O Concello da Pobra adquiriu o castro da Croa de Posmarcos por 68.195 euros, unha compra que permitirá levar a cabo un proxecto de estudo do xacemento e asegura a súa protección
O pasado sábado 28 de setembro, na inaugurarión das xornadas A Pobra do Caramiñal no tempo, o alcalde da localidade, José Carlos Vidal, anunciou a adquisición, por parte do Concello do castro da Croa de Posmarcos, unha compra á que se destinarán 68.195 euros. A iniciativa destaca non só pola decidida participación dunha administración pública local na protección e no estudo dun ben patrimonial de tanta relevancia, senón tamén polo proxecto que acompaña a compra, unha folla de ruta para inserir a Croa de Posmarcos nos procesos de investigación en marcha sobre a cultura castrexa e a Idade do Ferro en Galicia e un proceso de pescuda que nun primeiro momento quere ser non invasiva, valéndose dos últimos avances tecnolóxicos.
Aínda que o conxunto da parcela adquirida ten unha dimensión de 8.804 metros cadrados, a Croa de Posmarcos é un castro pequeno, duns 3.300 metros cadrados no seu interior, a metade da superficie do castro de Viladonga, por exemplo. Sitúase no interior do concello da Pobra, nun rico val nas proximidades das aldeas de San Isidro de Posmarcos e de Pumadiño. Unha zona menos coñecida que outros espazos litorais do termo municipal, o que incrementa o seu interese. No deseño do proxecto de estudo do castro da Croa de Posmarcos colabora Manuel Gago, profesor da USC e director de Culturagalega.org, que publicou nas redes un fío explicativo sobre a relevancia do xacemento.
O Barbanza conta cun gran número de castros escavados, "pero cada un deles cóntanos unha historia diferente", di Gago que destaca que "a cultura castrexa é un mundo moi diverso e complexo do que se pensaba hai unhas décadas"
"Polas súas características formais é o que poderíamos dicir como 'un castro de manual': unha aldea fortificada pequena, colocada ao final dun val moi rico para aproveitar as terras agrarias, aproveitando o relevo natural (un río), un recinto circular...", explica Gago, que destaca que se trata "dun modelo de castro diferente ao que se ten escavado ata agora no Barbanza", polo que o seu estudo pode axudar moito a entender mellor a Idade do Ferro na comarca e no conxunto de Galicia. "Pode permitirnos coñecer como o mundo máis agrario dos castros da segunda Idade do Ferro se aplica no Barbanza", di.
O Barbanza, que conta cun gran número de castros escavados: Baroña, Porto Baixo, A Cidade, Mallou, Neixón... Unha riqueza que no futuro pode ser posta en valor no Parque Arqueolóxico da Idade do Ferro que a Deputación da Coruña está a impulsar na comarca. "Cada un deles cóntanos unha historia diferente. Mesmo algún que se pode parecer a outro, coma o de Baroña e os de Neixón, todos a carón do mar, non teñen nada que ver un co outro", sinala Gago, que destaca que "a cultura castrexa é un mundo moi diverso e complexo do que se pensaba hai unhas décadas"
As primeiras actuacións que se van levar a cabo no xacemento non serán invasivas, senón que se optará por realizar unha prospección xeofísica con xeorradar para descubrir que tipo de estruturas están baixo a terra e cal era a súa distribución
Á teórica importancia que o castro pode ter engádese un elemento ligado á súa toponimia, pois a parroquia na que se sitúa, Posmarcos, conservou ata a actualidade o nome que o historiador romano Plinio O Vello deu hai dous mil anos aos habitantes da penínsulado Barbanza, os Celticos Praestamarcos. "Non sabemos se a investigación nos vai axudar a entender as características dese pobo ou a permanencia desa denominación nese lugar, pero resulta moi interesante", di Gago.
E un castro que, en teoría, se atopa nun bo estado de conservación, pois a consulta de fotos aéreas indica que, cando menos no último século, o lugar non foi aproveitado agricolamente e polo tanto non sufriu traballos mecanizados, "que é un momento moi crítico para os xacementos arqueolóxicos en Galicia", sinala.
"En moitos xacementos arqueolóxicos estase escavando unicamente polo seu sentido turístico sen ter en conta criterios científicos, sen preguntarnos como pode contribuír ese lugar ao coñecemento da historia do país", critica Gago
As primeiras actuacións que se van levar a cabo no xacemento non serán invasivas, senón que se optará por realizar unha prospección xeofísica con xeorradar para descubrir que tipo de estruturas están baixo a terra e cal era a súa distribución. Manuel Gago explica que "escavar é algo serio, pois significa moitas veces destruír e polo tanto hai que facelo con tino. Por iso o primeiro que imos facer non é escavar e abrir, senón que queremos ter un primeiro mapa de toda a superficie que hai abaixo. E a partir de aí tomar decisións".
