Tanxugueiras, reivindicacións sanitarias e chuvia nun San Xoán no que se prega respectar as praias

Fogueira de San Xoán CC-BY-SA Alberto García

A predición de Meteogalicia prevé un día con temperaturas frescas, ceos nubrados e precipitacións máis intensas pola tarde no leste de Galicia. Xa contra a noite, estas chuvias afectarán máis ao litoral occidental

Chega a noite de San Xoán, unha das grandes festas do ano, que volve celebrarse sen restricións sanitarias despois de dúas edicións marcadas pola pandemia de Covid, co engadido de que este venres é festivo en toda Galicia (algo que non sucedía dende o ano 2013), debido á coincidencia en domingo tanto do 1º de Maio coma do día de Nadal

Regresan as cacharelas, as herbas e as sardiñas nunha xornada na que pode que a chuvia sexa en parte protagonista. A predición de Meteogalicia para a tarde e a noite deste xoves prevé un día con temperaturas frescas (máximas entre 19 e 23 graos e mínimas entre 13 e 16), ceos nubrados e precipitacións máis intensas pola tarde no leste de Galicia. Xa contra a noite, estas chuvias afectarán máis ao litoral occidental.

Predición meteorolóxica para a tarde e a noite deste xoves, no que se celebra o San Xóan © Meteogalicia

Na Coruña haberá actividades para toda a familia durante o día e, pola noite, concertos na esplanada de Riazor

A posibilidade de chuvias non suporá un freo para a festa, que se celebrará en moitas praias, prazas e casas do país, con especial intensidade na cidade da Coruña, onde xa dende hai dous días moitos grupos facían os seus preparativos nos areais de Riazor e Orzán. A medianoite queimarase en Riazor unha falla protagonizada este ano polas efixies da alcaldesa Inés Rey xunto coa actriz María Casares (celebrando o centenario do seu nacemento) e a escritora Emilia Pardo Bazán (da que neste ano se conmemorou o centenario do seu pasamento). O acto comezará cunha sesión de fogos de artificio e contará coa participación da rexedora e de representantes do Hockey Club Liceo, vén de proclamarse campión da OK Liga por oitava vez na súa historia.

A medianoite queimarase unha falla protagonizada este ano polas efixies de Inés Rey, María Casares e Emilia Pardo Bazán

As actividades na cidade herculina comezarán xa de mañá no Campo da Leña, con xogos populares, obradoiros de herbas de San Xoán e unha actuación teatral de Pakolas, titulada “Ramona Órbita, a dona do tempo”. A programación da tarde comezará coa apertura do acceso ás praias para prender as fogueiras, a partir das 19 horas. Ás 22.30 horas será a quenda da música, co concerto na explanada de Riazor do grupo coruñés Os Mecánicos, que a partir das 0.30 horas dará paso á actuación de Miss Cafeína.

Cacharelas de San Xoán na Coruña © juantxu.info

Na praza de Mazarelos de Compostela terá lugar unha nova edición do Festival de San Xoán a partir das 17 horas e con actividades para todos os públicos

Pero non só na Coruña se celebra o San Xoán. En Compostela, por exemplo, as fogueiras veciñais distribúense por distintos barrios da cidade, uns encontros complementados co "Tren Cacharelo", que percorrerá de 17 a 22 horas os distintos lugares onde se celebran algunhas das cachaleras con máis tradición da urbe. 

Ademais, na praza de Mazarelos terá lugar unha nova edición do Festival de San Xoán a partir das 17 horas e con actividades para todos os públicos. Haberá un Obradoiro de Pandeireta e Percusión Tradicional, de Danzas Tradicionais, un Taller de Canto, Aturuxos, Percusión e Chascarraschás, outro de Baile Galego e Obradoiros de Ramiños de Herbas de San Xoán. As actividades compleméntanse cos concertos de Xurxo Fernandes e CRNDS + Fransy.

"Unha correcta política de residuos debe estar primeiramente encamiñada a reducir o volume de lixo producido, e despois, a procurar unha axeitada xestión", destacan dende ADEGA

Nesta xornada de celebración son varios os colectivos que demandan á poboación civismo e respecto ao medio natural, especialmente cando se organicen lumieiras nas praias, ante o risco de que os festexos danen a contorna. Dende as administracións locais faise fincapé nos últimos anos en promover fórmulas e iniciativas que limiten a cantidade de residuos que queda ciscada sen recoller. "Unha correcta política de residuos debe estar primeiramente encamiñada a reducir o volume de lixo producido, e despois, a procurar unha axeitada xestión" , sinalan dende ADEGA neste mesmo senso.

