difundir nos centros de ensino un total de seis conversas gravadas con outras tantas mulleres referentes, que achegan a súa experiencia ás máis novas, falando da súa traxectoria, clarificando dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos. 

Tamén se inclúe unha proposta didáctica que aposta por desenvolver estes contidos desde unha perspectiva transversal e multidisciplinar, e que pretende abrir debate nas aulas sobre a ausencia de referentes femininos

Tamén se inclúe unha proposta didáctica que aposta por desenvolver estes contidos desde unha perspectiva transversal e multidisciplinar, e que pretende abrir debate nas aulas sobre a ausencia de referentes femininos; as desigualdades de xénero á hora de acceder a determinados traballos, carreiras e proxectos; e a importancia de considerar as carreiras STEM como unha opción de futuro na que as mulleres teñen que aumentar a súa participación dunha forma progresiva.

Begoña Vila © AGASOL / AMTEGA

Begoña Vila recoñece que “hai que facer un esforzo extra para que a xente vexa un traballo equivalente ao que fai un home” e asegura que “hai un proceso de adaptación para aprender a traballar en ámbitos onde sabes que vas ser minoría”

O pasado 5 de novembro a entrevista coa enxeñeira galega Begoña Vila inaugurou o ciclo de conversas da terceira edición do programa. Na actualidade, Vila reside en Washington DC, e traballa como enxeñeira de sistemas no centro de voo espacial Goddard da NASA, onde é a encargada de controlar que o telescopio espacial James Webb -sucesor do "Hubble”- teña a máxima precisión na toma de imaxes tras o seu lanzamento, a bordo dun cohete Ariane 5, na primavera de 2019.

Na entrevista, realizada por Paloma Piot, enxeñeira informática do colectivo HELLO SISTERS –unha iniciativa vinculada á UDC para animar a mulleres novas a dar as súas propias charlas en eventos técnicos, resolver as súas dúbidas e apoialas- Begoña Vila recoñeceu que “hai que facer un esforzo extra para que a xente vexa un traballo equivalente ao que fai un home” e asegurou que “hai un proceso de adaptación para aprender a traballar en ámbitos onde sabes que vas ser minoría”. Con todo, a enxeñeira ve unha esperanzadora melloría na situación actual, na que as mulleres que traballan na NASA rondan un 25%, vinte puntos por riba da porcentaxe que ela atopou á súa chegada á axencia espacial estadounidense en 2012, cando eran tan só un 5% das persoas traballadoras. E destaca que “está demostrado que os equipos onde hai diversidade de xénero, raza, ideoloxía, ámbitos de estudo… son equipos con mellores resultados nos seus proxectos”.

“As nenas de hoxe tedes que ser referentes para as que veñan atrás”, destaca

Vila animou ás rapazas novas interesadas nos ámbitos STEM a que non dubiden da súa valía, afirmando que “vai haber momentos difíciles; a diferenza está en como reaccionas despois, hai que seguir sempre adiante, sen renunciar”. E conclúe: “as nenas de hoxe tedes que ser referentes para as que veñan atrás; para as vosas irmás pequenas, para as vosas fillas… É importante que fagades este traballo non só para vós mesmas senón tamén para as seguintes xeracións”.

As referentes que participan este ano no programa

  • Begoña Vila Costas é unha enxeñeira astrofísica natural de Vigo e está especializada no estudio de galaxias espirais. Estudou nas Universidades de Santiago de Compostela e Manchester, onde se doutorou, así como no Instituto de Astrofísica de Canarias. No 2016 recibiu o Premio “Logro Público Excepcional” da NASA e ao ano seguinte obtivo o Premio da Xunta de Galicia pola Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, “María Josefa Wonenburger Planells”. O seu percorrido profesional abrangue dende a Axencia Espacial Canadense ata a NASA.
  • Rebeca Atencia naceu en Ferrol, estudou veterinaria na Universidade Complutense de Madrid. Traballou no centro de reprodución Help Congo onde coñeceu a Jane Goodall e dende 2012 dirixe o seu centro de rehabilitación de chimpancés de Tchimpouga. O Concello de Ferrol concedeulle o Premio 8 de marzo no ano 2019 en recoñecemento pola súa traxectoria profesional.
  • Dhaunae de Vir naceu nos Ancares, pero actualmente reside entre Estocolmo, Madrid e Londres traballando como desenvolvedora de negocio de proxectos transmedia para unha empresa de videoxogos. O seu primeiro proxecto profesional na industria dos xogos de rol converteuse no segundo proxecto máis financiado en España en todas as industrias.
  • Rocío Martínez Núñez estudou Bioloxía na Universidade Complutense de Madrid, seguida dun doutoramento en Bioloxía Molecular e Inmunoloxía na Universidade de Southampton. Actualmente é profesora e investigadora no King’s College London na especialidade de regulación do ácido ribonucleico (ARN) en inflamación, enfermidades inflamatorias e, en especial, asma e infeccións respiratorias. Na crise da covid-19 conseguiu traer a España uns súper robots capaces de facer test PCR masivos. 
Participantes na terceira edición do programa 'GIRL STEM: derrubando estereotipos' © AGASOL / AMTEGA
  • Amparo Alonso Betanzos naceu en Vigo o 10 de octubre do 1961. É una enxeñeira química española einvestigadora en intelixencia artificial. Tamén é catedrática e coordinadora do grupo de investigación LIDIA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial) no departamento de Ciencias da Computación da Facultade de Informática da Universidade da Coruña. Foi a primeira española en recibir o premio internacional L´Oréal-UNESCO For Women in Science.
  • Susana Martínez-Conde é unha científica neuronal nada na Coruña o 1 de octubre de 1969. É catedrática de Oftalmoloxía, Neuroloxía, Fisioloxía e Farmacoloxía; e directora do Laboratorio de Neurociencia Integrada na Universidade do Estado de Nova York (SUNY). Doutorouse na USC e actualmente é profesora na Universidade Estatal de Nova York, no Centro Médico SUNY Downstate, onde dirixe o Laboratorio de Neurociencia Integrativa. Recibiu o EyeTrack Award polos seus estudos con pacientes de Parkinson, o Empire Innovator Award outorgado polo Estado de Nova York e o Premio 100 Españois.
  • Gisela Vaquero traballou na industria dos videoxogos durante máis de cinco anos. É licenciada en Comunicación Audiovisual, en Publicidade e Relacións Públicas e especializada en deseño e guión de videoxogos. É fundadora de Jellyworld Interactive, una compañía que busca mellorar a igualdade de xénero mediante os videoxogos; e Presidenta da Asociación Women in Games España (WIGES).
  • Luz Castro Pena, nada en Ferrol, estudou Enxeñería Informática na Universidade da Coruña. Fundou a Plataforma polo Galego na Informática. É socia fundadora da empresa galega Imaxin Software e profesora na Facultade de Comunicación Audiovisual da UDC dende 2008. Foi vicepresidenta da asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e, dende 2012, é representante na Rede de Mulleres en Informática (MUIN). Tamén fai parte do comité directivo do Cluster TIC de Galicia e é cofundadora da Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.