O Concello busca garantir "por razóns de interese público" a protección in situ do mural, o derradeiro exemplo dos que o Lugrís pintou en Santiago que aínda se conserva no mesmo lugar para o que foi pensado, algo "que lle engade máis valor á obra"
A Xunta de Goberno local do Concello de Santiago acordou este luns a aprobación inicial da modificación puntual do Catálogo do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) co obxectivo de garantir a protección dun mural pintado por Urbano Lugrís nun inmoble situado no número 56 da rúa do Franco e neste momento ocupado por un establecemento da franquicia 100 Montaditos.
O Concello busca garantir "por razóns de interese público" a protección in situ do mural, o derradeiro exemplo dos que o Lugrís pintou en Santiago que aínda se conserva no mesmo lugar para o que foi pensado, algo "que lle engade máis valor á obra", sinalan dende o Goberno local. Dos que existían na cidade perdéronse os do Hotel Compostela, os do bar Lugo e foron separados da parede os da Clínica Álvarez que agora se atopan espallados en coleccións públicas e privadas.
Na actualidade o local é un establecemento da cadea 100 Montaditos
O mural foi pintado en 1954 no que daquela era o Restaurante América, que décadas máis tarde mudou o seu nome por Nova Galicia. Foron uns tempos nos que a obra se foi degradando, ante a actividade diurna e nocturna do local e sen recibir protección nin traballos de restauración. En 2001 o daquela propietario do establecemento si levou a cabo algúns traballos de rastauración e, anos máis tade, cando o local pasou a mans da cadea 100 Montaditos, foi protexido cunha pantalla de metacrilato.
O mural foi pintado en 1954 no que daquela era o Restaurante América, que décadas máis tarde mudou o seu nome por Nova Galicia
O vixente Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) inclúe un Catálogo de protección, que identifica os inmobles que son obxecto de preservación, incorporando unha ficha de catalogación para cada edificio, na que se identifican os elementos catalogados. No caso do edificio que acolle o mural na rúa do Franco, ata o momento tiña asignado o nivel 4 (interese ambiental) pero non figura catalogado ningún elemento interior.
O Concello tamén solicitará o informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia
Tras esta aprobación inicial, a modificación puntual do Catálogo do PE-1 someterase agora a un proceso de información pública durante o prazo de dous meses. En paralelo a este trámite o Concello tamén solicitará o informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia. En todo caso, este acordo de aprobación inicial determina automaticamente a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas de edificación, parcelación e derruba no ámbito do inmoble que poidan ser incompatibles ou contrarias ás novas determinacións da modificación inicialmente aprobada.
Os murais que Lugrís pintou en espazos públicos -moitos deles restaurantes ou tabernas- atópanse en moi diferentes estados de protección e conservación
Os murais que Lugrís pintou en espazos públicos -moitos deles restaurantes ou tabernas- atópanse en moi diferentes estados de protección e conservación. Así, por exemplo, Vista da Coruña 1669, que si ten consideración de BIC, no ano 2016 foi trasladado dende a súa localización orixinal na rúa Real (foi pintado por Lugrís na sede do antigo Banco Hispano-Suízo, posteriormente Café Vecchio) ás instalacións de Afundación, na rúa Olmos da cidade herculina.
E, paradoxalmente, na mesma rúa Olmos atopamos un exemplo de mural moi ameazado e que aínda carece da mesma protección: o que se atopa no número 25, que antigamente ocuparon o Fornos e outros locais de hostalaría.