Alvarellos celebra o 50 cabodano de Lugrís rescatando cinco carteis cos que iluminou a Galicia gris da ditadura

Portadas de Urbano Lugrís publicadas en Vida Gallega © Alvarellos

Neste 2023 celébrase o 50 aniversario do falecemento de Urbano Lugrís, finado en Vigo en 1973. Para conmemoralo, Alvarellos Editora -que publicou toda a súa obra literaria en 2008 e 2017– vén de presentar unha edición facsimilar das cinco portadas históricas que Lugrís elaborou nos anos 50 para a revista Vida Gallega. Trátase de cinco carteis de gran formato (34 x 45 cms) impresos en cartolina estucada semi-mate de 300 gramos.

Neste 2023 celébrase o 50 aniversario do falecemento de Urbano Lugrís

As cinco obras levan por título “Globo de Betanzos”, “Alegoría de Vigo”, “Alegoría carnavalesca”, “Collage” e “Alegoría das catro provincias galegas” e foron publicadas entre agosto de 1955 e febreiro de 1959. Nestas portadas, cheas de cor, están presentes varios dos temas clave na obra de Lugrís e tamén recollen o seu estilo pictórico.

Portadas de Urbano Lugrís publicadas en Vida Gallega © Alvarellos

"O sangue artístico de Urbano Lugrís é un surrealismo de fantasía e de imaxinación. A orixinalidade da súa obra débese a estar inscrita nunha Terra e nunha Cultura fondamente galeguista e republicana, da que procedía. Con este legado ás costas atravesou a Longa Noite de Pedra"

Estas portadas cheas de vida e de cor contrastan co carácter gris e conservador da década dos 50 en plena ditadura franquista. 

Como sinala Olivia Rodríguez Tudela, estudosa do pintor e responsable da edición da obra literaria de Lugrís, "o sangue artístico de Urbano Lugrís é un surrealismo de fantasía e de imaxinación, que comparte con Eugenio Granell e con Maruja Mallo. A orixinalidade da súa obra débese a estar inscrita nunha Terra e nunha Cultura fondamente galeguista e republicana, da que procedía. Con este legado ás costas atravesou a Longa Noite de Pedra".

Vida Gallega, que se publicou en Vigo entre 1909 e 1938, tivo unha segunda época entre 1954 e 1963. Nesta segunta etapa Lugrís colaborou intensamente na revista, ben por medio de textos literarios mais tamén a través de espectaculares ilustracións

Vida Gallega foi unha revista mensual gráfica fundada por Jaime Solá en Vigo co obxectivo de dotar a Galicia dunha publicación gráfica de prestixio e calidade. Na revista, na que colaboraron destacados fotógrafos galegos do momento, apareceron os máis importantes acontecementos sociais e políticos que se sucederon no país e nas comunidades de emigrantes galegos. O primeiro número saíu en xaneiro de 1909 con portada de Castelao e o último en 1938, publicándose un total de 697 números.

Tivo unha segunda época entre 1954 e 1963 cando Xosé Iglesias Presa adquiriu a revista, trasladando a súa sede a Lugo en 1956. Nesta segunta etapa, na que se publicaron 77 números, Lugrís colaborou intensamente na revista, ben por medio de textos literarios mais tamén a través de espectaculares ilustracións como as que elaborou para estas cinco portadas agora rescatadas.

Os carteis véndense só a través da web de Alvarellos Editora e tamén durante a Selic de Compostela e na Feira do Libro da Coruña

Os carteis véndense só a través da web de Alvarellos Editora e tamén durante a Selic de Compostela, que se celebrará en xuño, e na Feira do Libro da Coruña en agosto. Véndense conxuntamente por un prezo de 23,90 euros

Alvarellos Editora publicou nos últimos anos toda a obra literaria de Urbano Lugrís, reunida en dous volumes: Balada de los mares del norte (2008) e El tesoro de Punta Herminia (2017). E tamén a obra de Rodrigo Osorio sobre o artista, titulada Orixe orzánica das sereas todas (2021).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.