A mediados da pasada década Refree afianzou unha carreira como produtor que destaca, sobre todo, pola súa vontade de achegarse aos sons populares e tradicionais dende o pop e polas alianzas establecidas con voces e autoras femininas.
Raül Fernández Miró (Barcelona, 1976) é un dos produtores musicais máis celebrados no Estado durante a última década. Deixou atrás (aínda que non completamente) unha longa traxectoria en distintas bandas de corte indie e no seu proxecto persoal Refree, que lle achegou o nome artístico polo que é máis coñecido, Raül Refree. E a mediados da pasada década consolidou unha carreira como produtor que destaca, sobre todo, pola súa vontade de achegarse aos sons populares e tradicionais dende o pop e polas alianzas establecidas con voces e autoras femininas.
En 2014 publicou Granada con Silvia Pérez Cruz, en 2017 foi a quenda de Los Ángeles dunha aínda descoñecida Rosalía, en 2019 presentouse o Manual de Cortejo de Rodrigo Cuevas e o pasado ano gravou coa portuguesa Lina o disco Lina_Raül Refree que buscaba reinterpretar o fado. Ademais, produciu álbums da Mala Rodríguez, Christina Rosenvinge ou Rocío Márquez.
Refree está a traballar coa tradición musical galega, desenvolvendo durante toda esta semana unha residencia artística que lle permitirá coñecer "as principais fontes do noso patrimonio sonoro e manter encontros con algúns dos proxectos referenciais neste momento"
Agora Raül Refree está a traballar coa tradición musical galega, desenvolvendo durante toda esta semana unha residencia artística que lle permitirá coñecer "as principais fontes do noso patrimonio sonoro e manter encontros con algúns dos proxectos referenciais neste momento", destacan dende Luneda Producións, que o está a acompañar na descuberta de arquivos sonoros e propicia encontros con artistas referentes da nosa música de raíz.
O produtor catalán achégase "con enorme curiosidade á nosa tradición musical, con vontade de empaparse das sonoridades que nos trasmitiron as nosas maiores, de coñecer os procesos de recollida e aprendizaxe, e de profundizar na verdade e na singularidade dun patrimonio que afortunadamente foi recollido e custodiado a tempo", indica. Pode que este sexa o inicio dunha grande amizade.
Raül Refree achegarase ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego
Esta residencia artística está apoiada polo Concello da Coruña e busca posibilitar unha experiencia de inmersión na música tradicional galega para que Refree poida coñecela en profundidade e estudar as súas posibilidades creativas; ao tempo que se propicia o intercambio con proxectos musicais de raíz para abrir unha porta á innovación, á investigación e á visibilidade da música galega.
En primeiro lugar, Raül Refree achegarase ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego, onde a súa responsable, Concha Losada, lle amosará os tesouros sonoros que esta institución acolle.
Desenvolveranse encontros nos que o produtor terá a oportunidade de achegarse aos procesos creativos de varios proxectos musicais galegos
A partir de aí, desenvolveranse encontros nos que o produtor terá a oportunidade de achegarse aos procesos creativos de varios proxectos musicais galegos que traballan arredor da tradición. A cantante FAIA, que se atopa nestes momentos ensaiando o seu novo espectáculo, será unha das artistas que participarán na residencia, á que se sumarán tamén os proxectos das pandereteiras Pan Sen Fron, Bouba e Tanxugueiras; a violinista do trío Oîma, Antía Ameixieras; e o gaiteiro Pedro Lamas.
Pan Sen Fron, Bouba, Tanxugueiras, FAIA, Pedro Lamas, Quique Peón, Xurxo Fernandes e Pablo Díaz son algúns dos artistas cos que manterá encontros
Dentro do ámbito das recollas, coñecerá os traballos de compilación e creación de figuras como Quique Peón, Xurxo Fernandes e Pablo Díaz; e os arquivos rexistrados por Xulia Feixóo e Guillerme Ignacio, que ademais facilitarán un encontro moi especial coa señora María do Caño, informante da Illa de Ons. Os encontros están sendo documentados fotograficamente por Rocío Cibes e filmados baixo a singular ollada do cineasta Fon Cortizo.
Raül Refree mantivo tamén un encontro coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey. A rexedora, responsable tamén da área de Cultura, sinalou que “xuntar a Raül Refree con músicos tradicionais da Coruña supón abrir unha porta á innovación e á investigación na música galega, así como a súa visibilidade. Son conceptos que encaixan perfectamente dentro das nosas políticas culturais, que tamén queremos que poñan o foco no apoio aos procesos creativos”.
Velaquí algunha das colaboracións máis salientables levadas a cabo por Raül Refree nos últimos anos: