“O principal mérito é que seguimos sendo as mesmas, crendo no mesmo que cando empezamos”

© Carlos Abal

Hai non moitas semanas, Ana de Leilía recollía, non sen certa emoción, a cornamusa do festival Atlántica, sinal de “admiración e respeto” polo traballo que este grupo de cantareiras e pandeireteiras realizou e realiza na recolla e transmisión da tradición musical galega. Un legado en boa medida creado e conservado por mulleres coma elas. Hai xa 30 anos, Leilía comezaron a súa andaina polas aldeas galegas dispostas a rescatar e reivindicar a memoria daquelas mulleres. Foron pioneiras na aposta por levar ao escenario só voz e pandeireta. E niso seguen ata agora, tendo evolucionado moito desde as súas primeiras propostas. Hai uns poucos días, encheron nas festas do Apóstolo, nunha noite compartida con outros dos pioneiros, Milladoiro. Desde entón, están coa xira dese mesmo espectáculo que ateigou a Quintana: CantarElas. Celebración de 30 anos de traxectoria. Falamos con Ana.

Tivestes moi boa acollida no concerto na Quintana, nas festas do Apóstolo…

Si. Foi un recargue de enerxía incrible. É a nosa cidade, a xente é moi receptiva co noso proxecto… Prestou moito.

“Tamén estamos a pensar en sacar un disco, a final de ano, que sería tamén conmemorativo dos 30 anos”

Tampouco vos vai mal de concertos, en xeral, este verán.

Non nos podemos queixar en absoluto, ademais de en Santiago, estivemos na Coruña, en Lugo, en Muros, Negreira, Malpica, Negreira, Verín... O sábado 24 estaremos en Bergondo, no Festival Guísamo Folk, o domingo 25 en Fene e o 26 en Noia. Vai ser unha fin de semana moi activa…

Di a vosa compañeira Montse no vídeo de presentación de CantarElas que o espectáculo é unha parte da celebración do voso 30 aniversario, que acabará cun novo disco.

CantarElas é unha viaxe melódica a través das cancións que forman parte da historia de Leilía. Non é unha viaxe cronolóxica, pero si constata a nosa evolución nestes 30 anos. Tamén estamos a pensar, si, en sacar un disco a final de ano, que sería tamén conmemorativo dos 30 anos.

Será algo semellante ao disco co que celebrastes os vosos 15 anos?

Vai ser algo distinto. Pero non queremos adiantar moito aínda. A nosa prioridade agora é o espectáculo CantarElas.

As integrantes de Leilía celebraron o seu trixésimo aniversario durante a gala do festival Atlántica © Festival Atlántica

CantarElas recolle a vosa evolución sonora -introducides instrumentos non tradicionais xa en ‘I é verdade i é mentira-; escenográfica e melódica. Xa en ‘Madama’ había letras de Suso de Toro, e en ConSentimento hai letras de distintas autoras. Que foi o máis importante desa evolución ao longo destas tres décadas?

O proxecto de Leilía comeza no 89 co obxectivo de dar a coñecer a tradición oral galega. Daquela non había grupos de pandeireteiras, que reivindicasen un espectáculo só de voz e pandeireta. Ademais, hai que contar con que en Galicia se asociaba a música tradicional coa gaita. Nós fomos pioneiras nese sentido. Faciamos recollas do legado musical creado, transmitido e conservado por mulleres: melodías, coplas, toques de pandeireta.... 

Elas foran quen de manter esa memoria, e Leilía o que quería era poñer sobre a palestra e dar a coñecer ese legado. Non eramos as únicas: nese momento había outras asociacións facendo recollas da nosa tradición musical, pero eran sobre todo grupos vinculados ao baile. Nós fomos, nese sentido, as primeiras en rescatar ese legado das mulleres cantareiras e pandeireteiras e poñelo sobre un escenario.

