O crowdfunding, tamén para a arqueoloxía

Castro da Cabeciña © Costa dos Castros

Catro comunidades de montes do Baixo Miño impulsan, xunto co Concello de Oia, o proxecto Costa dos Castros, unha proposta de dinamización social e turística a través do patrimonio que vén de lanzar unha campaña de micromecenado, coa que os veciños e veciñas da zona esperan recadar fondos para actuar sobre varios destes sitios arqueolóxico. A iniciativa conta coa colaboración de de ANABAM e ACAMO (asociacións ecoloxista e de defensa do patrimonio, respectivamente) e hosteleiros locais, o grupo de investigación Incipit-CSIC e a empresa británica DigVentures, que xa levou a cabo accións semellantes no seu país.

Os responsables do proxecto destacan que o treito costa entre a Baiona e a desembocadura do Río Miño agocha once castros e decenas de estacións de arte rupestre. Isto foi o que animou a catro comunidades de montes da zona a crear a etiqueta Costa dos Castros. A campaña de crowdfunding, que se presentou o pasado mércores, está dispoñible na web do proxecto. Os colaboradores recibirán unha recompensa que varía segundo a achega.

O nivel máis básico de participación (15 euros) faite membro do Equipo Dixital de Escavación, cuxos membros terán acceso a través dunha aplicación móbil ao rexistro arquelóxico dixital e á información actualizada do día a día da escavación no castro de Chavella. O nivel de participación máximo (920 euros) permite poñerse mans á obra xunto cos arqueólogos. Outras recompensas inclúen, ademais da participación no equipo dixital e de campo, unha impresión 3D do achado estrela da campaña deste ano no castro de Chavella, unha árbore xeolocalizada na plantación didáctica de Mougás, ou a camisola de deseño cunha reprodución do petróglifo do barco. O obxectivo é, por unha banda, acadar financiamento para o proxecto, e pola outra implicar á poboación interesada no estudo e protección do patrimonio, revalorizando e socializando a arqueoloxía.

 

Traballo arqueolóxico

Ademais da presentación da web do proxecto e da campaña de crowdfunding, no acto de presentación de Costa dos Castros tamén se adiantaron os traballos arqueolóxicos previstos para este ano polas Comunidades de Montes de Mougás, Oia, Pedornes e Viladesuso. A Costa dos Castros agocha 11 castros en tan só 7 quilómetros de costa. Os asentamentos sucédense case en liña recta dende Baiona ata Santa Trega en A Guarda. Uns atópanse no alto dos montes que se alzan dominando o Atlántico e outros, abaixo nos fértiles terreos pegados ao mar.

A Costa dos Castros agocha 11 castros en tan só 7 quilómetros de costa. Uns atópanse no alto dos montes que se alzan dominando o Atlántico e outros, abaixo nos fértiles terreos pegados ao mar. Os castros no alto son os da Cabeciña, Cano dos Mouros e Chavella

O traballo arqueolóxico para este ano comezará polos tres castros en altura. Parece que estaban comunicados entre si para, entre os tres, controlar toda a liña de costa. Quérese estudar o seu sistema de ocupación do territorio de Costa dos Castros para comprender mellor toda unha paisaxe. Os castros no alto son os da Cabeciña, Cano dos Mouros e Chavella. O castro da Cabeciña xa se escavou hai uns meses e a ampliación da zona de escavación está prevista para este agosto.

Outro punto forte da campaña é a limpeza e documentación do panel de arte rupestre de Auga dos Cebros. O panel agocha un espectacular petróglifo dun barco mediterráneo do segundo milenio a.C

O castro de Chavella foi limpado e topografado o pasado 2014; practicaranse unhas sondaxes valorativas en outubro. O obxectivo é avaliar o xacemento e comprobar se houbo unha torre medieval dentro da fortaleza, tal e como aparece na documentación. Por outro lado, no castro de Cano dos Mouros nunca se fixeron traballos arqueolóxicos, aínda que é o único que conserva as lendas populares a el asociadas. Proxéctase comezar este setembro por unha limpeza vexetal e un levantamento topográfico.

Outro punto forte da campaña deste ano é a limpeza e documentación do panel de arte rupestre de Auga dos Cebros. O panel agocha un espectacular petróglifo dun barco mediterráneo do segundo milenio a.C, único na fachada atlántica. A súa conservación é imprescindible como evidencia do contacto da costa sur de Galicia coa cultura mediterránea dende unha época moi antiga.

Presentación do proxecto © Costa dos Castros
Presentación do proxecto © Costa dos Castros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.