Concello da Coruña e Xunta de Galicia tratan de salvar in extremis os murais de Urbano Lugrís nun local da rúa Olmos. Neste mércores, o xulgado que supervisa o concurso de acredores da empresa propietaria pechou o prazo de presentación de ofertas, que parecía abocar as emblemáticas obras á súa venda a acabar nas mans dunha galería de arte viguesa.
Porque foi Prolar Arte, vinculada á Galería Montenegro de Vigo, a empresa que presentou a oferta máis alta ao xulgado do Mercantil número 3 da Coruña, por importe de 40.100 euros. Súmase á da compañía interesada en adquirir os edificios anexos, Redondela Investments, de 30.000 euros, á dun particular, que sobe a 36.000, e á da Xunta, que poxou con 35.000 euros.
Unha galería de Vigo presentou a oferta máis alta, 40.100 euros, por uns murais valorados en 250.000; a Xunta poxou con 35.000 euros
O auto do xulgado coas catro ofertas será enviado agora á administración concursal, que valorou as pezas de Lugrís en 250.000 euros, para logo emitir un informe que decidirá quen será o novo propietario das obras. O lóxico é que sexa a galería que poxou unha maior cantidade a que quede cos murais, pero as características destes e o desenvolvemento do proceso de venda poderían impedilo.
En todo caso, a maxistrada do xulgado do Mercantil emitiu tamén unha providencia na que solicita ao administrador concursal que informe "sobre as circunstancias e aspectos legais á venda dos murais, entre eles a posibilidade de que se trasladen", intención que xa manifestou a galería viguesa, que prevén, como primeira opción, que sexan expostos nun museo de Galicia, a poder ser no de Belas Artes da Coruña. Con todo, non descarta, mesmo, que sexan vendidos, tal e como detallou en declaracións a La Opinión.
Estas novas ofertas poñen máis atrancos a un futuro público para os murais e evidencian tamén o desleixo administrativo, segundo asociacións como O Mural ou In Nave Civitas, que levan tempo advertindo da degradación das obras e das dúbidas sobre o seu final. Se a Xunta tivese declarado Ben de Interese Cultural (BIC) as pezas, tería dereito de tenteo e abondaría con que igualase a maior oferta para ser titular das obras.
Colectivos pola protección dos murais ou o BNG levan anos denunciando o desleixo das administracións no coidade destas obras
No medio, reproches do Concello á Administración autonómica e desta ao Concello, a quen criticou por non ter preparado o informe para iniciar o proceso. Desde a administración local advertían que a Xunta podería ter protexido os murais en calquera momento.
Pero xusto este mércores, ao pouco de coñecerse as ofertas definitivas, o Concello da Coruña e a Xunta anunciaron nun comunicado que impulsan xa a declaración BIC "para a protección" dos murais.
"A Xunta prepara a incoación do expediente para declarar BIC a serie de murais utilizando tamén os informes desenvolvidos a este respecto polo Concello e que remitiu no día de onte logo de conversas entre ambas as administracións", di o comunicado, no que se asegura que representantes da Consellaría de Cultura e do Concello mantiveron contacto "nas últimas horas" para "traballar en común neste asunto", coincidindo ambas" na súa relevancia e interese para A Coruña e para Galicia".
"Co obxectivo de impulsar a devandita declaración, a Consellería púxose en contacto co Concello para solicitar a documentación dispoñible, avaliar a declaración e avanzar na mesma. O Concello ofreceu a súa máxima colaboración para a conservación dos murais", di a nota, na que se asegura que dede Patrimonio se analizan os onfirmes para unir aos que xa están en poder do Goberno autonómico e "proceder a incoar a declaración BIC deste conxunto do artista coruñés".
Logo de confirmarse as ofertas polos murais, Xunta e Concello din impulsar o BIC para darlles "máxima protección" e co "interese común" de manter as obras na Coruña e de que "sigan sendo públicas"
Deste xeito, búscase "dar a máxima protección patrimonial a estas obras baseándose no seu valor artístico e orixinalidade, tendo en conta ademais o interese común por manter as obras na cidade da Coruña, a importancia de que non se disgreguen e se manteñan xuntas no futuro", no marco, din, do actual proceso concursal en marcha, así como "a posibilidade de que sigan sendo públicas, garantíndolle o acceso á cidadanía en calquera situación".
Desde o BNG da Coruña lembran que levan anos advertindo da necesidade da protección BIC para estes murais e alertando da "confrontación estéril" da Xunta co goberno local da Coruña "coa complicidade silente do PP" local, segundo di Mercedes Queixas, deputada autonómica nacionalista. "Nunca é tarde para rectificar", dixo tras coñecer o acordo entre Concello e Executivo autonómico.
Obras emblemáticas
O conxunto mural da rúa Olmos está composto por oito pezas que formaban parte do antigo local de hostalería, o restaurante Fornos, que iniciou a dar comidas a finais do século XIX. Son pinturas sobre a cidade, centradas especialmente en motivos do mar como áncoras, veleiros, barcos, ademais da Torre de Hércules ou o Castelo de Santo Antón.
Os edificios onde se sitúan os murais pertencen á empresa Alameda de Órdenes, en concurso de acredores por unha débeda duns dous millóns de euros. A intención da Xunta é mercar as pezas, trasladalos, rehabilitalos e expoñelos no Museo de Belas Artes da Coruña. Desde a asociación cultural O Mural ou o colectivo In Nave Civitas rexeitan que as obras sexan trasladadas e cren que deben restaurarse alí porque foron creados para aquelas paredes e porque movelos poríaas en risco.
As dúas entidades levan anos advertindo do risco de desaparición que sofren estas obras de Lugrís, nun edificio con graves problemas de humidade e filtracións de auga, unhas condicións moi prexudiciais para a pintura, tendo en conta o efecto negativo do fume do tabaco que presidiu durante décadas os locais de hostalaría que ocuparon este espazo. Así mesmo, lembran que Lugrís non empregaba materiais de calidade, o que fai a súa pintura máis susceptible a sufrir un deterioro.
O Mural chama a atención sobre o feito de que a poucos metros destes murais se atopa outra obra de Lugrís, Vista da Coruña 1669, que si ten consideración de BIC, e que no ano 2016 foi trasladado dende a súa localización orixinal na rúa Real (foi pintado por Lugrís na sede do antigo Banco Hispano-Suízo, posteriormente Café Vecchio).