“Nós fomos, nese sentido, as primeiras en poñer sobre o escenario o legado rescatado das mulleres cantareiras e pandeireteiras"

O noso primeiro disco, Leilía, de 1994, é un traballo practicamente etnográfico. Foi un disco necesario, no sentido de recoller ese legado. Feito ese traballo e, seguindo unha evolución natural, moi ben traída por Suso de Toro, que nos dixo que sendo fillas desta terra, tamén o somos deste tempo, naceu o noso segundo traballo discográfico, coa idea de achegar o pasado ao presente. Por iso, en ‘I é verdade, i é mentira’, de 1998, introducimos instrumentos diferentes aos tradicionais, da man de Nando Casal e Antón Seoane, membros de Milladoiro.

No terceiro disco, ‘Madama’, de 2003, seguimos coa idea de meter instrumentos non tradicionais, e ademais algunhas letras actuais, escritas por Suso de Toro. As melodías eran as mesmas, as tradicionais, que non as desvirtuamos, pero con algunhas letras do presente, coma ‘Pedras contra tanques’, que fala do conflito entre israelíes e palestinos, coa que gañamos o Premio á Mellor Canción en Galego da Academia das Artes e das Ciencias da Música.

“Como di Suso de Toro, sendo fillas desta terra, tamén o somos deste tempo, e procuramos unha evolución que achegase o pasado ao presente”

Despois sacamos o disco de celebración dos 15 anos, ‘Son de Leilía’, no que en vez de gravar as nosas cancións máis coñecidas o que fixemos foi recoller colaboracións que fixeramos con outros grupos, para dar a coñecer a nosa versatilidade. Colaboracións con Budiño, Milladoiro… E tamén algúns temas inéditos.

ConSentimento, de 2011, é un disco moi feminino, no que contamos con letras de sete escritoras: Mariña Pérez, Ana Romaní, Marilar Aleixandre, Ana Amado, Yolanda Castaño, Eva Moreda e Eva Veiga. Nós démoslles carta branca, elas amosaron unha receptividade tremenda… Saíu un traballo moi fluído no que a muller é o centro. Para nós era tamén unha maneira de agradecer a súa xenerosidade a todas as nosas informantes, a través da reivindicación da figura de Eva Castiñeira, unha pandeireteira e cantareira que fora esquecida…

O rexistro sonoro foise ampliando. ‘Leilía’ tiña pandeireta, tambor, lata..., e gaita. En ‘I é verdade, i é mentira’, con produción musical de Nando Casal e Antón Seoane, aparecen os teclados, a guitarra acústica, os teclados, o clarinete… En ‘Madama’ volven acordeón e guitarras e chegan baixo ou batería… En ‘Consentimento’ hai percusión feita con instrumentos tradicionais: a pandeireta, o pandeiro, pásase do baixo ao contrabaixo e de cinco instrumentos a tres.

En ‘Madama’ tamén tentamos tirarlle partido á instrumentación galega: non só a pandeireta, senón tamén os pandeiros, as pandeiras grandes… Na sonoridade, cada proxecto é distinto dos anteriores. E cada disco ten a súa propia formación. Sempre sendo coherentes, pero tentando dar a coñecer a nosa versatilidade como grupo e a nosa implicación coa música tradicional, co papel das mulleres, co seu saber para crear, conservar e transmitir a nosa tradición. E, que podo dicir? Que estou moi orgullosa do traballo feito, de todos os pasos que demos, aínda que para min o principal mérito é que seguimos sendo as mesmas, crendo no mesmo, que cando empezamos, sendo case unhas nenas.  Leilía non é só a música: somos un equipo de persoas cunha historia detrás.

“Estou moi orgullosa do traballo feito, de todos os pasos que demos”

No momento en que empezades a facer recollas, como vos xuntades as seis? Coincidistes nalgunha asociación?

