"A maior parte do seu volume de negocio non se facturaba nin se contabilizaba nos libros oficiais, polo que tampouco era declarado á Facenda pública, o que daba lugar a importantes beneficios". Así resume a sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra o eixo fundamental do millonario negocio do grupo de empresas de Ángel Martínez, Lito, o alcumado como 'rei das orquestras' que vén de ser condenado a algo máis de doce anos de cárcere por seis delitos de fraude fiscal referidos a só dous anos da súa actividade empresarial, 2011 e 2012.
A sentenza, contra a que cabe recurso ante o Supremo, é contundente e dá por probadas as acusacións tanto da Fiscalía como da Avogacía do Estado. Lito comandaba a "oficina de representación máis importante de Galicia" e "representaba, en exclusiva, a máis de 70 orquestras" a través dunha rede de "representantes de zona que sobre pasaban os 50", explica a resolución xudicial. O conglomerado "alcanzaba un volume de negocio anual de, aproximadamente 25 millóns de euros", que moi maioritariamente circulaba por unha canle ilegal, segundo as maxistradas.
As maxistradas conclúen que 'Lito' "só facturaba oficialmente" unha décima parte do seu negocio, a que correspondía a concellos, deputacións e empresas que "esixían factura"
A orixe da saída á luz desta fraude está nunha inspección da Axencia Tributaria iniciada en 2013, tres anos despois da constitución da empresa matriz do "grupo" de Lito. A empresa, que "non se limitaba" a ser "un mero representante entre orquestra e cliente", senón a ofrecer o servizo completo dos espectáculos, "só facturaba oficialmente" nos anos investigados entre o 8% e o 10% do total do seu volume de negocio. Esta era a parte que correspondía ás contratacións con "concellos, deputacións", salas de festas ou a Televisión de Galicia, que lle "esixían factura".
"Cando a contratación se producía coas comisións de festas", o 90% da cifra de negocio segundo a investigación, o diñeiro ía á caixa B. "Representaciones Lito non expedía facturas ás orquestras pola súa comisión nin estas, ao estaren opacas, ao cliente final polo espectáculo executado". Ese groso do diñeiro ficaba fóra da contabilidade oficial pero "perfectamente documentada" na "non oficial", a dos "clientes B que non queren saber nada de facturas". Así o acreditan, di a sentenza, a abondosa documentación en soporte informático que "permitiu á inspección coñecer a realidade contable" do entramado empresarial de Lito, unha "dupla realidade" que a defensa non foi quen de "desvirtuar" durante o proceso.
En dous anos, segundo a segundo a sentenza, o grupo empresarial declarou unha facturación de apenas 4 millóns de euros cando a "cifra de negocio comprobada" superaba os 50 millóns
Este "mecanismo defraudatorio", sempre segundo a sentenza da Audiencia pontevedresa, permitiu a Lito evitar o pagamento de tres impostos: o de sociedades, o IVE e o IRPF. As diferenzas entre o declarado por IVE e o realmente ingresado permiten obter unha radiografía do acontecido: a facturación "oficial" reflectía 2,2 millóns de euros en 2011 e 1,9 en 2012 mentres a "cifra de negocio comprobada" foi de 26,09 millóns no primeiro ano e de 23,9 no segundo, polo que esquivou o pago duns 8 millóns. No imposto de sociedades o grupo de Lito declarou pouco máis de 47.000 euros de beneficios en 2011 e 24.000 en 2012, pero as cifras reais eran 998.000 e 969.000, polo que as "cotas tributarias defraudadas" superaron os 287.000 e os 284.000 euros nos dous anos investigados. No imposto sobre a renda a sentenza cifra a fraude en máis de 300.000 euros ao ano.
A sentenza, recorrible ante o Supremo, condena a 'Lito' a 12 anos de prisión e 18 millóns de multa, sanciona a empresa con 20 millóns e impón a ambos unha indemnización doutros 9,6 millóns
Con este pano de fondo a sala impón a Lito un ano e seis meses de cadea por cada fraude no Imposto de Sociedades, outro tanto por cada ano no que defradou o IRPF e tres anos por ano de fraude do IVE. En total, doce anos e catro meses aos que se suman elevadas multas económicas: 573.000 e 672.000 euros pola fraude en Sociedades e IRPF -as sumas defraudadas- e máis de 16 millóns de euros polo non pagado en concepto de IVE -tres veces a fraude-. No caso de non pagar estes 18 millóns, incrementaríanse as penas de prisión. Adicionalmente, Representaciones Lito é condenada como persoa xurídica a multas que superan os 20 millóns de euros. Lito como persoa física e a súa empresa, como tal, teñen ademais que indemnizar "solidariamente" á Axencia Tributaria con 9,6 millóns de euros.
O empresario das orquestras, que defendeu durante o proceso que o seu papel era só de intermediario, ultima o recurso no Supremo mentres agarda por outra millonaria causa pendente, tamén correspondente aos anos nos que algúns concellos galegos alzaran a voz contra as súas prácticas empresariais de "chantaxe" na representación de orquestras como a Panorama, a cal se desviculou do grupo de Lito no ano 2014, segundo asegurou nun comunicado feito público en 2017 ao fío das noticias sobre o proceso por fraude fiscal contra Representaciones Lito e o seu fundador.