O CSIC analiza o “cuncheiro” do poboado, o basureiro que ofrece pistas sobre a alimentación dos seus habitantes
Xunto á porta sur da muralla do castro do monte Trega, na Guarda, os habitantes do recinto tiraban o seu lixo. Ese lugar, coñecido como cuncheiro, vén de ser investigado cun proxecto dirixido polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) que revela aspectos da vida cotiá do maior poboado castrexo do noroeste peninsular, entre eles que comían.
Os equipo de traballo, dirixido por Brais X. Currás Refojos, investigador postdoutoral do CSIC, e co apoio de grupos de investigación en zooarqueoloxía e paleoeconomía, constatou “a existencia dunha gandería na que predominan as ovellas e cabras de moi pequeno tamaño, documentándose tamén a presenza de cochos e vacas, así como un dominio total de moluscos e crustáceos propios das zonas rochosas, principalmente lapas, pero tamén mexillóns, bígaros e percebes”.
Os traballos incluíron a limpeza da zona próxima á porta sur da muralla do castro e a instalación dun panel informativo
“Os ourizos tamén foron importantes, sendo menos común o consumo de caranguexos”, engade Currás, que sinala que, na pesca, constatouse fundamentalmente o uso do anzol en zonas próximas á costa e que “abunda a robaliza, acompañada en moita menor medida de dourada, sargo e maragota, entre outros peixes”.
O traballo na zona do cuncheiro, que xa se pode visitar tras tres meses de actuacións, incluíron limpeza da vexetación da porta sur do castro, sondaxe arqueolóxica, estudo de arqueofauna e levantamento fotogramétrico das estruturas escavadas nun lugar que xa fora obxecto de prospeccións en 1910 e 1930 pero que desde aquela permanecía abandonada. Posteriormente instalouse un panel informativo cos resultados do estudo.
Nos próximos meses analizaranse as sementes recollidas no cuncheiro e especialmente un dente humano alí atopado
Nos próximos meses, avanza o CSIC, continuarase afondando no coñecemento do castro do Trega co proxecto LOKI: Economías locais, economía imperial: Occidente da Península Ibérica (século II a.C-secúlo II d.C.), dirixido por Inés Sastre. “Realizaranse datacións de carbono 14 que permitirán coñecer o momento de fundación da muralla do poboado, estudarase a evolución ambiental a través do pole e analizaranse as sementes recollidas no cuncheiro”, sinala o CSIC, que salienta que “mención especial merece a identificación dun dente humano, que será analizado na universidade alemá de Tübingen”.