Merchi, Montse e Felisa coincidiron en Cantigas e Agarimos, e Felisa veu dar clase ao centro sociocultural Rosalía de Castro de Cacheiras. Miña irmá Rosario e eu eramos alumnas de Felisa. No verán paraban as clases e nós quedamos un pouco chafadas. Felisa vía que tiñamos moito interese, e convidounos a xuntarnos cun grupo de xente que se reunía os domingos para tocar… Para nós fora: a profesora estanos convidando a ir con ela! Fomos, e naquel grupo fomos quedando menos: era o domingo pola mañá, bastante cedo… E de aí xurdiu Leilía. Ao principio tiñamos un gaiteiro, Manolo Nieto, pero o que pasaba é que nos chamaban moito por ser un grupo de mulleres, para actos da muller… E el mesmo acabou decidindo deixalo.

Como mudou a situación desde que comezastes ata agora en canto ás recollas? Falando con outras persoas que foron tamén pioneiras nas recollas, coma Mercedes Peón, Quique Peón, ou Mini e Mero… comentaban que os informantes moitas veces non daban importancia ao que sabían…

Ao principio era difícil, si. A parte boa é que había moitos informantes. Non lle daban valor ao que sabían no sentido de que pensaban que non podía ser algo de interese para a xente nova, e menos para unhas rapazas novas coma nós. Ten en conta que era xente á que calaran, á que lle fixeran crer que o que sabían non era válido. Mesmo ás veces pensaban que estabamos alí para mofarnos deles. Mais, claro, unha vez que se abrían, aquilo era un ronsel da nosa cultura musical… Agora os informantes son moitos menos e ademais están moi influenciados polo que ven na televisión, polo que escoitan… Mais tamén é moito máis fácil acceder a eles.

“Ao principio era difícil, si. A parte boa é que había moitos informantes. Non lle daban valor ao que sabían no sentido de que pensaban que non podía ser algo de interese para a xente nova”

Leilía tiña claro que quería recuperar o legado das mulleres. Mencionabas antes que, cando empezastes, a música tradicional se asociaba cos gaiteiros. É curioso, porque gaiteiros había algúns, pero pandeireteiras moitas máis.

As pandeireteiras eran moitas máis porque eran, de feito, as mulleres as que comandaban os seráns. As festas que se celebraban pola semana, dous días á semana, polo xeral, eran comandadas por mulleres que cantaban e tocaban e que, deste xeito convidaban a xente a unirse á festa. Elas non podían desprazarse ás outras aldeas, como facían os homes. Entón tiñan que aprender a tocar, a bailar, a cantar, para que os mozos da rodeada quixesen ir ós seus seráns, ás festas de diario. O gaiteiro era outra cousa: era considerado un profesional, ao que lle pagaban para que fose tocar a acontecementos máis relevantes, coma a festa parroquial. O que facían as mulleres era máis altruísta e espontáneo.

Leilía no Festival de Ortigueira, 2006 © Leilía

Todo iso parece relevante para o debate que hai sobre o papel das mulleres na música tradicional, sobre se se fixeron interpretacións machistas do mesmo… Algo chocante é que, ademais do papel das mulleres como creadoras e non só intérpretes, tanto tempo negado, moitas veces tampouco parecemos acordarnos de que nas propias recollas tamén foron moi importantes as mulleres.

Todo o que facían as mulleres tendeu a ser silenciado na historia. É o que pasou con Eva Castiñeira, á que mencionamos antes. Apareceu gravada nun disco publicado a primeiros dos 80, ‘Recolleita’, de Pablo Quintana, no que tamén estaba o Cego dos Vilares. Pois dela, de Eva, ninguén se lembraba. Para atopar algo de información, había que buscar polo Cego dos Vilares.

“Os grupos galegos pasan de inspirarse en grupos irlandeses ou escoceses para tentar soar a folk a prestar interese á nosa propia tradición, a ese tesouro que estivera gardado nas aldeas”

Se os 80 son o período das recollas, da irrupción de grupos folclóricos no rural… Os 90 son o tempo do boom do folk. Supoño que iso axudaría tamén a mudar a receptividade cara á vosa música.