Ademais, o obxectivo dos traballos será "incardinalos a un proxecto de investigación en curso sobre a historia da idade do ferro en Galicia", procurando "responder ás preguntas científicas en curso" sobre a cultura dos castros. Gago sinala que "en moitos xacementos arqueolóxicos estase escavando unicamente polo seu sentido turístico sen ter en conta criterios científicos ou sen facerse preguntas científicas de gran alcance, sen preguntarnos como pode contribuír ese lugar ao coñecemento da historia do país". É dicir, en lugar de "escavar uns metros para deixar ao descuberto unhas construcións redondas que despois se poidan visitar", este proxecto prioriza obter respostas sobre a organización das sociedades humanas da Idade do Ferro no territorio, o que -destaca Gago- "contribuirá á difusión internacional do proxecto".
A riqueza e diversidade da cultura castrexa
"Nos anos 80 tiñamos unha visión moi monolítica da cultura castrexa e dos castros, porque conservabamos un construto mental que viña da Xeración Nós, que vía os castros dunha maneira unitaria en todo o territorio e aplicando a eles categorías actuais, como se mirásemos as aldeas do presente no pasado", di Gago
Manuel Gago insiste na "diversidade" existente entre uns e outros castros, dos que nos últimos anos viñemos sabendo cada vez máis cousas, un novo coñecemento que axudou a mudar algunhas ideas preconcibidas e erradas que se tiñan sobre as sociedades da Idade do Ferro. "Nos anos 80 tiñamos unha visión moi monolítica da cultura castrexa e dos castros, en boa medida porque conservabamos un construto mental que viña xa da Xeración Nós, que vía os castros dunha maneira unitaria en todo o territorio e aplicando a eles categorías actuais, como se mirásemos as aldeas do presente no pasado", explica.
"Todo isto comezou a ser cuestionado sobre todo a partir da tese de Alfredo González Ruibal, que detecta tres tipos de sociedades distintas na segunda Idade do Ferro, con castros moi diferentes entre si dependendo das zonas e dos seus usos", di, sinalando que "antes pensabamos que un castro era, en esencia, unha aldea cunha muralla, pero agora comezamos a preguntarnos se todos os castros eran para vivir. Agora vemos que baixo a etiqueta de 'castro' hai un mundo moi diverso e que, ademais, foi mudando co tempo".
Gago engade que "en parte este cambio de paradigma débese á incorporación de novos investigadores que están cada vez máis conectados con investigadores da Idade do Ferro do resto de Europa. E fan aquí as mesmas preguntas que se están a facer no resto do continente".
A aposta pola cultura e o patrimonio na Pobra
“Un dos sinais de identidade deste goberno municipal é a protección, a conservación e a difusión do noso patrimonio", destaca o alcalde e titular da Concellaría do Patrimonio, José Carlos Vidal
A adquisición do castro da Croa de Posmarcos encádrase nunha política máis xeral de protección do patrimonio e de fomento da investigación sobre a historia do Concello. Nos últimos meses adquiriuse tamén a Casa da Cadea, situada no centro da vila e que foi usada como cárcere ata mediados do séxulo XIX; construído a finais do século XVIII e ligado aos señores da Torre de Xunqueiras, encargados de administrar a xustiza na zona, este edificio atopábase en estado de abandono. E, igualmente, avanzouse coa prospección arqueolóxica na Corte do Santo, ao tempo que se organizaban as propias xornadas de divulgación histórica e patrimonial da pasada semana.
O alcalde e titular da Concellaría do Patrimonio, José Carlos Vidal, incide na importancia do traballo desenvolvido nos últimos tempos polo seu Goberno municipal nesta cuestión: “un dos sinais de identidade deste goberno municipal é a protección, a conservación e a difusión do noso patrimonio". Ademais, Vidal destaca, ao igual que Gago, a relevancia dos estudos que se van levar a cabo na Croa de Posmarcos, inserindo este xacemento arqueolóxico "dentro dunha investigación sobre a morfoloxía e estrutura dos castros no territorio galego".
"A aposta de potenciar a Pobra como polo cultural é moi interesante", di Gago, que destaca que "a cultura non é cara, comparada con outro tipo de investimentos e ten un gran retorno"
Neste senso, Manuel Gago salienta o valor da aposta da Pobra do Caramiñal pola cultura e a defensa do seu patrimonio. "A comarca, que na práctica é unha cidade de cen mil habitantes, cunha gran mobilidade interna, ten dous polos económicos moi importantes, Ribeira e Boiro, pero na parte cultural e de patrimonio quen máis destaca é A Pobra, pois ten un patrimonio moi notable", explica, destacando entre outros elementos o Museo Valle-Inclán ou a Torre das Xunqueiras, "posiblemente o mellor pazo renacentista que hai en Galicia".
"A aposta de potenciar a Pobra como polo cultural é moi interesante", di Gago, que engade que este modelo ten efectos moi importantes na propia cidadanía e na identidade do lugar. "A cultura non é cara, comparada con outro tipo de investimentos e ten un gran retorno, comezando polo propio benestar da sociedade e dos habitantes da Pobra", conclúe.