A 'tanxugueira' Aida Tarrío e Raül Refree convértense en fillos de Rosalía no proxecto 'Gala i Ovidio'

Aida Tarrío e Raül Refree ©

O novo proxecto musical, que toma o nome dos xemelgos que Rosalía de Castro deu a luz en 1871, lanza o sinxelo De maio a abril, ao que seguirán novos traballos nos vindeiros meses

Cando artistas con talento unen os seus camiños xorden proxectos brillantes. Nos últimos anos o produtor barcelonés Raül Refree (Raül Fernández Miró) traballou con Silvia Pérez Cruz en Granada (2014), no álbum que supuxo o descubrimento de Rosalía, Los Ángeles (2017), con Rodrigo Cuevas en Manual de Cortejo (2019) ou coa fadista portuguesa Lina en Lina_Raül Refree (2020). A lista de colaboracións incluíu tamén a Rocío Márquez, Niño de Elche, o ex-Sonic Youth Lee Ranaldo, Amaia ou Guitarricadelafuente, sempre en traballos de gran calidade.

Aida Tarrío, integrante das Tanxugueiras, combina o seu talento vocal xunto á súa destreza no baile, participando en destacadas creacións escénicas da prestixiosa Compañía Fran Sieira ou xunto ao recoñecido coreógrafo Dani Rodríguez.

Agora, Aida Tarrío e Raül Refree están a traballar xuntos no proxecto Gala i Ovidio, que acaba de publicar o seu primeiro tema, De maio a abril. O proxecto rende homenaxe no seu nome aos fillos de Rosalía de Castro, que en 1871 deu a luz en Lestrove aos xemelgos Gala i Ovidio. Esta primeira canción forma parte dun cancioneiro que compuxeron e escribiron a catro mans, xuntos, e que dará lugar diversos ep’s que sairán ao longo dos próximos meses.

Aida e Raül atopáronse en 2021 no Pazo de Mariñán, momento no que "souberon que debían irmanarse nun proxecto musical". O produtor catalán afondou ese ano na tradición musical galega

Aida e Raül atopáronse en 2021 no Pazo de Mariñán, momento no que "souberon que debían irmanarse nun proxecto musical". O produtor catalán afondou ese ano na tradición musical galega, desenvolvendo por exemplo unha residencia artística que lle permitiu coñecer "as principais fontes do noso patrimonio sonoro e manter encontros con algúns dos proxectos referenciais neste momento".

O proxecto de Gala i Ovidio tardou catro anos en cociñarse e Aida e Raül foron levándoo en segredo ata esta semana. Coñecéronse para interpretar cancións tradicionais galegas "e inspirados por elas foron atopando novos territorios onde a tradición se intúe e os xéneros dilúense". A Raül gústalle dicir que Aida "ten as mulleres galegas dos últimos decenios na súa voz e que este arraigamento lle permite experimentar sen perder a identidade".

De maio a abril, primeira canción do proxecto

O proxecto tardou catro anos en cociñarse. Coñecéronse para interpretar cancións tradicionais galegas "e inspirados por elas foron atopando novos territorios onde a tradición se intúe e os xéneros dilúense"

De maio a abril, unha canción composta e escrita polos dous compoñentes do proxecto, é "unha reafirmación da propia personalidade e maneira de ser fronte ás pequenas crises de identidade que nos axexan neste mundo dominado pola imaxe e o que  dirán". A letra narra distintos episodios de intimidade cotiá "nos que un se ve obrigado a reforzar a propia visión fronte ás forzas que nos empuxan a un pensamento único". 

Imaxe promocional do proxecto Gala i Ovidio © Alberto Pinto Mora

A Raül gústalle dicir que Aida "ten as mulleres galegas dos últimos decenios na súa voz e que este arraigamento lle permite experimentar sen perder a identidade"

O dúo destaca que "aínda que pareza imposible, consegue que se dean a man Oneothrix Point Never ou Kanye West con Dorothé Schubarth e a crueza dos seus arquivo para darnos unha nova visión que non necesita reivindicar a tradición para estar arraigada e emocionar como o facían as nosas avoas e como o farán os nosos netos". 

Capa do sinxelo 'De maio a abril', lanzado por Gala i Ovidio ©
Aida Tarrío e Raül Refree ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.