O panorama musical cambiou moito, e nós contribuímos tamén a que cambiase. Nós fomos pioneiras na aposta pola voz e a pandeireta, que daquela era algo novidoso. Co boom dos 90 chegan máis posibilidades de dar concertos, de viaxar, de ir a festivais… Eu penso que unha das principais mudanzas é ademais que os grupos galegos pasan de inspirarse en grupos irlandeses ou escoceses para tentar soar a folk a prestar interese á nosa propia tradición, a ese tesouro que estivera gardado nas aldeas. E iso si mudou a percepción da música tradicional.

“Nós fomos pioneiras na aposta pola voz e a pandeireta, que daquela era algo novidoso”

Outra cousa que mudou, supoño que tamén pola influencia da tele, ademais do traballo feito por vós e por outros grupos, é que o folclore se foi tornando case un fenómeno máis urbano ca rural, moi practicado por xente nova e nada encorsetado. E iso non pasaba hai 30 anos. Quero dicir, que non é aquel folclore que promovera a Sección Femenina...

Si que é certo que se foi tornando un fenómeno moi urbanita, pero iso non significa tampouco que xa non estea nas aldeas, onde segue habendo moitas asociacións culturais que teñen a moitos rapaces e rapazas e adolescentes que aprenden a bailar e a tocar. Mais si, esta especie de moda do tradicional que hai agora era impensable hai poucas décadas.

Mencionabas antes os festivais internacionais. Fostes a moitos. Como era a recepción da vosa música neles?

Xa sabes que moitas veces se di que un non é profeta na súa terra. Cando empezamos, a verdade é que o que faciamos chamaba a atención. Tivemos que salvar o alcume de “raritas”. Porque o que soaba entón na radiofórmula era A-ha, Los Secretos ou Gloria Estefan. A xente non recoñecía o que faciamos como propio, e quedaba: e isto que é? Cuestionaban o por que e o para que, e en certa medida é comprensible, porque era algo totalmente novidoso..., pero está claro que a nosa mensaxe prendeu nas persoas que nos escoitaban e o camiño que nós abrimos está máis que consolidado.

“Tivemos que salvar o alcume de “raritas”. Porque o que soaba na radiofórmula cando empezamos era A-ha, Los Secretos ou Gloria Estefan”

Pero nós somos moi teimudas e seguimos facendo aquilo no que criamos e cremos, e fomos gañando o noso sitio. Nos 90 fomos a Alemaña, a Polonia, Suíza, Finlandia, Holanda, tamén Arxentina, Brasil... Lembro que unha das veces que estivemos en Alemaña cadrou cunha vaga de calor e o concerto era ás tres da tarde. Pensamos que iamos estar nós e o técnico de son. Pero cando empezamos a ver saír das sombras tanta xente con periódicos na cabeza non podiamos crelo… 

Outra vez, penso que foi en Holanda, tiñamos concerto ás once da mañá, dun domingo despois dun sábado de moitos concertos, nun día en que chovía a mares. Nós saímos da sala na que nos estabamos cambiando para ir a maquillaxe, pensando que non ía vir ninguén, e comezamos a escoitar un ruxe-ruxe, e logo vemos a enorme ringleira de xente que estaba a agardar para entrar no teatro. Aínda me emociono hoxe…

Mais tedes un público que vos acompaña desde os comezos.

Si, temos un público fiel que ten todos os nosos discos, sigue vindo aos concertos, trae os fillos e transmítelles o amor pola nosa música. Temos fotos con xente que aparece primeiro co bebé, logo co bebé medradiño, despois cando é neno, logo cando é adolescente…

“Son trinta anos cheos de vivencias, emocións, confluencias con persoas estupendas…”

Son trinta anos cheos de vivencias, emocións, confluencias con persoas estupendas... Unha viaxe que empezou coa idea de dar a coñecer a inmensa riqueza da nosa tradición oral e que nos levou a viaxar, a descubrir, a medrar... Somos conscientes do privilexiadas que somos, por facer algo que nos gusta e que ademais contribuíu a enriquecer o panorama musical galego. Se botamos unha ollada cara atrás sentímonos orgullosas do camiño feito e iso presta, presta moito.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.