En marcha o permiso de paternidade dun mes coa tarefa da conciliación aínda pendente

Nenas e nenos dunha escola infantil CC-BY-NC-SA CIG

Dende este 1 de xaneiro o permiso de paternidade dura o duplo que ata agora. Os homes que se convertan en pais por nacemento ou adopción dunha nena ou neno poderán dispoñer dunha licenza remunerada de 28 días, no canto dos 15 vixente ata 2016. A ampliación a catro semanas preséntase como un tímido avance que leva esta licenza a durar unha cuarta parte do permiso de maternidade. E faino nun panorama no que a profunda crise demográfica galega convive con múltiplos obstáculos para a conciliación da vida persoal e familiar.

Movementos feministas, oposición parlamentaria e sindicatos veñen valorando esta ampliación como un avance, pero insuficiente, fundamentalmente por dúas razóns: o evidente desequilibrio en tempo co permiso maternal e, sobre todo, o feito de ser voluntario. Os homes poden poden solicitar o que o Ministerio de Emprego define como "descanso" se o desexan, mentres que as mulleres están, obviamente, condicionadas polo coidado pero tamén polas propias circunstancias biolóxicas do embarazo e o parto. Só a obrigatoriedade do permiso paternal, din estas entidades, comezaría a facilitar que a maternidade non sexa un obstáculo para o desenvolvemento profesional feminino ou unha desvantaxe comparativa á hora de acceder a un emprego. 

Entre xaneiro e setembro de 2016 concedéronse en Galicia 11.025 permisos de maternidade e os homes que solicitaron a baixa foron uns 2.000 menos

A agora prolongada prestación por paternidade mantense como ata agora no resto das súas características. É independente da concedida ás mulleres e compatible co treito compartido do permiso por maternidade, "sempre que sexa cedido pola nai", especifica o Ministerio. Entre xaneiro e setembro de 2016 concedéronse en Galicia 11.025 permisos retribuídos de maternidade e só se rexistraron 265 casos nos que parte desa prestación fose percibida tamén polo pai. Mentres, segundo as estatísticas de Emprego, as baixas por paternidade foron unhas 2.000 menos que as de maternidade nese período.

O desequilibrio entre mulleres e homes foi aínda maior se o indicador consultado son as excedencias por coidado familiar. Neses primeiros nove meses do ano que vén de rematar foron concedidas en Galicia un total de 771 para traballadoras e só 100 para traballadores.

A caixa finlandesa, a escocesa e a galega

A cuestión da conciliación é unha das abordadas no Programa de Apoio á Natalidade promocionado pola Xunta a través do agora denominado como Bono Concilia, un cheque de entre 45 e 250 euros mensuais, en función da renda familiar, para financiar prazas en escolas infantís privadas para familias que non puidesen acceder a escolas públicas. A última convocatoria, subliña o Goberno galego, permite tamén acceder a pais e nais que logren "dereito" a praza pública pero que, polo seu horario, "esta non lles resolva as súas demandas" de conciliación. 

A primeira ministra escocesa (3ª esquerda), entregando as primeiras 'Baby boxes' nun hospital este 1 de xaneiro Dominio Público Scottish Government

A Xunta presenta este bono como unha medida de fomento da natalidade complementaria con outras como o 'cheque bebé' da Tarxeta Benvida -100 euros ao mes durante o primeiro ano do bebé para adquirir produtos vinculados á crianza- ou o paquete de agasallos que Goberno e PP deron en equiparar á caixa finlandesa, a primeira das múltiplas axudas que o goberno do país nórdico concede ás familias ata que fillas e fillos chegan á maioría de idade. Este 1 de xaneiro outro goberno europeo, o de Escocia, comezou a ensaiar unha prestación que, como a finlandesa, supera notablemente á galega e que terá un custo estimado duns 6 millóns de libras ao ano.

O Goberno de Escocia vén de presentar a súa caixa de benvida para bebés, con ata 40 elementos que a fan moito máis semellante á finlandesa que a da Xunta

Nun contexto de crecemento poboacional -a oficina estatística escocesa rexistrou en abril do ano pasado o nivel máis alto da serie histórica, con 5,4 millóns de persoas- a natalidade no país mantense na contorna dos 60.000 nacementos anuais ata mediados dos anos 90 do século pasado, cando comezou unha caída ata arredor dos 50.000. Ata o estourido da actual crise económica a natalidade recuperárase en Escocia e actualmente atópase nunha área intermedia, cuns 55.000 nacementos anuais. É neste escenario no que a primeira ministra, Nicola Sturgeon, entregou as primeiras Baby Boxes, un "agasallo" que, "seguindo o exitoso modelo finés" é aínda un programa piloto.

Fronte á limitada caixa galega, que inclúe unha pequena manta, algúns produtos de hixiene e outros elementos variables en función dos acordos con diversas empresas, a Baby Box escocesa nace con "40 elementos esenciais para bebés e pais". Así, alén incluír un libriño de contos, a caixa escocesa inclúe varias pezas de roupa -como bodys, leggins e unha chaqueta de la-, unha toalla de baño, esponxa, un termómetro, luvas, cueiros, gasas de algodón orgánico, entre outros elementos. Ademais, como a finlandesa, pode ser empregada como primeiro berce, motivo polo cal inclúe tamén un colchón adaptado.

Nais e pais nunha biblioteca da Coruña durante unha actividade infantil © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.