Festival de San Xoán, en Compostela © Concello de Santiago

Este ano haberá baixamar pola tarde do xoves (ás 19.19 horas) e a preamar chegará pouco despois da medianoite (á 1.38 horas do venres)

Entre os consellos que habitualmente realizan organizacións ecoloxistas como ADEGA están o acoutar os espazos das celebracións sobre todo nas proximidades de espazos naturais ou contornas históricas ou monumentais. Tamén evitar facer cacharelas en praias e dunas, especialmente en litorais protexidos ou de alto valor ecolóxico. Igualmente, usar recipientes (vasos, pratos) de barro ou louza, e garrafas de cristal retornables e habilitar suficientes contedores para a recollida selectiva dos refugallos.

Nas localidades litorais moitas celebracións teñen lugar nas praias. Este ano haberá baixamar pola tarde do xoves (ás 19.19 horas) e a preamar chegará pouco despois da medianoite (á 1.38 horas do venres), comezando a baixar a partir desa hora, ata a nova baixamar que chegará ás 7.51 da mañá. Estes horarios facilitan a organización das cacharelas e fan menos probables os accidentes e a chegada de residuos ao mar.

A Plataforma pola defensa do Centro de Saúde de Seixo, en Marín, preparou unha acción para que a cidadanía "queime os recortes sanitarios" nas cacharelas

No San Xoán tamén hai espazo para a reivindicación e, por exemplo, a Plataforma pola defensa do Centro de Saúde de Seixo, en Marín, preparou unha acción para que a cidadanía "queime os recortes sanitarios" nas cacharelas. Neste senso a Plataforma editou uns carteis con varias mensaxes ("Lume aos recortes de medic@s e pediatras", "Lume ao peche de camas de hospital polo verán", "Lume aos recortes na sanidade pública" ou "Lume aos recortes nas urxencias do PAC") que convida a imprimir e plantarlles lume.

A Plataforma pola defensa do Centro de Saúde de Seixo preparou unha acción reivindicativa polo San Xoán © Plataforma pola defensa do Centro de Saúde de Seixo

A plataforma fai un chamamento “a arder os males da sanidade pública" en fogueiras “veciñais ou familiares e senón cun simple misto” e que o recollan cunha foto ou vídeo e que llo envíen á súa páxina de Facebook ou conta de Twitter para “facer visible que queremos escorrentar os recortes da Xunta”. Con esta acción, queren lembrar que van continuar coas protestas “porque estamos fartos de que se xogue co noso dereito á saúde", din.

A iniciativa acompañou a presentación no Parlamento galego, a cargo da plataforma SOS Sanidade Pública dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) con medidas urxentes para "salvar" a atención primaria do seu "desmantelamento".

Esta noite poderemos escoitar unha nova canción das Tanxugueiras, 'Seghadoras', que formará parte do novo álbum do trío, que se publicará o vindeiro 29 de xullo

Finalmente, en toda festa non pode faltar a música e moito menos no San Xoán. Neste senso, VINTE propón "20 cancións para volver saltar as cacharelas", con temas de ORTIGA, Berto, Baiuca, Malandrómeda, Grande Amore, Triángulo de Amor Bizarro, Moura, Ataque Escampe, Familia Caamagno, Boyanka Kostova e, por suposto, as Tanxugueiras. Aínda que a canción escollida das pandeireteiras é "Pano corado", a partir de hoxe contaremos cun novo tema do trío. Será o sinxelo ‘Seghadoras’, que se poderá escoitar en todas as plataformas dixitais dende a medianoite do xoves ao venres. 

'Seghadoras' acompañarase dun videoclip que terá, de novo, a Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro como protagonistas. Con esta nova canción as Tanxugueiras queren “dar a benvida ao novo, ao lume purificador e deixar atrás malos recordos e cargas innecesarias”. 

Con esta nova canción as Tanxugueiras queren “dar a benvida ao novo, ao lume purificador e deixar atrás malos recordos e cargas innecesarias”

O tema formarán parte do novo álbum da formación, aínda sen título, que se publicará o vindeiro 29 de xullo e que xa se pode mercar en pre-venda. O trío, que lanza de forma irónica unha "Plataforma de Afectadxs polo Novo Álbum de Tanxugueiras", destaca que “non temos a portada, non temos o nome do disco e, como sigamos así, non imos ter vergoña. Pero se cres que somos un investimento máis seguro que as criptomoedas, xa podes apoiarnos coa prevenda do disco”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.